sábado, 18 de setembro de 2010

Residencia

As miñas tías ingresaron porfín na residencia.
Hai un par de semanas recibiron unha carta certificada na que se lles explicaba que documentación e que aveños mínimos (roupa interior, calzado, medicamentos, cousas de hixiene, abrigos) lles cumpría levar ao novo domicilio.
As tías asustáronse ao principio porque pensaron que só podían levar unha muda, un par de zapatos, unha bata, dous vestidos, e nese plan; houbo que explicarlles con moita paciencia que aquela listaxe era só de mínimos, que podían levar se así o desexaban trinta mudas, trinta batas ou trinta pares de zapatos.
Tan literalmente o entenderon que acabei perdendo a conta das maletas que lles carrexei e das viaxes que fixen á residencia co coche ateigado de petates; dobrando parkas, saias e rebecas de punto, miña mai lembrábase da Piquer, pero ao verlles a colección de zapatos a min víñame á mente o armario de Imelda Marcos. A tía O., de cando en vez, daba a brasa coa tele, que por Deus non se nos esquecese a tele, e, mentres, tamén medraba a montaña das roupas para os pobres da parroquia.
As plantas non van e tampouco, obviamente, os mobles; sen problema: a outra irmá, que levaba semanas mirando para eles con ollos golositos, xa dixo que os quería para o piso da praia; as tías encolléronse de ombros e as cuñadas rifaron resucitando historias e rencores fermentados durante décadas; algunha vez pareceume ver ao meu defunto avó disposto a bater na mesa para poñer orde, e a miña pobre avoa morta entrar coa chinela na man, pero as augas voltaron devagar ao cauce diante da indiferenza xeral dos sobriños; meu pai e meu tío, tras se declararen non belixerantes, esperaban que escampara fumando na cociña.
De todos xeitos, ninguén marchou coas mans baleiras: estas semanas pasadas as tías foron devolvéndonos os agasallos que lles fixéramos ao longo da historia e que ás veces nin lembrábamos, como certo cacharro de cerámica azul que ao parecer lles trouxen da excursión de COU, e que agora esmorece nun recantiño dunha balda do meu salón.

5 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

O sistema de devolver os regalos a quen os fai ( que tamén puxo en práctica a miña nai) e intelixente: así nunca farás un agasallo que non che guste.

Chousa da Alcandra dixo...

Ata fai ben pouco, falar das "residencias" era case tabú.
Está claro que os cambios na estructura familiar fai necesario tamén mudar eses conceptos.
Estarán ben alí. Seguro.

susana moo dixo...

Cando me leven a min á residencia, espero ter un sobriño tan atento coma ti e que non esqueza ningún dos meus zapatos.
Outra cousa non, pero os zapatos!

Perry dixo...

Yo no creo que vayan a estar mal en la resiencia tus tias. Se irán habituando poco a poco, verás.

Aldabra dixo...

alégrome moito por elas, agora só hai que dexesar que se encontren alí a gusto... a mín (cando sexa maior) non me importaría ir para unha, antes de darlle que facer á miña filla, e o mellor.

biquiños,

p.d.: esta semana anduven un pouco liada por eso non vín antes a verte/lerte.