domingo, 8 de agosto de 2010

Peugeot

Foi subindo de Delfos a Ithaca, viña a nena comigo, e aos poucos kilómetros aquel ruído da ida, aquela especie de vibración e a campaíña de fondo aumentaron até niveis de avión rasante; era o que supuxen, porque xa me sucedera unha vez, no século XX, co AX: levábamos literalmente arrastro o tubo de escape, nunha tarde de Sábado sen mecánicos, e a pota, máis pota que nunca con aquela eiva, parecía xa un ecce-homo.
Se demos chegado ao noso destino foi porque na gasolineira en que paramos atopamos un cuñado, un habilidoso deses que non dubidan un segundo en subir a un tellado, abrir un aliviadoiro ou meterse baixo dun coche, que se apañou para atar o tubo ao chasis cun arame de ferro que atopou, mentres a señorita Kaplan nos tiraba dramáticas fotos de medio corpo.
Varios días sobrepasado de decibelios e moitas contas despois, aquela miña firme vontade de resistencia abalou diante do evidente, da tentación do climatizador e até duns faros felinos, como os describe o folleto comercial, e eu, que sempre fun fiel a unha marca, acabei índome con outra n canto me fixo unha oferta que non podía rexeitar.
Está todo tan limpo e axustado dentro, co seu impecable painel de mandos e os tapizados novos, que algunha vez cando o vou coller, en lugar de ir comprar ao supermercado, en realidade do que sinto ganas é de poñer rumo á Porta de Tannhäuser.

5 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Son verdadeiras casiñas rodantes, e todas -unhas marcas e mailas outras-, todas levan un león dentro! (Boeno, ou unha leona!)
Que o disfrute con xeito e sorte.

Sigrid dixo...

Vaia, parece que anda vostede como neno con coche novo...pois ben, comprendo esa sensación de poñer rumbo ás portas de Tanhausser eu tiven a mesma cando estreei o meu pequerrechiño hai xa catro anos. Como son pouco replicante e só moderadamente bladerunneriana, eu puxen rumbo a Mera a tomar unha cerveza cando saín con él do concesionario. Iso sí, con actitude. :-)

zeltia dixo...

jajaja moito me rin recordando as miñas desventuras coas miñas sucesivas potas. Entre elas, claro está non podía faltar unha no que o tubo de escape soltouse -despois de días pasada de decibelios- e quedou tumbado, longo e ferruxento, no medio e medio da Ronda de Nelle, mentres os demais conductores o esquivaban perigosamente: carreira de obstáculos.
Qué boa sensación ir nun coche do trinque! agora vaise poñer vostede repugnantiño con iso de: sacude os pés antes de entrar, non me fumes, non me comas, non te descalces para por os pés no salpicadeiro?

xD

vaia, xa me pasou vostede á banda dos que teñen un coche "como dios manda", con faros felinos e todo.

R no tocante a deixar de ser fiel á marca... tiña ser.

Xan dixo...

A crónica dunha infidelidade a medias ( son as dúas francesas e comparten a fabricación de motores e outros compoñentes)
Que o disfrute.
Un saúdo

Maribel-bel dixo...

Eu merquei un Renault e cando entro dentro véxome en outra dimensión, ata fala...será desvergorzado. Sorte!