domingo, 20 de novembro de 2016

Colegas

Por fin a conxuntura foi favorable, os astros aliñáronse, os fillos e parellas atoparon acomodo, foron resoltos os compromisos de todos, houbo oco nas axendas e a cea tantas veces adiada tivo lugar a noite do venres no restaurante ao pé do río, coma outras veces.
O encontro, para alén da realidade das robalizas salvaxes e o segredo ibérico, non é moi distinto do noso grupo de wasap: sen memes e sen vídeos de animais, pero case tan afastados uns dos outros naquela mesa infinita como cada noite que nos reunimos, móbil mediante, para revivirmos o que deu de si a xornada e alentar conspiracións que acabarán morrendo sen deixar rastro. Sibila e CB, que xa non traballan connosco, expoñen á nosa envexa o seu día a día de ensoño; Herg, que está felizmente xubilada, repite que temos que fuxir deste ambiente tóxico que nos corroe; e nós os cinco rivalizamos en ofrecer novas probas da mediocridade xeral en que sobrenadamos cada mañá a golpe de timbre.
Non sei se sucederá o mesmo nas ceas de avogados, economistas ou veterinarios, pero que os docentes somos incapaces de esquecer o traballo no tempo de lecer non é unha lenda urbana.
Cando xa temos pasado lista aos profesores novos, xubilados, trasladados e falecidos, cando xa esmoreceu o asunto das reválidas, cando xa falamos dos estudos dos nosos respectivos fillos, cando chegan os cafés, sae o tema do violador de Augas Férreas, o barrio onde vive Cam.
Hai semanas que a cidade, alarmada, segue o caso pola prensa; a miña mai cóntame cada día as últimas noticias: que se o fulano ten ao parecer os ollos claros e piercings no nariz, que se tiña as chaves do rocho porque traballaba para a telefónica ou algo, que se unha das mulleres se cruzou con ese malnacido e o recoñeceu de inmediato.
Cam fálanos do ambiente no barrio e de como os viciños están a instalar cámaras de seguridade no exterior dos edificios, recoñece que empezou a ter medo ao sentir o medo da xente, aínda máis estes días que ten o marido de viaxe, e acaba propoñéndonos un plan absolutamente inesperado para axudar a nosa dixestión antes de nos irmos á cama: que a acompañemos a sacar o can a pasear.
E así rematou a velada para os dous únicos comensais varóns do grupo: escoltando unha muller asustada na noite ventosa e sen estrelas, mentres un chucho feliz trotaba sobre a herba buscando contra que levantar a pata.

Ningún comentario: