sábado, 9 de abril de 2011

Foraxidas

Onte tocou visitar as tías, que fuxían da calor moi ben sentadas á sombra no xardín da residencia. Despois dos bicos e os saúdos, despois dos informes de saúde e enfermidade, as tías pasan a sorprendernos coa súa última aventura: horrorizadas polo que din na tele sobre a crise e convencidas polo que se comenta no comedor de que a NCG está en bancarrota, a semana pasada foron retirar todo o diñeiro para levalo a un banco, onde cren que estará a salvo.
Non sexades parvos, recomenda a tía O. ao ver a nosa cara de parvos, facédeo vosoutros tamén.
A pensión non a cambiaron: de momento, remacha a tía G., que nos conta como pillaron un taxi para iren á caixa de aforros, como pediron ao taxista que esperase por elas para levalas ao banco, como ameazaron con chamar a policía porque o empregado lles puña pretextos, e como lle deron unha boa propina ao taxista, que foi tan riquiño que até lles aparcou nunha zona prohibida en Santo Domingo para non teren elas que cruzar entre os coches até o banco.
Pero agora xa durmimos tranquilas; inda tiñades que vernos saír da caixa co bolso cheo de billetes de dous centos e de quiñentos, conclúe a tía O. escachando co riso: parecíamos dúas foraxidas.

12 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

E a Caixa (NCG), co estreñida que está, quedou ainda máis amolada...
Moi bo.

mfc dixo...

... e se elas tiverem razão daqui por uns tempos?!

zeltia dixo...

oes, pois igual ía ao mesmo unha vella velliña que me asaltou a min nun semáforo pechado na porta do copiloto "baixa a ventanilla" díxome. "e poderiame levar ata a caixa de aforros de aí en diante? e que lle ando mal das pernas..."
Abrinlle con certa reticencia, hoxe sintese cada cousa das velliñas que non as fai moito de fiar. Polos escasos 500 metros contoume que o seu fillo non quere pedir no traballo para levala á Caixa porque igual o botan con isto da crise"
Tamén eu tiven que parar onde non debía para non deixala fráxil e con pouco equilibrio, no medio das obras da cidade que quere estrear pavimento á vez en toda ela!
As súas tías cada vez sonme máis simpáticas,
Kaplan!

Sun Iou Miou dixo...

Eu sei fixese iso, con certeza non ía sair da NCG coa mochila cargada de billetes. Nin lle ía notar o peso. Que tristeza. E aínda non cheguei a xubilación...

Enfin, menos mal que as tías coa súa clarividencia nos van dando estas alegrías.

paideleo dixo...

Hai un dito chinés que di: non poñas todos os teus ovos nunha mesma cesta. Supoño que o dito acáelle ben a esta situación e o máis seguro sería repartir os cartos entre varios bancos.
Eu non teño ese problema porque vivo ao día e os cartos que teño gardados en bancos e caixas non chegan a nada.

Guillermo Pardo dixo...

Igual teñen razón co cambio. A experiencia é un grao. A imaxe de foraxidas é xenial. Saúdos.

Concha López Fernández dixo...

Eu non che sei. Polo de agora seguirei co que teño, agardando acontecementos. Se quedo sen nada, como xa nada teño, pois tanto ten.

Esta historia é moi peculiar e di moito do sentir galego. Creo.

Saúdos.

susana moo dixo...

Qué toliñas!
jajaja, as foraxidas.

Yolanda dixo...

As súas tías parécenme únicas. Góstame a imaxe de foraxidas...

Bolboreteira dixo...

Unha anecdota moi divertida!!! Imaxinalas e tal situación resultame do máis gracioso.
Han de ser ben simpáticas, ademáis de listas.
Bicos!

Anónimo dixo...

pois non creas que non me entraron gañas de facer como túas tías porque un xa non se fía de ningúen... vai ti a saber...

o que sí teño claro é que túas tías son moi simpáticas.

biquiños.
Aldabra

Raíz Verde dixo...

Unha das cousas que máis me molesta das entidades financeiras é o monte de trabas que che poñen para retirar "os teus cartos", como se non foran teus para levalos onde che dera a gana.

Un saùdo