sábado, 31 de decembro de 2016

Balance

En poucas horas o novo ano botará a andar e deixaremos atrás o que rematou e os xornais definen estes días de balance como o ano que non vimos vir: apostamos unha e outra vez ao cabalo perdedor e vimos como, contra toda lóxica, triunfaban aquí e acolá pesadelos inauditos.
Un día calquera de xullo volvín ao blog, que este ano cumpriu doce: a celebración pasou sen pena nin gloria, e os fastos limitáronse a unha nova cabeceira e á incorporación das páxinas baixo ela.
Cambiei de estado civil, sen máis repercusión, e asistín ás metamorfoses da señorita Kaplan, que batalla co bacharelato, e esta noite sairá por primeira vez, con algo de tacón e algo de maquillaxe, a recibir o ano. O alzheimer agriou aínda máis o carácter de meu pai, por moitos cambios de medicación que houbese, e empeza a minar a resistencia da miña mai. Coherente cos tempos, a miña sobriña traballa esporadicamente con contratos de días, cando llos fan, e cobra en negro. Polis é apenas un chío de wasap, e Haddock nin iso: unha sucesión de fotos que lle espío no feisbu para velo en parella cun fondo de igrexas románicas, dolmens ou vacas cachenas.
Polo demais, 2016 deu de si o que deu de si, e para a memoria quedarán as viaxes con Venres a Zamora e Salamanca (que non contei aquí por estarmos en barbeito), a Sicilia e a Madrid (para aquela boda tan cuqui que non calculei nos ía poñer no mapa como parella), a Asturias. Perdín a conta das escapadas a Madrid para descubrir antros gastronómicos con Antoine e visitar exposicións, de Caravaggio ao Bosco, de La Tour a Vivian Maier; percorrín museos, catedrais, ruínas, tellados, bibliotecas, xardíns botánicos, vellos pazos rurais e cemiterios, corrín arrastrando a maleta por estacións de tren e aeroportos; tomei clases de canto baixo il sole dal Gange e cantei misas en solemnidades eclesiásticas e panxoliñas pola rúa; coñecín a moitas persoas, algunhas das cales chegaron á miña vida para quedarse, e recuperei o contacto con outras que estaban desaparecidas.
Houbo trasnoitadas con Venres e regresos co sol  xa no horizonte, houbo resacas e brunchs para alivialas, e houbo reminiscencias adolescentes con excesos que non me avergoñan, houbo risa e algunha decepción, pero lágrimas, o que se di lágrimas, ningunha.

Ningún comentario: