luns, 4 de abril de 2011

Cine de Sábado

Fin de semana tranquilo, coa nena aquí, e a sensación de que boa falta nos tería feito unha mañá ou unha tarde a maiores; principalmente porque a señorita Kaplan traía deberes consigo e pasou horas dándolle voltas ao inglés e ás contas mentres eu facía as camas.
Aproveitamos a mañá do Sábado para sentar nunha terraza do centro despois de irmos comprar unhas camisas para min e un cepillo de dentes para a nena; segundo ela, cada vez hai menos cores na miña roupa e iso faime parecer un señor, cousa que me asusta menos que escoitarllo dicir á miña filla de dez anos.
Xantamos na dos meus pais e logo imos ao cine: Gnomeo e Xulieta é irrenunciable para a nena, pero polo menos ten un argumento relativamente sólido, sen números musicais para reencher a metraxe, e, cos óculos 3D e a montaña de pipocas á frente, non sufrín risco de monear como noutras películas de debuxos ás que a señorita Kaplan me ten arrastrado.
Mentres esperábamos a entrar achegáronsenos Polis e o Funerario, que non ían precisamente aos debuxos animados senón ás súas probables antípodas; que o acompañante de Polis é colega dos Fisher vénme sempre á mente ao estender para min a man inmensa ou cando lle pide un bico á nena, que ela lle dá civilizadamente e eu, civilizadamente, non podo evitar; por contra, Polis fai bromas tan campante sobre a urxencia de 94 anos que o día antes non lles deixou iren á función das oito.
Antes de despedírmonos, o Funerario saca de carteira e, sen que vallan protestas, dálle á nena un billete de dez, disque para caramelos, e iso sorpréndeme: non sei de que bucle espacio-temporal virá este tipo, pero hai séculos que non vexo facer algo así, salvo ás tías, aínda que a señorita Kaplan rápido se afai ás circunstancias e o billete desaparece no bolso, maxicamente, como eles dous desaparecen tras o pesado portón da sala 1.
Á noite estamos tan cheos de millo que só ceamos colacao, galletas e uns morangos colorados e brillantes, e ela xa nin propón xogarmos á wii: estomballados no sofá, vemos correr o xendarme coa mesma enerxía e a mesma luz dourada de cando eu era un cativo e íamos ao Kursal nas matinés e nas tardes das vacacións, sen Dolby nin 3D; antes de empezar a peli, a señorita Kaplan aínda me pide que lle volva contar os anuncios que poñían daquela, o do cabalo branco de Terry e o das pecas (ou tetas) Bella Aurora.

10 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Moito me gosta lelo, señor Kaplan...

Chousa da Alcandra dixo...

Eu tiro unha conclusión rápida: ou poucos deberes de inglés trae a señorita Kaplan, ou moito tempo lle leva a vostede facer as camas, raio!

(Esta fin de semana foi cinéfila tamén por aquí. Por fin puiden ver coa señorita Chousa unha das películas que máis me gustaron a min: El Oso. Disfrutámola moito. Ela por vez primeira, eu por enésima).

Apertas

Sun Iou Miou dixo...

Que boa vida e ainda por riba páganlles por saír de casa, polo menos á señorita Kaplan. Iso dos dez euros debe de ser porque está mal visto dar os caramelos directamente, que na miña infancia era o que se estilaba.

susana moo dixo...

Ah, si El Oso, super recomendable, de Anaud, o que fixo El nombre de la Rosa, y Dos hermanos, moi recomendable tamén para a señorita Kaplan.
Un gusto lerte ( xa facía que non viña).
Bicos

Bolboreteira dixo...

Que bo fin de semana! A señorita Kaplan apunta maneiras, que nena máis intelixente....ten razón co da roupa de cores :)
Biquiños

Aldabra dixo...

gústame ver o ben que o pasas coa túa nena... é bonito que a pesares dos pesares as cousas sigan ben entre vos... a miña filla non tivo tanta sorte aínda que agora as cousas lles van mellor... pero o perdido, perdido está.

as pelis de debuxos gústanme, pero claro, non todas... a última que vín no cine foi "Gru: mi villano favorito", e me reín moito con ela.

biquiños.

mfc dixo...

Isso é que é um fim de semana bem descansado!

Concha López Fernández dixo...

A isto chámolle eu un fin de semana completiño! Dá gusto ver que a xente goza das pequenas cousas.
E iso de ir ao cine ou ver cine coas crianzas é algo que boto de menos. As miñas xa medraron de máis e non coincidimos o tempo suficiente para ir ao cine. Mágoa!

Un saúdo.

zeltia dixo...

está currada a páxina de Torrente 4!

pois xa sabe, que llo teño dito, que me gusta o seu blog-diario.
agora xa veu vostede polo que; non só teño de 1990 moitas anotacións, se non de algún outro ano, e outras soltas.
Imaxínoo a vostede coa señorita Kaplan, e véxome eu co meu señorito zeltio :D (agora pésame non ter descrito máis das moitísimas veladas que pasei con el, pero parece que só me tiraba escribir dos tios ou do desgraciada que me estivera sentindo)

Tamén flipei co detalle dos cartos... é algo tan anacrónico! [como o cabalo de Terry]

Espero que o labor de restauración do blogue vaia xa rematando, ainda non tiven tempo de mirar como lle vai.

Unha aperta!

Raposo dixo...

Agora que o dís lémbrome dun anuncio que poñían nos cines de Monforte na miña época de instituto:
ROSITA, ajuar de novias y comuniones.