venres, 29 de febreiro de 2008
xoves, 28 de febreiro de 2008
Primavera
Así se vía Mouse Park hoxe, despois das (poucas) choivas destes días: innegablemente, a Primavera asoma xa nos bicos das pólas dos (meus) salgueiros; nas solas e bicos das miñas botas, pola contra, a branda lama primixenia reivindicaba aínda o máis insólito dos Invernos.
venres, 22 de febreiro de 2008
Kosovo
Ao día seguinte de declarar Kosovo a súa independencia, o presentador das noticias explicaba que por agora non está claro se o novo país se chamará Kósovo ou Kosovo, que a posición do acento depende de cal sexa a minoría étnica que o pronuncie.
Ao escoitalo mentres ceaba, por unha desas estrañas asociacións do subconsciente, acordeime de que curiosamente tamén a nosa terra ten dous nomes, ideoloxicamente falando.
Por fortuna, a cousa só durou uns segundos, e seguín a cear sen preocuparme dos meus propios serbios (os que foren).
martes, 19 de febreiro de 2008
100
Se non ando errado, son tres meses e algo máis de unha semana sen tabaco e unha sensación máis que divina, física e economicamente. Cen días en total. Ou o que sería o mesmo: 2000 cigarros, un botín de 240 eurazos.
(Suma e segue)
sábado, 16 de febreiro de 2008
Chatwin
Terminei onte Colina negra, de Bruce Chatwin, que comezara entre antibióticos nos primeiros días do ano.
A máis sedentaria novela do que fora autor imprescindible hai cinco anos (os que levaba perdida polos estantes da casa, só agora reaparecida cando tento reorganizalos) soubo atraparme logo da desesperante, vacía, impertinente e innecesaria verborrea da catastrófica Moure: a prosa de Chatwin, sen embargo tan chea de detalles, tan precisa (todas esas descricións da natureza, o léxico de plantas e animais, mesmo de utillaxe agrícola, nunha tradución moi coidada) non impacienta en absoluto.
Ao contrario; de modo que non saltar parágrafos, follas e até capítulos inteiros acaba sendo, unha vez máis, garantía de excelencia.
O resto non é máis do que tedio e horror vacui. Bla bla bla.
venres, 8 de febreiro de 2008
mércores, 6 de febreiro de 2008
Orientación
Mira que teño mala sorte: días e días sen ir tomar café no recreo, e hoxe que vou apúntase tamén o paquistaní e comeza a debullar para os profesores que o rodeamos algunhas revolucionarias teorías educativas que, sucesivamente, se nos van diluíndo no café como a sacarina pouco antes.
A máis exasperante, a do rotulador vermello, aínda me proe: o que se leva esta temporada primavera/verán nas altas alturas da pedagoxía moderna é corrixir os exames con tinta que non sexa vermella; en verde por exemplo, que dá seguridade, en laranxa, unha cor tan positiva, ou nesa gama de elegantes morados fosforescentes que o ano pasado prohibín terminantemente usar, calquera cor serve menos a vermella, que os alumnos e alumnas poderían asociar a prohibición, tabú, castigo ou perigo e desmotivarse ou algo peor.
Ficamos primeiro silenciosos, atónitos, e logo prodúcese como un estalo de palabras, todos á vez.
Á miña compañeira ao lado escóitolle dicir que está encantada de se xubilar o vindeiro curso porque hai cousas que non lle collen na cabeza; pero o paquistaní, apóstol da estulticia, segue a anunciar a nova fe, a terra de promisión dos alumnos e alumnas felices, seguros e seguras deles e delas mesmos e mesmas.
venres, 1 de febreiro de 2008
Moa
Cando entre cava e turrón formulei os meus desexos para o ano novo, debín esquecer a saúde; só isto explica o desastre continuado en que sobrevivo: non ben termino o tratamento antibiótico por mor da bacteria asasina volvo a el por unha infección nunha moa, de xeito que consumo decote augmentines e ibuprofenos (tamén) como outros consumen cervexas ou cafés.
Martes a dor era tan insoportable que, após unha noite toledana e fantasmal, vagando pola casa sen saber que facer, chamei ao traballo e fun ao dentista: canto traballo, canta dor por algo tan insignificante e fráxil; van xa dúas sesións de curas e, antes de que Luns o dentista faga a endodoncia, 30 euros.
Porque, aínda que á enfermeira lle entendín a cura non cha cobra, en realidade o que ela dixo foi a cura non cha cobre (o seguro), como rapidamente se encargou de aclararme en voz máis alta, interrompendo así as miñas reverencias e xenuflexións de agradecemento.
domingo, 20 de xaneiro de 2008
Hiperenxebrismo
Non é a primeira vez que me pasa nin ao que parece vai ser a última: unha vez, cando nunha blogue amiga se laiaban das subas no prezo da gasolina e deixei o comentario de que non notaba suba ningunha porque seguía a poñer 20 euros coma sempre, fun corrixido con esmero e paciencia.
Hoxe sucedeume igual cando, con xenerosidade, cariño e idéntica paciencia, a excelente Peke me puxo no meu sitio por hiperenxebre encol dunhas mazás.
Se é que a miña mai sempre o dixo: Con ese humor teu non vas chegar a nada!
xoves, 17 de xaneiro de 2008
Fe de vida
O ano comezou desastrosamente: cinco días da cama para o retrete e do retrete para a cama por unha bacteria asasina e silenciosa que, a dicir da médica, levou por diante media provincia.
Tanto descanso, tanta dieta branda, tanta hidratación e tanto antibiótico fixeron o que debían: incorporeime ao traballo no día esperado, iso si, pálido coma un cirio e sen forzas.
A inercia fixo o resto: día tras día, a blogue foi quedando sen actualizar pero non abandonada nin morta, por moito que lle cantasen sereas de todo tipo.
domingo, 13 de xaneiro de 2008
Ángel
Almorzando coa radio posta (a miña filla na eterna agonía do colacao que non dá acabado), así me enteiro, e nin dubido en mandar unha mensaxe de pésame (literalmente pésame, sen ningunha ironía, porque sei que para ela non é unha broma) a Tere Holmes, a quen presinto viúva ou orfa despois de tantos anos de admiración, de tantos libros anotados, de tantos versos repetidos, con ou sen alcol mediante.
domingo, 6 de xaneiro de 2008
Oxímoron
Que pode saber do matrimonio quen é célibe, de criar fillos o que non é pai, os castos sobre o sexo, sobre evolución os que non evolúen, sobre familia quen se obriga a non formala, do presente quen segue a vivir no máis negro dos pasados, de democracia quen non a practica!
Etiquetas:
Abominables,
Compromisos ou batallas,
Made in Spain
domingo, 30 de decembro de 2007
Agasallos
Volveu como cada Nadal alterno desde que me divorciei, e deixou ao pé da árvore maxicamente acesa o lote de agasallos con que este ano nos sorprendeu.
Digo ben: case ningún deles (salvo a Barbie-princesa-dos-animais, a película e o globo terráqueo) figuraba na carta que a nena lle escribira con detalle, mesmo pegando algunhas fotos recortadas de catálogos, segura de que un home con tantos anos e tantas cousas na cabeza estes días había de trabucarse.
Irredutible, a mesma tarde de Nadal, a nena volveu escribir unha carta igual de detallada e meticulosa, esta vez ás Súas Maxestades de Oriente, que como son tres e teñen máis persoal probablemente terán tamén máis tino.
Hoxe todos os agasallos do día de Nadal están calados e tristes, como desamparados; algúns mesmo se botan diante dos pés cando paso, querendo chamar a atención.
Teranse que ir acostumando a que a nena, como agora sucede, non sempre vive nesta casa.
sábado, 29 de decembro de 2007
Pedrea
A felicitación de Nadal que Ambece me envía tarda 14 días en atravesar a Península de Sur a Norte.
Se Boabdil chega a usar o mesmo medio para os seus envíos (mellor fora que os mandase ao fondo do mar, matarile), probablemente a Reconquista aínda non tería acabado.
luns, 24 de decembro de 2007
Nadal
Desde Ithaca, cos meus máis sinceros e profundos desexos de paz e harmonía, para todo o mundo
UN MOI FELIZ NADAL!
domingo, 23 de decembro de 2007
Multa
Non sei se será unha nova estratexia de Tráfico se da propia Benemérita, esa amabilidade exacerbada contra os condutores multados para lles crear sentimentos de culpa contra os que nada vale.
