martes, 7 de abril de 2009

Ríos

Sigo un ano máis de garda.
Sen vacacións por aí fóra, as vacacións aquí dentro convértenme nunha especie de retén que non pode cometer a indelicadeza de impoñer prazos, horarios ou citas aos que teñen un pé na rutina e o outro nalgún apetecible recanto do planeta, preferentemente con vistas fluviais, que é o que se leva este ano.
Como non, se o outro día, no vestíbulo do auditorio, Polis me falaba dunha viaxe que a crise mellorou, e en que a única dúbida era se facer primeiro o cruceiro polo río ou viceversa.
Como non, se Teddy desde Sábado atravesa con Deni outros horizontes e outras ribeiras menos milenarias pero moito máis etílicas.
Como non, se May explora o Devonshire procurando demostrar que o río que pasa por Totnes non é máis belo que o río que pasa pola súa aldea.
Como non, se até a miña ex me pediu fixar o check-point-charly na mesma sala de espera do aeroporto porque mañá regresa do Bósforo cos ollos asolagados de solpores e a bagaxe a rebentar con agasallos para a nosa filla, quen precisamente hoxe no almorzo me fixo prometer que, cando chegue o Verán, nos volveremos bañar no noso humílimo e discreto río, como non, ese que sempre pasa e sempre queda.

2 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Cada vez estou máis segura de que a crise vai ser boísima: se á xente lle da por cambiar as praias de Cancúm polos ríos e lagoas da nosa terra, o regato de Lusín (o máis preto a Paradela) deixará de baixar cheo de merda (sí, merda), para se converter nun paraíso de augas de cristal...¡Bendita crise!
(A crise dos que van ver os ríos que vostede menciona,¡ madia leva!

bueno dixo...

A river runs through it.