Atopo a miña irmá precisamente baixo o arco da Porta de San Fernando; ela vai para o traballo cargada de papeis e eu veño da libraría, de comprar un agasallo para Polis, que anda de aniversario.
Apesar do frío siberiano, é inevitable someterse a un terceiro grao: que por que ando coxo, que donde veño, que onde vou, que que levo na bolsa de plástico; non me solta se non lle explico que vou para a farmacia, que veño de comprar uns libros e antes aínda da podóloga, e que o puto pé me está a doer tanto que ben o cortaba se tivese unha motoserra á man.
Antes de separarnos, a miña irmá solta sen pensar esa frase que non se me vai da cabeza, e que máis que para un post daría para toda unha novela ou mesmo para unha tese de doutoramento: O último libro que comprei aínda o paguei en pesetas.
Así é como, inspirado polas palabras da miña irmá e coxeando sobre a banquisa de regreso ao tobo, concibo unha idea maxistral: no sucesivo xa só regalarei libros.
Pode que non dea mellorado o índice de lectura da miña contorna, pero seguro que vou romper menos a cabeciña pensando que agasallo comprar a cada quen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario