domingo, 1 de agosto de 2010

A nena medra

Aínda quedan por moer dous días turcos coas súas fotos (perdón!), pero é verdade que o presente corre que se mata e eu nestas semanas non dei máis noticia de min que a de estar vivo cos meus posts e algúns comentarios que, aquí e alí, fun deixando nos blogues de costume.
A señorita Kaplan, que estivo comigo esta quincena, marchou xa e levou consigo a rutina das vacacións; é precisamente nelas cando máis claramente comprobo que medra ao vela máis independente e autónoma, e até me sorprendo ás veces lembrando como eran as cousas antes e como son agora: se ben se baña, se viste e se peitea soa e a súa máxima preocupación é levar a roupa combinada, cómpre estar atento para que non me saia da casa cos bigotes do colacao; como non, segue a ser bastante repunante nas comidas, que frecuentemente se eternizan, e teño que facer esforzos para non lla dar eu mesmo, o cal unhas veces a enche de vergoña e outras non.
Le ferozmente, como facía eu aos seus anos pero, a diferenza de min, non odia as matemáticas; non xoga xa con case ningún dos seus xoguetes, aínda que non mos deixa dar; descubriu a mina dos chistes, e rara é a hora sen que apareza Jaimito no horizonte; seguimos dando longas camiñadas xuntos e ao serán estomballamos no sofá para ver vellas series e películas, que agora son sobretodo de amor e de misterio; naturalmente, encaixámonos no cine os óculos 3D para ver Toy Story 3, e xogamos todos os días ao parchís coa miña mai na sobremesa; segue vindo cada mañá á miña cama en canto acorda, e o experimento de lermos cadanseu libro de Calpurnia Tate xuntos por pouco non se converteu nunha carreira de velocidade, pero resultou simpático; fago que me axude poñendo a mesa e facendo a cama dela, pero á primeira de cambio desaparece camiño do váter ou vai buscar algo que lle esqueceu e hai que chamar por ela.
Que a señorita Kaplan medra é un feito: cada vez pasa máis tempo falando por teléfono coa súa prima, e tampouco houbo día que non buscase mensaxes das amigas na conta de correo que quixo que lle abrise estes días.
Cómpre irse afacendo a iso.

6 comentarios:

zeltia dixo...

cómprelle!
tres, catro aniños máis e tí pasarás a habitar detrás do espello!

xenevra dixo...

e que ben que medre!!! Ceryo que notei unha pegada babioca ao longo do post e sentín uns ollos orgullosos percorrendo cada movemento da pequena grande. Eu dende aquí envexo esa felicidade que debuxas nas palabras.

Noemí Pastor dixo...

Disfrútala.

Xan dixo...

Medran e fortalécense os afectos con esa tenrura que nos mostra ao contarnos esas pequenas cousas cotiás cheas de instantes felices.
Que sigan disfrutando.
Un saúdo

Sigrid dixo...

Señor Kaplan, son lembranzas únicas e deliciosas. Claro que medramos. Todos. Pero ter o privilexio de ver como o fan aqueles que queremos é absolutamente marabilloso. Moita sorte ten vostede, disfrute de cada momento. Son xa parte da historia de pai e filla.

paideleo dixo...

Todos medramos e máis eles.
Ata o noto eu co meu Leo.
Gracias polas visitas e comentarios, creo que nunca cho agradecín e van sendo horas.