martes, 22 de marzo de 2011

Recomezando


Hai xustamente unha semana, ao querer entrar en Ithaca atopei que toda a miña conta fora inhabilitada: sen previo aviso e sen outra explicación que un máis que difuso incumprimento das condicións de uso. Oito días despois, a conta segue inhabilitada, e se á sorpresa sucedeu o encabuxamento, tras deste veu a resignación e o aggiornamento.
Sigo convencido de non ter incumprido ningunha das normas, e de que a decisión da todopoderosa Google clausurando o traballo de máis de seis anos no meu blog foi arbitraria, absurda, desmesurada e irrespectuosa coa propiedade dos meus textos. Con Ithaca desapareceron outros blogs: un que pronto pensaba abrir, con só as miñas fotos, e a Caixa B, o almacén de imaxes, textos en espera, recursos da rede, enlaces e artigos que me interesaban.
A sorte quixo que puidese salvar a maior parte do blog de Robinson grazas a que, por curiosidade, o exportara hai unhas semanas; aínda así, perdéronse na deblacle os enlaces e grande parte das imaxes que ilustraban os posts pero afortunadamente salvei do desastre os textos, os vídeos e os vosos comentarios, meus amigos.
Como despois dun incendio ou dun naufraxio, pensei que facer: tentoume abandonar, efectivamente, pero non atopei razón verdadeira; gústame demasiado isto como para deixalo, e esa sensación de darse por vencido á primeira vai pouco comigo; ademais, proíame esa desaparición á flamenga, sen despedidas nin explicacións, como de bandido.
Reabro hoxe, oito días despois, como Reincidente, cun formato provisional e outro enderezo, pero no mesmo sitio, mal que me pese: procurei por aí outros formatos e plataformas de bitáculas, e en ningún atopei o xeito que atopo na madrastra Blogger, ao mellor porque, como disque declarou unha vez a Raíña de Inglaterra, son xa demasiado vello para cambiar de cabalo.
Grazas a todos por seguir contando comigo.

19 comentarios:

Sigrid /Lorena dixo...

Señor Kaplan, habite vostede onde habite, sempre terá a miña compaña. Xa o di o outro: Google e Hacendado van dominar o mundo! Parabéns por poder recuperar a maioría das cousas (ai, os imprescindibles backups, e seguro, que esta mudanza e acarreo trae moito de bó.
Benvido de novo e ben achado tamén

Sun Iou Miou dixo...

Coiro, que susto, señor Kaplan! Pódennos inhabilitar así como así, sen xuízo previo?
Voume exportar xa mesmo!

E seguirei visitándoo, aínda que ultimamente non comente moito, de vez en cando veño e atrácome de postaxes atrasadas (por iso non reparara na súa desaparición).

Zeltia dixo...

Ledicia grande pola súa volta, Kaplan.
Alédame moitísimo que recuperara os textos, e síntome solidaria polo susto, a perda das fotos e outras cousiñas... non sabe canto!

A nena do paraugas dixo...

Pois xa me pareceu raro que non dese visto nada do que vai actualizando e a verdade, ...perdinme!

Tomarei nota.

Saúdos.

Concha López dixo...

Por fin dei contigo!

Saúdos.

mariajesusparadela dixo...

Cuirosamente hai algún tempo quixen entrar e atopeino deshabilitado, pero dous días despois entrei perfectamente. Volveume a pasar, pero daquela xa foi definitivo e creín que era cousa súa.
Eu non sabía que pasaban esas cousas.

susana moo dixo...

Demasiado vello para cambiar de cabalo non, oh!

Alégrome moito de non perdelo de vista, e sinto o susto.
Entendo que esta non é a casa definitiva. O pregunto por si enlazalo ou esperar ...

Aldabra dixo...

Si souperas canto pensei en ti. Cóntoche. Lín o que te pasara có blog no blog de Zeltia. A mín tamén extrañábame que desapareceras sin desperdite e logo de ler o teu comentario, entendino todo.

Resulta que o sábado tamén me pasou como a ti, que de súpeto encontreime sin blog. Entristecinme por todo o traballo perdido, ata chorei algunhas lágrimas pero nunca pensei en deixar esto. Así que sin mais creei un novo que por sorte non tuve que poñer en marcha. Fun comer cos meus pais e pola noite cando tentei de novo entrar no blog, xa estaba, como si non pasara nada.

Eu publiquei o que me pasara na axuda de blogger e había moita xente a que lle pasara o mismo. Penso que non tivo nada que ver co contido dos blogs (a mín tamén me decía o mismo), simplemente tocouche.

Seguireiche por aquí, perde cuidado, e sinto moito que non tiveras a misma sorte que mín.

biquiños,

Chousa da Alcandra dixo...

Voume dar a benvida ao clube dos sorprendidos pola súbita desaparción de Robinson. De paso tamén me vou felicitar pola ledicia do reencontro. Imaxino que tod@s estamos nas mans de quen pon a libreta na que escribimos. Por se as moscas, a Chousa tamén está exportada en algures!

Os resistentes unidos...

Apertas

Raposo dixo...

Non te preocupes por mudarte de casa que nós seguímoste, o malo é a perda de contidos que por sorte parece que non foron moitos.
Estes de Bloger case había que demandalos por danos e perxuizos, oh!!

Ra dixo...

Aquí estamos.

A cruz da Campá dixo...

Pois visto o visto terase en conta e empezaremos a gardar o traballo. Non é cuestión de andar perdendoo.

X dixo...

Non nos volva dar un susto destes, que eu non sei os demais, pero desde que unha é corentona xa ten que se preocupar polo seu corazonciño ;-)

Raíz Verde dixo...

A verdade é que me sorprendeu o outro día que ía buscar unha poesía de cunqueiro para lela de novo, que me encantou, que vd. puxera no seu blogue para rememorar o 30 aniversario da súa morte. Sorprendeume que eliminara o blogue así, mais xa vexo que non foi culpa súa. Eu estou pensando en mudarme a blogaliza por un tema que falei fai pouco no blogue e que ten que ver con que non estou eu moi contento co carallo do blogger... En fin, mudo o link e calquer cambio de enderezo virtual será posto no blogue habitual.

Un saúdo

Xan dixo...

Alégrome da súa volta .
Saúdos

Bolboreteira dixo...

Qué ledicia atoparte de novo.
Non entendo o motivo polo que pecharon o outro blogue pero alégrome moito que decidiras continuar.
Biquiños!!!!

mfc dixo...

Nem quero pensar no que te aconteceu!
Estranhei o desaparecimento!
Ainda bem que cá estás...
Diz-me como posso guardar o meu blog.
Un abrazo.

La queue bleue dixo...

Ala, eu coma sempre tarde, mal etc.
Acabo-me de enterar disto...
Bom, brevemente, em qualquer caso, alegro-me muito muito de que te re-atoparas, de que nom perderas os textos e de que sigas aqui!

Mr Tichborne dixo...

Enterado!
Pero, por que abre de novo con blogger? non ten medo que pase outra vez? será por iso o de "Reincidente".
Benvido de novo! (con atraso)