venres, 22 de abril de 2011

Temos que falar


Se xa dou en tremer cada vez que alguén me di temos que falar, agora que mo dixeron tres persoas en menos dunha semana non é de estrañar que ande buscando un bunker.

Primeira: o intercambio de mensaxes de móbil con L. a respecto do fular e o manual de sintaxe que, entre outras ruínas, deixou na miña casa após a súa marcha precipitada hai máis dun mes culmina cunha chamada dela: moito ruído de fondo e demasiados silencios, non só por falta de cobertura, acaban na frase de marras sen concretarmos nin onde nin cando falaremos.

Segunda: paseando coa señorita Kaplan polas Cortiñas de San Román atopamos de frente a Vapin, sen escapatoria posible. Sorpréndese do alta que está a nena e pregúntolle polo fillo del; con 22 meses corre coma un demo e eles están agotados de seguilo para que non colla cousas que o manquen; cóntolle aquela vez que a señorita Kaplan saíu correndo do estudio cun cutter na man, e sinto aínda polo lombo o mesmo arreguizo de terror ao contalo. Fórmanse escuras nubes de tormenta sobre nós cando nos despedimos e, praza abaixo, resóame a frase nos ouvidos mentres a señorita Kaplan me fala dos seus amigos da escola ou pode que do libro que quere coller na Biblioteca.

Terceira: Calmo opina que estaría ben que me achegase a Delfos o Domingo de Ramos para xantarmos xuntos, ese eufemismo; a súa mensaxe chégame mentres na Raíña a nena fosgalla con nenos e maiores por pillar un ramiño do monte de loureiro abandonado que non deron vendido os xitanos despois da procesión. Poucos minutos despois da miña resposta (que antes de Xoves vai ser imposible porque teño a nena comigo) chega a del incluíndo a famosa frase, pero incrementada e elevada ao cadrado: Calmo e eu, ao parecer, temos moito moito que falar.

12 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

O pronóstico da conversa sine die con L. tenme pinta de xaveremos. Claro que con estas cousas nuncasesabe...

Sun Iou Miou dixo...

Non o vexo moi predisposto ao diálogo. En fin, igual fai ben, xa sabe que todo o que diga pode ser utilizado na súa contra. ;)

paideleo dixo...

Temos que falar sempre soou a final dunha relación.Polo menos no meu caso. É lóxico terlle medo.

susana moo dixo...

Boeno, falar é bo, non sei a qué tanto medo. Falar é bo sempre, serás ti dos que se expresan mellor escribindo que falando??
Boeno, xa contarás.

mfc dixo...

Ter que falar é sempre um bom motivo para a gente se encontrar!

A nena do paraugas dixo...

"Temos que falar" é unha frase que tenta ir directamente ao gran, logo dunha longa espera. Eu tamén me sentei estas Semana Santa e dixen esa frase. A conversa durou catro horas e de madrugada. Agardo que con quen falei se aclarase ben para non errar o seu futuro.
Si. Dáme algo de medo esta frase.

Un saúdo.

Roi Liorta dixo...

Temos que falar é o epitafio máis famoso das relacións.
Cando o escoitas, estás fodido.

North Sea Sullivan dixo...

¡Acabáramos!

xenevra dixo...

Sempre teño a sensación de que cando alguén di "temos falar", o que realmente quere dicir é "vou falar e tesme que escoitar, queiras ou non". Eu, covarde de min, sempre fuxo desas frases. Neses casos prefiro ter de aliado o silencio.
Que as palabras sexan propicias... cando menos sempre poderá falar do libro coa señorita Kaplan.

zeltia dixo...

Oiches Xenevra, pois creo que ata a frase menos ben posta é mellor ca un silencio. O silencio e un oceano.

Non sei porque hostias non saiu o meu comentario. Estiven aí co móbil na miña aldea, dale que te pego, todo un discurso tentando convencelo de que falar era bo... pero agora xa perdín as ganas.
Pero... sí home sí, aclarar os malos entendidos, poñer sobre a mesa as cousas que se foron agochando ao caladiño que di xenevra, sempre é bo. (se cadra fai dano, pero é bo)

Anónimo dixo...

cando escoitamos, temos que falar, tendemos a pensar en reprimenda, ou en un "fin" sobre fondo negro pero tampouco ten porque ser así.

o primero "temos que falar" de L. vai ser o que mais che dará que pensar, sin dúbida... cousas de parellas, semella, e xa se sabe... un nunca acaba de decir todo o que quere, o que sinte.

biquiños.
Aldabra

X dixo...

Encántame este fondo azul reincidente!