luns, 9 de novembro de 2009

20 anos


Pasaron 20 anos, como de case todo.
Tamén daquela noite en que celebramos a caída do muro, non en Berlín e rodeados de alemáns, senón rodeados de alemáns no máis ruinoso e desconxuntado andar de Alfama, onde vivía unha das miñas colegas alemás de turma.
A loira chamábase Kirsten, e a historia pillounos tan sen previo aviso que alí non había máis que viño maduro e cervexa para brindar diante da tele en branco e negro, mentres o teléfono non deixaba de soar e pola porta aberta seguía a entrar xente, como no camarote dos Marx.
Naquela sala húmida e balorenta en que M. e eu estábamos por primeira vez, e da que sacábamos os mobles anticuados, repartíndoos por cuartos e escaleiras para facer sitio, europeos dos catro puntos cardinais, franceses, italianos, suízos, polacos, británicos, belgas, dicíamos adeus a aquela Europa absurda e traumatizada dos nosos avós e dos nosos pais, e dábamos a benvinda aínda non sabíamos a que.
Quero pensar, pero non estou seguro e probablemente non foi nin daquela nin alí, que esa noite e nesa húmida e balorenta sala ateigada de xente entusiasmada, biquei por primeira vez a M.
E pasaron 20 anos, como de case todo.

2 comentarios:

peke dixo...

Eu non lembro que estaba facendo.

mariajesusparadela dixo...

Eu, daquela, xa estaba onde agora estou no traballo. Foi máis adiante cando eu rachei o muro e aísn da cidade cara á liberdade...Paradela.