martes, 31 de agosto de 2010

Tesouro


No fondo dunha gaveta da casa dos meus pais apareceron un destes días tres vellas moedas de 10 céntimos, tan gastadiñas que apenas se ve nelas o xenete gravado nunha das caras e na outra a galiña coa barriga chea do que larpou (castelos, leóns, barras, cadeas).
Imposible saber canto levarían alí nin quen as gardou ou esqueceu, nin por que ninguén argallou antes na gaveta do tesouro.
Na sobremesa de hoxe volvemos os ollos ao túnel do tempo, e meus pais dividiron e multiplicaron con soltura e saudade, pasando os céntimos a reás e a toda a fauna fraccionaria, e viceversa, antes de repartirmos o escaso botín: daquelas tres gastadas moedas de aluminio, unha foi para a miña sobriña, outra para min, e a miña mai quedou (de novo) coa terceira.

7 comentarios:

paideleo dixo...

Os fondos das gavetas son imprevisibles.

zeltia dixo...

Sempre atopo algunha curiosidade no seu blogue.
hoxe entereime por qué se lle chamaba "perras gordas" a unhas moedas que nunca vin, pero das que todos oimos falar:

"para tí la perra gorda"
ou "non teñen unha perra"

se valían 10 cts. de peseta, entón tiñan o mesmo valor que os posteriores patacóns [que non valían para comprar nada...] e que foron parar ó fondo da gaveta...

Sun Iou Miou dixo...

Algún día, alguén fedellando entre as miñas gavetas e caixas de cartón tamén atopará tesouros deses...

Chousa da Alcandra dixo...

Así me gusta, que fagades as partixas sen navallas!

(10 céntimos de peseta...non era un can?. Valía máis un can ou unha cadela?)

Mararía dixo...

Dentro dun tempo, algún descendente as atopará escondidas nalgún caixón de última hora.

Aldabra dixo...

eu tamén teño moedas gardadas e billetes de papel, firmados por un dos meus tíos cando estaba a faver o servicio militar... de cando en vez gústame velas... ata teño unha moeda de prata, coa que quero facer un colgante o un llavero algún ano de estes.

biquiños,

A nena do paraugas dixo...

Gústame a cotidianeidade do teu espazo. Acabo de aterrar nel e a medida que vou lendo, parece que me vou mergullando neses pensamentos que se me veñen á cabeza cando subo coas bolsas da compra, ou estou diante do meu caixón desastre rebuscando algo e atopo de todo menos o que me cómpre.

Volverei por aquí se non che importa. Gustoume moito.

Un saúdo.