martes, 25 de xaneiro de 2011

Deprimente

Os xornais dicían que onte era o día máis deprimente do ano, e para demostralo reproducían a fórmula matemática dun científico de Cardiff que incorporaba factores climatolóxicos, económicos e persoais, como as tentativas frustradas de cambio, os bos propósitos fallidos, os malos hábitos non abandonados.
Así pois, non debe estrañar que a ministra escollese tal día para anunciar esa estraña decisión de converter as nosas caixas de aforros en bancos que algún día serán vendidos; deprime que sexan sempre os socialistas os que fagan o caldo gordo á dereitona, como co ensino concertado, a privatización das empresas públicas, as reconversións navais e industriais, e agora todo o sarillo da xubilación e as medidas de axuste cos parados; cen anos de loita obreira para conseguirmos os descansos, dicía meu avó en tempos de FG, e veñen precisamente os socialistas e permiten abrir en Domingo.
O día máis deprimente pasou pero o resto continúa: da folga convocada para Xoves os meus colegas ou non ouviron nada ou non pensan secundala, e a min non me quedan máis argumentos que o da disciplina sindical que me nace do carné de afiliado e o noxo a decepción perante o que vexo arredor.
Deprimente é escoitar na radio a ZP mentres almorzo, case tanto xa como escoitar a seguir o martelo que salvo meteoro ou algo nos gobernará en poucos meses; deprimentes son o prezo da gasolina, a Lei Sinde, a desunión dos sindicatos precisamente agora, as invitacións institucionais a visitar a Pirámide da Cultura; deprimentes as horas de publicidade propia na TVE, a nova visita do papa e que os antigos presidentes e ministros se forren legalmente tras deixaren o cargo facendo o paripé en consellos de administración e asesoramentos de empresas privadas.
Onte os xornais falaron do día máis deprimente do ano; hoxe aquí nós falamos do ano máis deprimente do día.
Xa saben: ese gris marengo tirando a negro.

7 comentarios:

Anonymous dixo...

É que cando o fai ben é vostede estupendo!

zeltia dixo...

joder, Kaplan, xuntamos todo e facemos un caldo que fede...
Van chegando así pouco a pouco, pero de súpeto visto así todo xunto, qe queda? ou liarte a ladrillazos,
ou meter a cabeza debaixo da ala: facer un tobiño e meterse dentro con eses que queres a comer e a beber e ver pelis da rede antes de que xa non se poida, imaxinand que cando nos xubilemos ós 67 anos ainda non precisemos bastón e teñamos pensións despois...

Xan dixo...

Fáltolle dicir, para maior desasosego, a ocorrencia do Alcalde de Lugo que de común acordo co PP vaille pór a 5 rúas de Lugo o nome de 5 alcaldes franquistas. Ou os 125000 € que o Concello da Coruña vai destinar a financiar os touros, non se oen as critícaas como as que provocou o dos pinganillos do senado. No referente ao paro só dicir que moitos daqueles compañeiros que antes criticaban a inanición sindical agora están desaparecidos en combate. vivir para ver....

Bolboreteira dixo...

Mi madriña! Dende logo mal panorama temos, así postas unhas cousas detrás de outras( e as que non puxeches) baixan a moral ata a suela dos zapatos ó máis optimista.
A sobrevibir que é o que toca...forza!!!
Bicos!

Sun Iou Miou dixo...

Mi ma. Gústame como escribe vostede cando lle sae a catástrofe de dentro, o que xa non me gusta nada é a catástrofe de seu, digo, de noso.

mariajesusparadela dixo...

Ainda por riba, todo contra nos.

Javier dixo...

Atopei este blog i xa no me movo.
Vivo lonxe da terra, pero sin ela non vivo.

Sempre preto.

Xavier.