martes, 31 de agosto de 2010

Tesouro


No fondo dunha gaveta da casa dos meus pais apareceron un destes días tres vellas moedas de 10 céntimos, tan gastadiñas que apenas se ve nelas o xenete gravado nunha das caras e na outra a galiña coa barriga chea do que larpou (castelos, leóns, barras, cadeas).
Imposible saber canto levarían alí nin quen as gardou ou esqueceu, nin por que ninguén argallou antes na gaveta do tesouro.
Na sobremesa de hoxe volvemos os ollos ao túnel do tempo, e meus pais dividiron e multiplicaron con soltura e saudade, pasando os céntimos a reás e a toda a fauna fraccionaria, e viceversa, antes de repartirmos o escaso botín: daquelas tres gastadas moedas de aluminio, unha foi para a miña sobriña, outra para min, e a miña mai quedou (de novo) coa terceira.

domingo, 29 de agosto de 2010

Cancelación

Estame ben empregado: primeiro re-matei a defunta tía María e puxen a familia de loito cando o que sucedía era que viña Teddy pasar o finde aquí; outra vez foi porque ían vir Ambece e a súa amiga en ruta; outra díxenlle a Ártabro que estaba na Comarca visitando a Haddock e cadrou vir Haddock visitarme en Ithaca; logo, varias semanas, estivo aquí a señorita Kaplan.
Nin sequera notei nada raro cando o outro día falamos por teléfono de que Haddock e a moza se ven en fins de semana alternos, cando a filla de Haddock queda coa mai: igual que me pasa a min, dixo Ártabro, e eu rinlle a ocorrencia porque me pareceu graciosa.
Ben, pois este fin de semana que non está aquí comigo a miña filla, que non teño visitas de ningunha clase, e que tampouco teño pensado facer morrer de novo á coitada tía María, Ártabro responde unha mensaxe miña con outra: que, lamentándoo moito, hoxe non vai vir, que surxiron imprevistos, que sente non poderme falar agora, que xa me chamará para explicarmo.

sábado, 28 de agosto de 2010

Roubo

Un dos meus viciños, que chamaremos A, avisou ao seu viciño de escaleira, que está pasando uns días fóra e a quen chamaremos B, de que entraran a roubar nun piso do noso edificio hai un par de noites; díxolle tamén que estivese tranquilo porque o piso roubado non fora o del.
Como B está de vacacións no mesmo lugar que o viciño C, non dubidou en contarlle onte pola mañá o caso do roubo en canto o viu na praia, pero infelizmente non soubo dicirlle en que piso entraron os ladróns ou se roubaran realmente.
Inmediatamente, o viciño C telefonoume a min, que lle vivo diante, para contarme o do roubo e que lle mirase na porta por se había algún indicio de que o perigo nos rondara; podo facilmente imaxinalo en traxe de baño rebuscando nerviosamente o móbil pola bolsa entre a crema bronceadora, os cueiros do neno e o tabaco, e logo aliviado de saber que esta vez os escollidos foron outros.
Non teño máis detalles do suceso, pero hoxe a comunidade amenceu en pé de guerra: por todas partes (ascensores, garaxes, portais) hai avisos de que se manteñan as portas fechadas, de que se estea alerta cos estraños e de que non se abra a descoñecidos.
Para ben ou para mal, a comunidade acaba de facerse adulta.

mércores, 25 de agosto de 2010

Spam

Xa contei aquí que estou a pasar os últimos días de Agosto facendo limpeza ou, máis propiamente, buscando pretextos para adiala.
Por iso onte á tarde me aventurei polas tripas do blogue, a ver que eran todas esas lapelas e funcións que ultimamente agromaran no escritorio. Pois ben, foi como levantar alfombras ou mirar baixo das camas, pero aquí en vez de pó e voaxa o que atopei foi ofertas de viagra e esteroides, textos en chinés e ruso, anuncios de lotaría e alongadores de pene incrustados entre os vosos comentarios, meus queridos lectores e lectoras.
Despois de horas de espátula e estropallo o blogue está desparasitado, aínda que non sei por canto tempo.
Gustaríame non ter que poñer a palabriña de marras.
Actualización: Os alieníxenas voltaron ás poucas horas. Vou poñer a palabriña autenticadora. Sorry.

martes, 24 de agosto de 2010

Efectos colaterais

 A crise segue a deixar ver efectos colaterais inesperados: neste país noso os desempregados descubren que os avós poden redondear as contas familiares coa pensión e coa cartilla, e até axudando a criar os máis pequenos.
Até aquí nada novo, salvo que agora e coa que está a caer xa hai quen empeza a levar de novo para a casa os parentes que aparcou na residencia hai unha chea de anos, naquel tempo en que soñábamos que éramos ricos e modernos, e os vellos molestaban porque queríamos ir á praia como todo o mundo e estábamos xustos no piso e necesitábamos coche grande e novo, e aborrecíamos as enfermidades e a bata de boatiné, as pesetas cautelosas e as historias do estraperlo que tan mal casaban con todo aquilo das hipotecas subprime, o fresh banking e o diñeiro fácil.
Isto, que parece un guión de cine, contáronllo á miña irmá off the record nunha residencia pública, un destes días; despois de meses batendo contra o muro implacable das listas de espera, vemos como a crise reduce as solicitudes, aumenta as vacantes, e inesperadamente vai porfín deixando libre o camiño para as miñas tías.

luns, 23 de agosto de 2010

Limpeza xeral

O día, chuviñoso e morriñento, parece máis axeitado para pintar que para limpar cristais: o teito da cociña espera, a aspiradora chama por min, os caldeiros e fregonas insinúanseme, nun recanto a mopa fai sinais de náufrago, no armario baixo o vertedoiro os botes de produtos de limpeza están dispostos, e na lavadora a roupa xira sen parar, talvez mostrando saudades do oceano profundo.

sábado, 21 de agosto de 2010

Cinco días


Xoves: Os Kaplan chegamos á Comarca e comprobamos en tres días escasos que as festas deles non teñen comparación coas nosas festas; tampouco as noites cálidas nas terrazas dos seus bares coas habitualmente ventosas dos nosos, así que as aproveitamos para consumir a esgalla xurelos e xoubas, polbo e empanada, pementiños e demais manxares do país; polo kebab ao que nos levou a masificación da última noite pasarei discretamente.
Unha das tardes vimos emocionados como nun peliculón chinés se desafiaban as leis básicas da física, sen que no sofá onde estomballáramos se movese outra cousa que os bocatas das nenas; elas dúas, ademais, introducíronme nos misterios e beneficios da wii e fixéronme prometer que pensaría seriamente comprar unha para Nadal.

Domingo: Os Haddock, aquí. Veñen de Brigantia: en lugar de seguiren pola autoestrada para a Comarca poñen proa á nosa casa, onde chegan cansos e desanimados; a familia unhas veces salva e outras afoga. Como é tarde ceamos tortellini no tobo, que logo se enche dunha revolución de sabas, colchóns inchables, sofás cama, toallas e nenas en pixama.
O comentario de Haddock de que a miña parece a neveira dun divorciado clásico reaparece desde aquela cada vez que a abro; a próxima vez que veñan tereina chea de solombos, chuletóns sanguinolentos e verduras frescas, palabra.

Luns (San Roque): Sesión vermú cos Haddock antes dunha manduca carnívora nun restaurante ao pé do tobo; a señorita Kaplan esqueceu o bolso que lle trouxen de Estambul, e o día case acaba en traxedia cando voltamos ao local e o bolso non aparecía por ningures. A nosa pretérita play non pode competir coa wii deles, pero aínda así as nenas fixeron rallyes por Indianápolis e Montecarlo mentres seus pais, disimuladamente, moneaban en cadansúa butaca fermentando o churrasco.
Pouco despois de marcharen os Haddock, do restaurante chamaron para dicir que o bolso aparecera.

Mércores: Visitamos as tías, recén chegadas da casa da súa irmá en Brigantia. Están moi nerviosas tras recibiren noticias dunha das residencias solicitadas, pero a máxima preocupación das dúas agora é que van facer con todas as cousas que atesouran na casa.
A tía O., moi mellorada grazas ao novo tratamento, teno claro: a nova tele e as fotos da familia irán con elas ao fin do mundo; o resto, se non se dá vendido, será para os drogaditos e os pobres. Mentres a tía G. chora aos poucos e meu pai reparte ánimos, a tía O. demostra un humor británico e un sarcasmo a proba de bomba: despois de laiarse por non dar engordado proponme que intercambiemos kilos; a señorita Kaplan esperrechaba no sofá coa ocorrencia.

Venres: Inícianse os fastos do terceiro aniversario neste tobo con limpeza de xanelas e lavado de cortinas. Eliminada a grosa pátina, os cristais limpos do estudio e o salón devólvenme unha visión luminosa do mundo con aristas, volumes e cores como xa non lembraba.
Pero as cortinas do dormitorio encolleron, ridiculamente.

domingo, 15 de agosto de 2010

Meme literario

Hai tempo que teño arquivado un cuestionario literario ou libresco que atopei no blog Librosfera; a diferenza da maioría dos que circulan pola blogosfera, este é tan orixinal que contén preguntas tomadas de libros infantís dos de toda a vida, é certo que descontextualizadas aínda que se indique a procedencia. Nada mellor para servilo que dentro das actualizacións en conserva, mentres todo o mundo anda por aí.

1. Frank L. Baum: O mago de Oz; o Espantallo a Dorothy: Pódese saber quen es e onde vas?
Son un blogueiro que actualiza o seu blog; tamén son un pai, e dentro duns minutos, cando acabe con isto, irei preparar a merenda da miña filla.

2. Michael Ende: Momo; Momo aos nenos: E iso é divertido?
Segundo os días, pero o da merenda en xeral si, sobre todo se estamos nun parque ou vendo os debuxos.

3. Michael Ende: Momo; home gris a homes grises: Que é unha vida humana?
Unha oportunidade única que algúns aproveitan e outros non.

4. Robert L. Stevenson: A illa do tesouro; John Silver a Jim: Cres que un morto está morto para sempre, ou cres que pode resucitar?
Iso depende; a min ensináronme que os mortos morrían para sempre, pero neste país en que vivimos a experiencia dinos que é máis ben ao contrario; se ben non resucitan, tampouco acaban de morrer de todo.

5. Miquel Rayó: O tesouro do Capitán Nemo; Marisa ao protagonista: Que buscas?
Normalmente non busco, atopo; pero hai cousas, e a felidade é unha delas, que se agachan tanto que até dubido se existirán ou se buscalas merecerá realmente a pena.

6. Astrid Lindgren: Pipi Calzaslargas; Tommy a Pippi: Que é o que non consentirías?
Que os nenos sufran abusos e abandono; que sempre acaben pagando os pratos rotos dos adultos; que os nenos deixen de ser nenos antes de tempo.

7. Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o Gato de Chesire a Alicia: Cáeche simpática a Raíña?
Nunca fomos presentados, pero observo que me gusta máis cando ten a boca cerrada.

8.Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o rato a Alicia: Gústanche os cans?
Gustan, pero á vista do meu historial e algúns recentes acontecementos prefiro non afondar na resposta.

9. Daniel Nesquens: 17 cuentos e dous pingüíns; Marta a papá: Por que o oito vai despois do sete?
Son pésimo en matemáticas, pero supoño que porque é conformista e pouco ambicioso.

10. Roald Dahl: Matilda; Truchbull a Wilfres: Teño 8 cocos, 8 monos e 8 nenos. Cantos imbéciles teño en total?
Máis matemáticas? Eu creo que nove (oito mais eu).

11. Roald Dahl: As bruxas; Neno á avoa: Atopaches algunha vez unha bruxa?
Si, sen ir máis lonxe o outro día a miña tía C. cando botaba sapos pola boca na casa das tías O. e G.

12. James Barrie: Peter Pan; Peter aos nenos: Credes nas fadas?
O certo é que non, nin sequera de neno. Os fados, por contra, gústanme moito.

13. James Barrie: Peter Pan; Wendy a Peter: Sabes o que é un bico?
Unha cousa que, segundo os casos, pode levar igualmente á felicidade e á traxedia.

14. Michael Ende: Momo; Momo ao mestre Hora: Que é o tempo de verdade?
Un veneno escaso e mortal sen o que non podemos vivir.

15. Henning Mankell: O can que corría cara a unha estrela; Joel a si mesmo: Ser adulto é isto, facer e dicir cousas que non entenden os nenos?
Tan certo como que ser neno é facer e dicir cousas que non entenden os adultos.

16. Lewis Carroll: Alicia no país das Maravillas; Alicia a si misma: De que serve un libro se non trae estampas nin diálogos?
Non hai libro que non sirva para algo, aínda que sexa para o contrario do que esperaba o autor que o escribiu; e algo que non debemos esquecer: por moitos diálogos e estampas que teña un libro (ou un blog, que para o caso é o mesmo), se é malo dificilmente vai mellorar.

venres, 13 de agosto de 2010

Onte á tarde

Onte á tarde estivo aquí Polis, veuse despedir antes de voar ao Caribe, queixándose amargamente de que tamén a el isto da crise o afectou e lle reduciu as vacacións: tanto medraron os embargos, as quebras e os impagamentos que este ano cumpriulles no despacho organizar quendas tamén en Agosto, e Polis anda amoucado porque só ten quince días e as mesmas ganas de sempre de aventuras, sexo e praia.
Cando lle pregunto que vai facer con tanto ouro, el dáme unha resposta tan ordinaria que non serve para poñer aquí, pero que nos fixo rir como idiotas todo o que duraron as cervexas e o tabaco, e así ninguén se embreñou con preguntas incómodas e camiños sen retorno, todo moi diplomático, e nese plan.
Antes de marchar, Polis abriu o maletín con tanta cerimonia que pensei que me ía entregar unha orde de alzamento; en lugar diso, puxo sobre o cristal da mesa baixa as dúas primeiras temporadas da única serie que para el rivaliza coa máis grande de todas: que non se me ocorra non vela porque en Setembro me vai poñer a andar, avisou aínda, case no ascensor e pasando un dedo polo pescozo, de les a les.
Que non teña medo: cando me fun deitar levaba vista máis da metade da primeira temporada; iso si, tamén eran as catro e media da mañá e eu empezaba xa a facer corpo coa butaca.

mércores, 11 de agosto de 2010

Ilu en Ithaca

Este Agosto non está sendo o deserto doutros anos, e eu non me sinto de garda, o retén que todos os Agostos gardaba a cidade abandonada.
Non sei se será pola crise ou polas ameazas de folga, pero este ano a xente que coñezo está localizable, visible ou en tránsito, así que raro é o día que non pasa alguén por aquí e me trae noticias, cousas ou unha tarde divertida nunha terraza á sombra.
A primeira foi Ilu, que veu recoller a mai das vacacións no Check-point Ithaca, a medio camiño entre a Mariña e Atenas; Ilu traía consigo a felicitación de Nadal que lle devolveron hai tres meses, e a intención de verme o tobo despois de vivir nel tres anos; tamén un agasallo para a señorita Kaplan: como sempre, a min non se me ocorreu comprarlle nada ao fillo dela.
Antes de xantar paseamos pola Praza Maior, entramos na Catedral e camiñamos polo adarve até a Tinería, onde segue a reconstrución do Burgo Vello co permiso das vellas prostitutas, que aínda ruelan, exhibíndose ao solciño do mediodía.
Ilu non o recoñece pero está un pouco asustada; en Setembro márchalle o fillo á Universidade e ela fala xa de facer un curso de inglés e outro de cerámica, ir a ioga, reorganizar os horarios da asistenta e arranxar a casa da aldea.
Cando nos despedimos en San Fernando, onde ela tiña o coche aparcado, prometinlle ir pronto a Atenas coa señorita Kaplan.

luns, 9 de agosto de 2010

Mércores

Porfín quedamos tras días de mensaxes que non ían a ningures porque o home ten a axenda chea ao parecer, así que finalmente chama e acordamos que nos atoparemos nada menos que no Obradoiro; Calmo é tan encantador falando por teléfono, con aqueles saúdos tan ben fraguados, que tal isto, que tal aquilo, que como sempre me fai sentir un túzaro.
Calmo di: a ver, que tes pensado? e a min alvorotaríaseme o galiñeiro de non estar en pleno café na casa dos meus pais; en lugar diso, digo tranquilamente que podemos xantar xuntos ao día seguinte, e el do outro lado da liña pon en palabras o que penso, e repetiraas o Mércores mentres avanzamos ao sol ardente entre peregrinos, estatuas humanas, músicos ambulantes, turistas xubilados, barbudos nórdicos con petate, cristiáns adolescentes e vendedores de todo, camiño dun restaurante perto da súa casa, onde eu deixara aparcado o coche.
Afortunadamente, a comida foi lixeira e o cuarto estaba fresco e umbroso; cando acabamos a primeira vez Calmo ergueuse a poñer música barroca e, mentres os corpos esmorecidos secaban sobre o leito, falamos de Estambul, da triste política galega e de esfumiados proxectos para o curso que vén.
Cando acabamos a segunda vez aquilo era un forno.
Ao saír da ducha Calmo propuxo que viaxemos non sei onde para unha exposición ou algo, talvez un concerto; non lle atendo moito o que me di porque non dou atopado a miña roupa entre a que hai estrada polo cuarto, e porque sei que non nos veremos até finais de Setembro, empezado o curso, así que mentres abotono a camisa o único que lle confirmo é que xa se irá vendo, que xa nos chamaremos.

domingo, 8 de agosto de 2010

Peugeot

Foi subindo de Delfos a Ithaca, viña a nena comigo, e aos poucos kilómetros aquel ruído da ida, aquela especie de vibración e a campaíña de fondo aumentaron até niveis de avión rasante; era o que supuxen, porque xa me sucedera unha vez, no século XX, co AX: levábamos literalmente arrastro o tubo de escape, nunha tarde de Sábado sen mecánicos, e a pota, máis pota que nunca con aquela eiva, parecía xa un ecce-homo.
Se demos chegado ao noso destino foi porque na gasolineira en que paramos atopamos un cuñado, un habilidoso deses que non dubidan un segundo en subir a un tellado, abrir un aliviadoiro ou meterse baixo dun coche, que se apañou para atar o tubo ao chasis cun arame de ferro que atopou, mentres a señorita Kaplan nos tiraba dramáticas fotos de medio corpo.
Varios días sobrepasado de decibelios e moitas contas despois, aquela miña firme vontade de resistencia abalou diante do evidente, da tentación do climatizador e até duns faros felinos, como os describe o folleto comercial, e eu, que sempre fun fiel a unha marca, acabei índome con outra n canto me fixo unha oferta que non podía rexeitar.
Está todo tan limpo e axustado dentro, co seu impecable painel de mandos e os tapizados novos, que algunha vez cando o vou coller, en lugar de ir comprar ao supermercado, en realidade do que sinto ganas é de poñer rumo á Porta de Tannhäuser.

venres, 6 de agosto de 2010

Çemberlitas

Que as conquistas dan fame puidemos comprobalo paseando coma dúas almas en pena polas maltratadas murallas da cidade, suxas e inzadas de vexetación, derrubadas en moitas partes, non sei se desde o asedio ou desde algunha data posterior, non sei se por inimigos poderosos ou polos máis poderosos inimigos de todos: o tempo e o abandono.
O caso é que, cando nos decatamos de que alí non había máis que facer e de que a choiva, esa teimosa, se nos viña de novo enriba, collemos esfameados o tranvía e non baixamos até Çemberlitas: non nego que sentíamos algunha curiosidade pola inmensa columna requeimada, presa nun corsé de ferro, que dá nome á praza, pero o obxectivo de Teddy era saquear o Gran Bazar en canto acabásemos coa fame que nos facía tolear; o meu, fuxir das compras, das aglomeracións de turistas, da pesada amabilidade dos vendedores.
A solución vina alí mesmo, ao pé do anodino bar onde xantamos á base de pasta: mentres Teddy recontaba os cartos e se armaba de paciencia para relear no Bazar, eu funme perder entre os vapores do famoso hamman que hai na praza.
Era, literalmente, a primeira vez que nos separábamos en seis días, e próuvome case tanto como tenderme sobre a quente pedra de mármore branco da sala de baños; non houbera (nin ía haber) en todo o tempo que durou a viaxe a Estambul o menor problema entre nós, cousa verdadeiramente admirable entre persoas afeitas a vivir e andar soas, pero tamén me cumpría respirar sen ter ninguén pegado ao meu rabo, aínda que fose na abafante atmosfera dos baños turcos.

mércores, 4 de agosto de 2010

Inventario de lecturas

Estamos a primeiros de Agosto, tempo cabal de facer balance dos libros lidos nos primeiros sete meses do ano. Non serán moitos para algúns, nin poucos para outros, e seguramente todo ao contrario para a maioría; son as que son, e con iso ha de abondar.
Así pois, señoras e señores, nenos e nenas, eis o tradicional inventario de lecturas, no que hai de todo, certamente: O símbolo perdido, de Dan Brown; El hombre de arena y otros relatos, de E.T.A. Hoffmann; El clan de los parricidas, de Ambrose Bierce; Hamlet, de W. Shakespeare; Corazones perdidos y otros relatos, de M.R. James; En defensa propia, de Mary Higgins Clark; Aurora boreal e Sangre derramada, de Asa Larsson; Madame Bovary, de Gustave Flaubert; Intrigas y deseos, de P.D. James; El almohadón de plumas y otros relatos, de Horacio Quiroga; La dama del lago, de Raymond Chandler; Asesinos sin rostro, de Henning Mankell; Memorias de África, de Isak Dinesen e (en tándem coa señorita Kaplan) La evolución de Calpurnia Tate, de Jackeline Kelly.

luns, 2 de agosto de 2010

6º día: De murallas e conquistas

O Sábado a choiva voltou, esta vez de maneira intermitente, o que nos permitiu deixar no hotel os ridículos paraugas e concibir a esperanza de que o mal tempo vaia remitindo.
O programa da xornada levaranos en tranvía alén das vellas murallas bizantinas, descritas por Pamuk como un pavimento en vertical, que Teddy quere visitar.
A paraxe en que descemos chámase Topkapi pero non garda ningunha relación co palacio: saímos a unha inmensa chaira verde en proceso de urbanización, con pasos elevados, algún pequeno cemiterio e construcións aquí e acolá, que se estende até as paredes derrubadas da muralla; o regreso repentino da choiva anímanos a entrar no moderno edificio de planta circular do Panorama Istanbul 1453, algo que non sabemos que é pero no que entra unha prometedora riada de visitantes nativos: familias á europea con nenos, homes da miña idade con longas barbas e vestidos doutra época rodeados das mulleres da familia, señoras tapadas co negro charshaf, parellas de noivos, e escolares con uniforme.
Nas salas do interior expóñense grandes paineis sobre a conquista de Constantinopla; como están unicamente en turco cumpriunos alugar un aparello con auriculares, que compartimos; pouco melloramos: a voz feminina que nos besbella nos ouvidos a cuarta parte do que deben dicir os paineis faino nun español de gúguel case imposible de entender; comprendemos que aquel centro de interpretación, inaugurado recentemente polo primeiro ministro, está ao servizo do nacionalismo turco polo menos tanto como as bandeiras e os retratos de Atatürk que proliferan por toda a cidade.
Dixen que non sabíamos o que nos esperaba: os paineis informativos das salas inferiores eran só o aperitivo á espectacular recreación (certo, un pouco kitch) da toma de Constantinopla, con ambientación sonora incluída, que ocupa a área superior, disposta coma unha media laranxa e á maneira dun planetario. Reproducíase a visión da batalla que tivera lugar naquel mesmo punto en que nos atopábamos, baixo un ceo sanguinolento e cun fondo de murallas bombardeadas, fumeiras, estandartes, incendios, homes saltando das torres, zapadores, artilleiros e tropas en movemento, mentres sobre a herba, a poucos céntímetros de onde hoxe cristiáns e musulmáns tirábamos fotos compulsivamente, se estendía unha morea de cañóns fendidos, catapultas, carros desfeitos e barrís de munición.

domingo, 1 de agosto de 2010

A nena medra

Aínda quedan por moer dous días turcos coas súas fotos (perdón!), pero é verdade que o presente corre que se mata e eu nestas semanas non dei máis noticia de min que a de estar vivo cos meus posts e algúns comentarios que, aquí e alí, fun deixando nos blogues de costume.
A señorita Kaplan, que estivo comigo esta quincena, marchou xa e levou consigo a rutina das vacacións; é precisamente nelas cando máis claramente comprobo que medra ao vela máis independente e autónoma, e até me sorprendo ás veces lembrando como eran as cousas antes e como son agora: se ben se baña, se viste e se peitea soa e a súa máxima preocupación é levar a roupa combinada, cómpre estar atento para que non me saia da casa cos bigotes do colacao; como non, segue a ser bastante repunante nas comidas, que frecuentemente se eternizan, e teño que facer esforzos para non lla dar eu mesmo, o cal unhas veces a enche de vergoña e outras non.
Le ferozmente, como facía eu aos seus anos pero, a diferenza de min, non odia as matemáticas; non xoga xa con case ningún dos seus xoguetes, aínda que non mos deixa dar; descubriu a mina dos chistes, e rara é a hora sen que apareza Jaimito no horizonte; seguimos dando longas camiñadas xuntos e ao serán estomballamos no sofá para ver vellas series e películas, que agora son sobretodo de amor e de misterio; naturalmente, encaixámonos no cine os óculos 3D para ver Toy Story 3, e xogamos todos os días ao parchís coa miña mai na sobremesa; segue vindo cada mañá á miña cama en canto acorda, e o experimento de lermos cadanseu libro de Calpurnia Tate xuntos por pouco non se converteu nunha carreira de velocidade, pero resultou simpático; fago que me axude poñendo a mesa e facendo a cama dela, pero á primeira de cambio desaparece camiño do váter ou vai buscar algo que lle esqueceu e hai que chamar por ela.
Que a señorita Kaplan medra é un feito: cada vez pasa máis tempo falando por teléfono coa súa prima, e tampouco houbo día que non buscase mensaxes das amigas na conta de correo que quixo que lle abrise estes días.
Cómpre irse afacendo a iso.

sábado, 31 de xullo de 2010

Beyoglu

Que o tempo dos viaxeiros lexendarios rematou para non voltar é evidente: un só coñece persoas que viaxaron a Zancíbar, a Ushuaia ou á China e que o contan como se viñesen de xantar no restaurante do lado.
Pero, aínda asumindo que a nosa viaxe ao outrora lexendario Estambul non tivo nada de heroica, atopar na bicha de Dolmabahçe unha colega do instituto con toda a familia, e por se fose pouco volvelos ver despois saíndo do restaurante onde xantamos, é para pensar en tirarse de cabeza ao paso dun tráiler.
Lonxe diso, Teddy e eu seguimos adiante, impertérritos: subimos no elevador até a praza de Taksim, remexemos nos discos e t-shirts polas tendas de Istiklal, tiramos fotos dos vendedores de simit e pitta, explicamos a un casal de portugas que Praza de Taksim non era o mesmo que praza dos taxis, xantamos estupendamente nun restaurante onde, a propósito das hojas de perra que segundo o menú recubrían os yaprak dolma, Teddy (moito máis aberto) socializou co encargado como se fosen vellos camaradas, e ao fin chegamos á Torre de Gálata, desde onde as vistas de Estambul e o Corno de Ouro son tan impresionantes que a un non lle resta outra que tentar roubalas coa cámara, para descubrir despois que en realidade non trouxo consigo case nada do que viu.




martes, 27 de xullo de 2010

5º día: Diluvio

Acordei moi cedo porque o hotel vibraba; non se trataba dun soño nin dun poltergeist atribuíble ao cuarto 555: a luz estaba acesa e o noso cuarto tremía como percorrido por unha corrente eléctrica ou como se furasen na rúa cun martelo neumático sen ruído; toquei a parede xunto á miña cama para asegurarme, e ollei para Teddy, que durmía docemente agarrado ao portátil.
Cando acordei, Teddy estaba na ducha. Mirei para fóra e vin no balcón non que chovese senón que diluviaba, co que cumpría refacer os planos. Descartados os espazos ao aire libre, e por ser Venres as mesquitas, almorzando pareceunos adecuado visitar Dolmabahçe, o novo palacio dos últimos sultáns e a residencia en que faleceu Atatürk, ao parecer tan impregnada da súa presenza que até os reloxios manteñen a hora do pasamento, tal e como invariablemente referían as guías consultadas.
Ao mellor por ser Venres, na longa mesa das provisións faltaban os anacos de sandía e os boliños de sésamo, pero había novidades: cachelos (que infelizmente confundín con queixo) e roscón de chocolate. Polo demais, o almorzo compúxose do habitual: varios tipos de queixo brando e duro, boliños con sementes de papoula, olivas, friames, torradas e, naturalmente, café con leite. Teddy, como cada día, botou tamén man dos cereais e da salada de tomate e cogombros.
Tras revisarmos cámaras, cartos e plano, os dous botámonos á choiva para apañar o tranvía até Kabatas, ao outro lado do Corno de Ouro, e relativamente perto de Dolmabahçe. Naturalmente, non temos paraugas e eu non quero nin ouvir falar de comprarmos un, apesar da que está a caer e de irmos en camisa, a correr pegados ás casas, de maneira que cando damos montado no tranvía imos pingando, igual ca os outros viaxeiros. Tanto era así, que ao baixarmos fun eu quen propuxo que comprásemos dous paraugas de plástico transparente a un de tantos vendedores; Teddy comentou daquela que a palabra contradición adquiriu o seu verdadeiro significado ao seu cruzar comigo, e eu teríalle respostado que son un home de contradición e de pelexa, pero había que esquivar autobuses e pozas toldas e preferín calar.
No palacio Dolmabahçe as cousas pintaban mal: pasamos os controis de policía e o escánner das mochilas, pero cando chegamos á billeteira descubrimos con estupor que: a) a entrada custa 20 TL (uns 10€ ao cambio); b) dentro non se poden tirar fotos de ningún tipo; c) só se permite a pasaxe a grupos, de xeito que os billetes se van vendendo á medida que os grupos circulan polo palacio; d) a bicha, que medraba sen cesar coa billeteira fechada, era tan longa que arrefecía os ánimos de calquera naquela mañá lamentable e trevoenta.
E así foi como renunciamos a entrar en Dolmabahçe.


domingo, 25 de xullo de 2010

Eu xa o fixen. E ti?



