xoves, 14 de abril de 2011

14 de Abril


Estou tan canso estes días que, se por algunha desas curiosas medidas de aforro con que nos sorprenden ultimamente, decidisen suprimir as vacacións que comezamos mañá, creo que me suicidaría bebendo por exemplo a tinta deses rotuladores made in Japan con que tentan substituír o xiz no noso instituto.
Mentres, en horas libres e tempos de café, cada cal vai revelando o seu destino: no meu departamento hai quen irá a Venecia, quen irá a ese inconcreto e proceloso lugar chamado aldea, quen irá a Londres e quen, por último, se deixará talvez caer pola Comarca para visitar a Haddock. Naturalmente, sempre que os calendarios de un e outro, e as axendas dunha e outra filla, o permitiren.
Coa señorita Kaplan falei onte para concretar: que me dixese que ten moitas ganas de vir animoume tanto que empecei a pensar se non será mellor ila buscar mañá en vez do Sábado, e que veña cargada cos deberes e os cadernos, e con esa novela ambientada nun mosteiro que me di que está a escribir e que quere que lea para lle dar a miña opinión. Non lle pregunto que plans ten para estes días; sei que me vai respostar que ir con súa avoa ás procesións e estomballar comigo no sofá vendo películas.
Ou vencerme xogando á wii: o fin de semana pasado estivo aquí Polis contándome a súa vida até que o descubrimento da consola o transformou nun adolescente con gravata, se iso é posible; confesou que con Encantador xogaban a diario, e que había moito que non practicaba; afortunadamente, penso eu, porque a malleira que me deu en todos os deportes, salvo os bolos, foi olímpica: catro días depois aínda me duran as maniotas, que son totalmente reais e sobre as que nada se di no folleto da consola.
Acabamos alasando e suando como animais de sabana, pero temos a cautela de sentarmos en butacas diferentes por se o pasado se nos bota enriba e nos enlea o sentido común; grazas a el, descubro que hai tres cousas que fago mellor usando a esquerda: xogar coa wii, pasar o ferro e unha terceira que non me está ben contar aquí.

11 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Vostede quere que supoñamos e, por suposto, supoñemos.
Boas vacacións.
(E feliz república)

mfc dixo...

Já me ri com a suposição!!!!
Boas férias!!

Bolboreteira dixo...

O das maniotas da wii e totalmente certo..comprobado.
Sexa como sexa que aprobeites ben estes días de descanso coa señorita Kaplan .Eu só terei catro díiñas ,e a ver se me dan para moito...tentaremolo.
biquiños!

Raíz Verde dixo...

Pase unhas boas vacacións que boa falta farán :D

zeltia dixo...

Kaplan, hoxe lendo o seu post pasei da nostalxia e a tenrura que me espertou esa urxencia súa por ir buscar á srta. Kaplan,
ata unhas sorpresivas boas risas que me arrincou co seu último párrafo.

paideleo dixo...

A esquerda sempre é útil. Mesmo nas vacacións.
A desfrutar das vacacións !.

Chousa da Alcandra dixo...

Disfrutarás (seino eu, que son mediomeigo) dunhas boas vacacións. Xa verás. O que non prometo é que o día do recomezo vaia ser agradable...Non se pode ter todo, raio!

Apertas

xenevra dixo...

Fan falla esas vacacións tras un trimestre case cuadrimestre.
Non sei onde irei, supoño que fuxirei cara un sitio con mar, onde os pensamentos voen sobre o fino cordel do horizonte.
Páseo moi ben coa señorita Kaplan

Sun Iou Miou dixo...

Eu debo de ser doutra galaxia, pero co ben a gusto que se está a facer deporte de verdade, ao ar libre... Conste que me alegro pola súa boa man esquerda. :)

(E do das vacacións non digo nada, que me poño verde.)

Anónimo dixo...

pois paréceme que tedes uns plans estupendos para estes días, seguro que o pasaredes ben.
biquiños.
Aldabra

Ra dixo...

Salud y...