1. Mitreo: Coa señorita Kaplan visitei o outro día a parte visitable do templo de Mitra, fronte á Catedral católica, e alí, xunto a moedas enferruxadas, moas e unha ara votiva, tiven a oportunidade de coñecer os dous lugueses máis vellos que aínda admiten visitas, e que non son desde logo, nin moito menos, as tías O. e G., coitadiñas.
Ao saírmos á mañá radiante, a nena afirmou que quería ser incinerada por non pasar dentro de mil anos a vergoña de estar estomballada nun museo á vista de todos.
2. HULA: Desde que o inauguraron, hai poucas semanas, os que por unha ou outra razón xa estiveran nel poñían á proba a creatividade e a habilidade no uso de adxectivos, metáforas e comparacións hiperbólicas para describir os vestíbulos, corredores, aparcamentos e demais vísceras xigantescas do monstro hospitalario adormecido nunha das colinas que rodean a cidade.
Era cuestión de tempo inaugurármolo nós, e á tía O., que tiña case todas as papeletas, cóubolle a honra de estrealo, nesta ocasión porque os pulmóns non lle funcionaban ben; todos (e principalmente ela) confiamos en que lle darán a alta en poucos días.
3. Teatro: Acabou a Mostra de Teatro Clásico: atrás quedan O avaro, O soño dunha noite de San Xoán, Ricardo III, Volpone e esa sublime estupidez da clausura que foi a Salomé ambientada nunha churrascaría polo CDG; pregúntome se Wilde non se estará a remexer aínda na súa tumba, pero do que estou seguro é de que o Bautista ben merecía a degolación a xulgar pola súa interpretación. Salvo esta excepción, o nivel das obras venceu a miña preguiza sempiterna e reconcilioume en parte co teatro.
6 comentarios:
Caramba cantas cousas!!!
Únome os desexos de recuperación da tía.
Bicoss!
Isto é o que se chama un post con moitas VISITAS.
Mellorías para a súa tía.
E a señorita Kaplan non lle diga nada, pero rinme moito coa súa reflexión.
Comparto totalmente a opinión da srta. Kaplan, sobre o da incineración. Ademais o seu argumento é irrebatible.
E moi interesantes a visitas!
Bicos.
A señorita Kaplan ten moita agudeza e sentido común. Eu penso o mesmo que ela no tema da incineración. Vese que aproveita vostede o tempo.
Eu concordo coa opinión da señorita Kaplan. Xa sei que culturalmente non acaba de cuallar entre nós, pero ten moito sentido.
A respecto do HULA, por estas terras din que os de Lugo (léase os da capital) o único que fixeron alonxándonos o recinto é alonxalo tamén do San Froilán (léase cimiterio).
E seica non hai quen dea aparcado, carallo! (no hula, non no cimiterio, que me lio)
Saúdos
trabEu tamén estou dacordo coa incieración. Así se acaba dunha vez é non andan os restos meus por ningures. Só ceniza. Nunca vín un esqueleto tan de cerca.
Biquiños,
Publicar un comentario