venres, 6 de xullo de 2012

Chuvasco

Onte, o primeiro paseo en meses por Mouse Park acabou en diluvio e eu, á mesma considerable distancia do coche que da casa, sen paraugas nin botas pola precipitación da camiñada, acabei pillando unha molleira máis que razoable.
A cuestión é que facía eu co coche por alí: pois viña de deixar os pais na casa deles despois dunha visita á tía G. na residencia, a máis breve da historia, apenas dez minutos, porque cando a demos localizado despois das voltas habituais por ascensores, corredores e salas de televisión ateigadas de vellos hipnotizados coa vida dos Thyssen e outros culebróns, a miña tía estaba na bicha do practicante (así lle chamou ela) para que lle axustasen o novo audífono, co que toda comunicación era imposible.
De volta para Ithaca, a miña mai volveu expresar a súa admiración pola tía G., a quen describe xa como unha robinsona da terceira idade: a catro meses da morte da tía O., nun novo cuarto e cunha compañeira de habitación inseparable que a leva a pasear polo xardín cando o día o permite, a miña tía refixo a súa vida e reparte o tempo entre visitas á perrucaría, o podólogo, o médico, a bicha dos medicamentos, as novelas da tarde, a bicha da tensión, a sesta da sobremesa e as misas dominicais, impecablemente vestida e calzada, e sen repetir modelo, recalca miña mai por último.
En canto os deixo soa o móbil: Tere Holmes, con quen tiña previsto xantar un día destes, pregúntame se estou de acordo en quedarmos venres por non sei que imprevisto; a min venme ben porque xa me estaba tentando ir a Mouse Park e comprobar se as últimas choivas se deixaran sentir e o río fluía e corría a auga pola seimeira.
Esquecín, sen embargo, que o tempo está voluble e que en plena ruta de volta ao coche me había de sorprender un chuvasco mecanógrafo contra o que de pouco valeron os zapatos e a roupa que levaba, por moito que tentei gorecerme ao abeiro dunha ponte.

Ningún comentario: