venres, 13 de agosto de 2010

Onte á tarde

Onte á tarde estivo aquí Polis, veuse despedir antes de voar ao Caribe, queixándose amargamente de que tamén a el isto da crise o afectou e lle reduciu as vacacións: tanto medraron os embargos, as quebras e os impagamentos que este ano cumpriulles no despacho organizar quendas tamén en Agosto, e Polis anda amoucado porque só ten quince días e as mesmas ganas de sempre de aventuras, sexo e praia.
Cando lle pregunto que vai facer con tanto ouro, el dáme unha resposta tan ordinaria que non serve para poñer aquí, pero que nos fixo rir como idiotas todo o que duraron as cervexas e o tabaco, e así ninguén se embreñou con preguntas incómodas e camiños sen retorno, todo moi diplomático, e nese plan.
Antes de marchar, Polis abriu o maletín con tanta cerimonia que pensei que me ía entregar unha orde de alzamento; en lugar diso, puxo sobre o cristal da mesa baixa as dúas primeiras temporadas da única serie que para el rivaliza coa máis grande de todas: que non se me ocorra non vela porque en Setembro me vai poñer a andar, avisou aínda, case no ascensor e pasando un dedo polo pescozo, de les a les.
Que non teña medo: cando me fun deitar levaba vista máis da metade da primeira temporada; iso si, tamén eran as catro e media da mañá e eu empezaba xa a facer corpo coa butaca.

2 comentarios:

zeltia dixo...

Homeeeé, non sei se rivaliza, porque non ten comparación, son cousas tan diferentes!
Non poño aquí un enlace a un post onde falo da impresión que me deixou cando rematei de ver o último capítulo da 6ª e derradeira tempada, porque contén spoiler; se non xa se vería canto me gustou!
Vin parte con subtítulos e parte doblada, axudoume a pasar unha tempada desas de reclusión (xa non recordo se forzosa ou voluntaria)A difrutala, pero sen excesos [que despois sae un á rúa co sofá pegado o cú e non se decata]

Aldabra dixo...

hay que tener afición para estar tanto tiempo viendo una peli...

bicos,