mércores, 16 de novembro de 2016

Tensión

Un día da semana pasada, Venres fixo o chequeo de saúde laboral e resultou que ten alta a tensión arterial. Todo o demais está ben: a glicose está ben, os triglicéridos están ben, o colesterol está ben, a albúmina está ben... pero a tensión está descompensada. E ao meu pobre Venres ese lema meu de que, se a partir dos 40 unha mañá te ergues e non che doe algo é que estás morto, de pouco alivio lle serve.
Como era de prever, o médico reduciulle o sal, quitoulle o café, deulle unha pílula para antes de ir á cama e ordenoulle medir a tensión durante un par de semanas; tendo en conta que só me faltan dúas etiquetas para obter o título de cardiólogo, eu prohibinlle ademais as olivas, o viño, o chocolate e os embutidos, e recomendeille que comprase un tensiómetro para que deixase de tolear á farmacéutica indo por alí cada dúas horas a ver se a cousa volvía ao seu.
O sábado tocábame ir a Delfos e quedamos na casa. Non houbo maratón de copas até a amañecida cos seus amigos, o que, se ben se mira, foi de agradecer naquela noite de diluvio e frío, pero atopei a Venres apagado e até me pareceu que un pouco pálido, máis por hipocondría que por hipertensión.
Ceamos os gorentosos codillos que estivera asando (non houbo menú a base de pescada cocida e acelgas, como temín), o del sen sal, e só se permitiu dúas copas do noso branco de costume, e un dedal de Porto na sobremesa para acompañar as dúas bólas de xelado de mandarina que a min me están vedadas.
Abrazados na escuridade, despois de ir mexar por enésima vez porque as pílulas son diuréticas, Venres besbelloume ao ouvido: Boa parella facemos, un diabético e un presunto hipertenso.

Ningún comentario: