xoves, 10 de febreiro de 2011

Calmo, mentiras e discos de ópera

De Delfos, da casa de Calmo, trouxen este Domingo dúas novas entregas de ópera e a estraña sensación de que estas citas dominicais de charla e codillo empezan a caer na penumbra: quedou moi claro no seu día que non ía haber nin explicacións nin pretextos nin promesas de nada, e menos aínda do de sempre.
Xantamos no das outras veces o suculento coxote asado que costuma ser o prólogo; logo voltamos para a casa sentindo a Primavera axexar nas arboriñas da contorna, e empeza o rosario de evasivas e mentiras até a vida ser de novo a que vivimos por separado.
Estou aínda atando os zapatos cando Calmo aparece ao meu lado cos discos das dúas óperas que esta vez me escolleu para que traia. Un deles aínda está na caixa, pero o outro, Norma, vérteme desde o estudio pola casa enteira a voz da Callas que, se ben non é tecnicamente o que se di unha voz perfecta, como diría Calmo, si ten o que debe ter para ser única. Sexa polo que for, desde Domingo cada vez que paso diante da máquina premo o botón e recomeza a Casta diva.
Non podo parar.

10 comentarios:

zeltia dixo...

Catro outonos xa desde que apareceu Calmo entre as liñas de Robinson.

Como pasa o tempo. [fíxome mirar este dato iso de "e a estraña sensación de que estas citas dominicais de cama e codillo empezan a caer na penumbra"
-pero non di como iso o fai sentir-

...
eu tamén reparei nas arboriñas e no asomo da primavera.
todo chega avisando, non sei polo que nunca estamos preparados.

Bolboreteira dixo...

Non foi mal plan de domingo e con esa casta diva soando imaxínomo todo como de película de Fellini.
Bicoss!

mariajesusparadela dixo...

Todo ten principio e fin. E, penso que é bo sabelo.
A Callas era diva, pero din que non demasiado casta. Pero coa súa voz, todo se lle perdoa ( se é que somos quen de nos adxudicar ise dereito).
A música sempre salva. Isa, especialmente.

Concha López Fernández dixo...

A música, tocada ou cantada ten un aquel que fai volver sobre ela unha e outra vez. Igual ca a cama e as arboriñas en primavera, outono, inverno ou verán.

Boa elección a Casta Diva. Paréceme perfecta.

Un saúdo.

Xan dixo...

Hai músicas que nos fan volver a escoitalas unha e outra vez porque están en consonancia co noso estado de ánimo

Sigrid dixo...

Se non hai preguntas, se non hai respostas, só queda agardar á chegada da primaveira na caloriña dun leito dominical. E pechar os ollos sentindo outra pel.

As Tertúlias... dixo...

Ótima postagem... lindo quadro... e Norma... sim, a voz de Callas estava longe de ser perfeita técnicamente (e era considera uma vor "grande e feia") mas isto nao impede o nosso deleite nas suas maravilhosas interpretacoes... Amei este post "dominical".

X dixo...

Sr Kaplan, non amole e faga o favor de se molestar un chisco en pensar un título que estea á altura do post.
PD: Síntollo, ando enfadada co mundo.

Maribel-bel dixo...

Supoño que non é desilusión, parece todo estar pactado aínda que o ruxe ruxe do conformismo, non deixa de sobrevoar o post e provocar certa incerteza. Besiños

zeltia dixo...

O título está ben.
non nos volvamos tolos coa orixinalidade.