sábado, 29 de xaneiro de 2011

Sucedeu unha noite

Segundo as últimas noticias, ao parecer antonte só fomos á folga tres persoas no meu instituto.
Nin Erg nin Cam, nin moito menos Chicles no Pelo, que polo menos non viñeron onte con xustificacións nin pretextos de mal perdedor; quen si demandou a extremaunción foi E. no corredor de arriba, que veu coa conciencia avariada para dicir algo tan bobo como que estivera dándolle voltas e ao final, cando foi para a cama despois da película, decidiu que non folgaba e agora estaba arrepentida.
O día para min foi moito máis caseiro que outra cousa: coa neveira ateigada de víveres como para resistir un asedio e sen necesidade de saír, acordei tarde porque me deitara moi tarde, almorcei cos xornais en liña e volvín para a cama a ler; puxen en orde a casa mentres no forno se asaban dúas patas esquerdas de atrás de (obviamente) dous coelliños diferentes que serviron de prólogo a unha tarde estomballada e sen cores: fóra, porque orballaba no día morriñento; dentro, porque a pasei en abeiros e vehículos inverosímiles xunto a Clark Gable e Claudette Colbert por unha América amable e en branco e negro.
Á hora da cea chamou Polis para recordarme non só que está vivo tras a enchente de fumées e robalizas senón que ademais cumpre 46 tacos a semana que vén e está disposto a celebralo; dime que está medio de baixa, recén operado dun absceso de pus e, sen que ninguén mentase sogas en casas de enforcados nin nada semellante, pasamos a metade dos 56 minutos telefónicos falando das nosas popas respectivas, e o resto xurándolle que o Mércores ás dez da noite estarei sen falta chantado no seu felpudo.

9 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

As noites dos mércores son excelentes para celebrar cumpleanos de amigos. Outro cantar son despois as mañáns do día seguinte...(*). Felicite a Polis da miña parte tamén

Chamoume a atención que fosen patas esquerdas o que xantou nun día coma ese.
Saúdos e saúde.

(*) Nótese a miña delicadeza semántica obviando empregar a palabra "xoves"

Son Unha Xoaniña dixo...

Non estuvo mal o plan, Así vou pasar eu o dia de mañá, (Domingo) nin sequera ei quitar o pixama, e de segura asarei as duas patas esquerda e dereita e algo masi que teño xente na casa.
Saúdos

Tongzhi dixo...

Um dia, como se costuma dizer por aqui, de "descansar os sapatos"...

Bolboreteira dixo...

Unha boa forma de aprobeitar un día... :)
Biquiños

Xan dixo...

A súa foi unha folga ben pracenteira

Sun Iou Miou dixo...

Mi ma, esas popas deben ser como globos terráqueos para dar tanta conversa ;)

Aldabra dixo...

esas pelis siguen a ter a seu encanto ¿verdade?

biquiños.,

zeltia dixo...

alédame constatar que non son eu soa quen mantén conversas telefónicas interminables... [falando do que sexa, popas incluídas se falta fixera]

eu o que admiro é o asado e iso de por orden na casa... o de almorzar e deitarme de novo é algo que practico nos dias libres se non teño plan fóra

xenevra dixo...

Parece que fomos poucos os que folgamos, aínda que recoñezo que na manifestación había máis xente da que eu esperaba.
Espero que non cunda o desánimo e que sigamos esixindo oque cremos xusto.