A min tocoume sufrilos o outro día, camiño de Manderley coa nena atrás, cando nos parou a patrulla e un axente comezou a desculparse por nos teren dado o alto, que se por el fose non nos paraba, que o radar saltou, que tampouco era tanta a velocidade, e así seguiu a darme crema mentres rebusco na documentación para lle entregar o carné de conducir.
Cando regresa confirma o veredito: 200€ de multa e retirada de 3 puntos por circular a 121 km/h estando limitada a velocidade a 80, pero moito peor que a sanción foi que o axente tornase á empalagosidade das explicacións e as desculpas (el, a quen dá por supoñer que eu nunca faría loucuras levando comigo no coche esa nena á que mesmo fai tenros e cariñosos acenos pola xanela).
Logo, cando dei marchado, mentres vía a figura do axente reflectida no retrovisor, en vez de odialo acordándome de tópicos e antecesores no Corpo, funme sentindo tan mal como de neno cando me pillaban nunha mentira ou escondía a merenda ou traía malas notas para a casa.
luns, 17 de decembro de 2007
xoves, 13 de decembro de 2007
E la nave va...
Este blogue cumpre o primeiro trienio.
Cun lastro de 529 entradas e 2.971 comentarios, unha pasaxe exigua pero teimosamente fiel, un timoneiro máis ben desidioso e trapalleiro, tras unha travesía algo accidentada de Atenas a Ithaca (tres tobos, dúas hipotecas, dous ordenadores, máis de 20.000 cigarros), e un historial de abandonos, mudanzas, encerramentos por vacacións e lock-out diversos.
Eppur si muove...!
sábado, 8 de decembro de 2007
Mouse Park
Promedio comprobado: entre o portal da miña casa e o punto que marca o final dos meus paseos por Mouse Park (pasada a fervenza) hai exactamente un Cántico Espiritual completo, ou o que é o mesmo, 45 minutos e dous caramelos sen azúcar.
venres, 7 de decembro de 2007
De pós e pés
Se o outro ten un primo físico que lle fai desconfiar do cambio climático, eu teño un cuñado castellano que me fai acreditar nel a pies justillos, como el mesmo diría.
Por riba do que se conta por aí da aparición de doenzas tropicais onde nunca antes se tiñan visto, dos osos que xa non hibernan, da supervivencia de mosquitos e moscas fóra de temporada, ou das plantas que botan flores cando non corresponde, o meu cuñado desvélanos durante o xantar unha evidencia indiscutible.
A estas alturas de Decembro aínda está a usar os pós desodorizantes para os pés, afirma, como se estivese nos tórridos días do pleno Agosto.
mércores, 5 de decembro de 2007
Breves
Tere Holmes, ociosa herdeira dunha implacable estirpe de sabuxos, deu novamente con esta blogue a semana pasada. Decididamente, íamos camiño de converternos nunha das parellas cómicas máis tediosas do blogomillo.
Sen embargo, o corre corre que te pillo acabou: esta vez será a última que me descobre, que fecho a blogue, que restrinxo ningún acceso, que mudo o enderezo, que lle conto unha milonga a ninguén para poder postar en paz.
xoves, 29 de novembro de 2007
Aceite
O profesor fai unha das súas extravagantes preguntas, a saber: quen nos pode dicir que tipos hai de aceite de oliva? Os alumnos míranse entre eles, até que por fin un responde: Koipe, Carbonell, Giralda...
O profesor, encaixando a sorpresa, indica que eses non son tipos de aceite de oliva senón marcas comerciais. A ver, repite teimosamente, pensade: tipos de aceite, clases de aceite de oliva...
Si, eu eu eu, levanta impaciente un dos alumnos a man: seino eu, profe, aceite de oliva e aceite de xirasol, profe...
venres, 23 de novembro de 2007
Test das 8 cousas
A 38 días do ano novo parece que cómpre ir facendo balance para cebar a neura, e de camiño dar satisfacción aos que me ensarillaron no meme das oito cousas, as que máis marcaron este ano:
1. Casa: Está claro, instalarme aquí implica o final da etapa nómada e o inicio do sedentarismo; hai tempo que deixei de ser un depredador, polo que un destes días será mester que descubra aínda máis a agricultura e o comercio, eclosione o neolítico e dea comezo a nova civilización.
2. Distanciamento: Os que seguen esta blogue xa o terán notado, seguro. Varios nomes clásicos desapareceron dela máis ou menos bruscamente, dunha maneira similar a como os seus propietarios desapareceron da miña vida, da miña cama, e nalgún caso mesmo do meu móbil.
Nisto de vivir é importante aprender que un nunca se baña dúas veces no mesmo río de nomes, ese que pasa e sempre queda.
3. Viaxes: Este terá sido o menos viaxeiro ou viaxado, probablemente en décadas; non quero facer moito reconto por non acabar argallando unha escapada ás tolas ou algo peor, pero estou certo de que, coas excepcións da Comarca e Celanova, nunca estiven este ano a máis de cen quilómetros de Ithaca. Algo haberá que facer o próximo, está claro.
4. Tabaco: O que a ministra coa súa exigua lei non conseguiu parece que vai camiño de logralo a banca con esta hipoteca que me oprime, me comprime e me reprime; tras 12 días sen fumar teño 28'80€ máis no petiño, e tan pouca memoria de que algunha vez fumei, que até concibo esperanzas de que desta a cousa vaia adiante. Vaise vendo.
5. Lecturas: Sinto envexa cando escoito ou leo ne rede o que contan os grandes lectores que frecuento; eu, por contra, cada vez máis inconstante ou máis preguizoso ou máis repunante, arrumo libros na mesa de noite, no sofá do estudio, aquí ao lado do ordenador, libros que volven para a biblioteca cando vence o prazo ou que simplemente fermentan enchéndose de pó con só 10, 20 páxinas lidas. O último stop, a catástrofe da Moure.
6. Películas: Se consulto o caderniño de marras conto 83 vistas no que vai de ano, de Blade runner a Harry Potter, en cor e en branco e negro, en VHS ou DVD, compradas, prestadas ou alugadas, canónicas ou pirateadas, infantís ou para adultos, pero ningunha delas foi vista en cine (o certo é que xa non sei canto custa unha entrada).
7. Sexo: Baixou moito o número de parellas, que este ano ademais foron exclusivamente masculinas, pero subiu o de encontros, e en xeral a súa intensidade e interés. Se fago reconto (aquí non hai xa caderniño de marras), lembro só 4 varóns coñecidos biblicamente este ano, un deles Teddy, o primeiro do ranking, aquel que agora me enche a cabeciña moitos días e a cama moitas noites.
8. Natureza: Tal vez por Teddy, que coñece os nomes e os segredos de árbores e arbustos, e fala dos froitos e enxertos e árbores primixenias que me vai mostrando nas camiñadas pola súa montaña, vou reparando en que existe unha natureza real e viva, alén das fotos e as pinturas, do simple léxico vacío que ensinan os libros de texto, do mundo campesiño de fame e traballo do que fuxiron os meus avós hai máis de 80 anos, ao viren para a cidade.
Na madurez inicio, pois, a reconciliación coa natureza.
sábado, 10 de novembro de 2007
Tizona
E onte, tamén inesperadamente, o que me regalaron foi unha espada.
A estas alturas non me pasou aínda o que sexa que me deu onte á noite cando Polis e Encantador me fixeron entrega desta auténtica réplica da folla do Cid, un complemento que non debe faltar en ningunha casa hoxendía.
Ignoro que pasou polas mentes de sir Lancelot ou do rei Artur en tal trance, pero, ataviado cun mandil luxado de bechamel e mollo de tomate, a min fraqueáronme as pernas e a piques estiven de deixar caer as copas que levaba para a mesa redonda do comedor.
Como desboto baterme en duelo co meu cuñado, medindo o meu aceiro coa katana que el conseguíu cos puntos do restaurante chino, e como iso de Sangue, suor e pó, Kaplan cabalga non mola nada, tampouco se me ocorre que facer coa xenuína Tizona falsificada que polo de agora intima cos paraugas, no roupeiro.
Admítense, pois, suxestións.
xoves, 8 de novembro de 2007
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