O artigo de Carlos Callón, presidente da Mesa, apela nesta ocasión a algo tan natural e simple como galeguizar os nomes propios e restaurar os apelidos deturpados no pasado. Sen complexos.
Eu, que galeguicei o nome hai máis dunha década (cos apelidos non me cumpriu, e é evidente que non me estou a referir a aquel con que asino o blog) non vin que a miña vida cambiase.
Por coherencia, galeguízate.
É o meu desexo no noso Día Nacional.

venres, 23 de xullo de 2010

4º día: De mesquitas, cisternas e museos

Porfín soltamos lastro.
Teddy, o home que estes días escribía incansablemente postais para boa parte do planeta, termina o seu labor e esculca no plano a oficina de Correos; un funcionario moi amable véndenos os selos coa xa familiar efixie do paiciño Atatürk, e indícanos unha mesa alta e redonda, como de cafetaría, onde combinalos e pegalos.
Era mediodía cando baixamos do tranvía en Sultanahmet, con ansia de depredadores, dispostos a explorar e percorrer o interior da mesquita Azul (onde entramos pola zona que os turistas comparten coas mulleres, que permanecían orando tras celosías de madeira); aínda que non parece moito o ruído, amortecido pola altura das enormes cúpulas, sobre a densa alfombra desenvólvese unha feira semellante ás de case todos os lugares que levamos visitando desde que chegamos: coas cámaras listas e as sandalias nunha bolsa de plástico co nome da mesquita, os visitantes deambulan pola zona autorizada tentando non bater entre eles e agardando con paciencia a quenda para facer a foto.

Antes de xantar aínda visitamos a Cisterna Basílica, sorpresiva e inquietante, cos centos de columnas en penumbra e os seus ecos; sen masificación: o ambiente húmido e a hora de xantar non eran favorables, así que os visitantes corrían polos vaos até o máis profundo, xiraban entre flashes agardando fotografar as cabezas lidrosas da Medusa, e emprendían o retorno á luz exterior.
Nalgunhas zonas, ridículos obxectos artísticos de metacrilato e plástico simulaban criaturas abisais ou de pesadelo: non era preciso, habendo como había enormes e silenciosos peixes vivos, probablemente cegos, a nadaren naquel fondiño de auga como hai mil anos.
O xantar, nun restaurante dunha ruela diante do parque de Gülhane, foi excelente e, como dirían os viaxeiros de antano, reparador: houmus, salada e caril de polo, con cervexa para acompañar e té de mazá como remate das contas e as notas que escribín no caderno.
Teddy foi o primeiro que viu as evolucións e os xogos do rapaz que vendía xelados vestido á moda antiga, todo un espectáculo que servía para aumentar nos nenos a maxia do momento; máis tarde, cando xa avanzábamos polo parque Gulhane en dirección ao Museo Arqueolóxico, tamén foi Teddy quen descubriu un home que mostraba dous coellos brancos nunha gaiola e un galo ben colorido; supuxemos, porque isto é algo que non demos comprobado, que para os nenos se retrataren cos animaliños.


mércores, 21 de xullo de 2010

Vivinos

Probablemente moitos se estean preguntando, a estas alturas da crónica estambulí, como viviría este os dous triunfos consecutivos de España no Mundial.
Pois ben, señores, vivinos sen bandeiras nos balcóns e con só algunhas camisolas da selección que floreceron no autobús e logo no avión que nos trouxo aquí; vivinos agarrado a unha xerra de Efes sen máis entusiasmo que o de Teddy, que me arrastrou a unha terraza inzada de turcos e alemáns a primeira vez, e a seguinte a un antro onde un tipo ouveaba agarrado a un micrófono, como nun karaoke, mentres o persoal bebía agardando os goles; vivinos en territorio hostil porque, saiban, a cousa máis suave que nos dixeron nos lugares en que ceábamos, ou os vendedores que nos vendían, ou o taxista que nos levou, ou os mozos do noso hotel, era (eu nin quito nin poño) que quen merecía gañar realmente era Alemaña.
Vivinos con desidia e cun desinterese que me hei de facer mirar, centrado nas viandas do meu prato, poñendo máis atención no abellón das vuvuzelas que escapaba do televisor e no que sucedía no local que nas xogadas que Teddy me explicou até comprender que me deixaban completamente frío.
Vivinos, si, pero, como sempre, houbo outras cousas que me interesaron moito máis. Agora, de volta aquí, de Estambul lembro o conglomerado de cores e arrecendos do Bazar das Especias, as moreas dos postos, as chamadas dos vendedores...



luns, 19 de xullo de 2010

Solpor


A luz oblicua do solpor bate na Mesquita do Sultán Ahmed, chamada a Azul, facendo medrar as sombras entre as columnas e, no alto, que resplandeza o nome de Deus gravado en ouro sobre os muros.
Vendo voar as andoriñas velozmente sobre nós descansamos de tanta visita sentados ao pé dunha columna nos chanzos do patio interior e falamos, principal e longamente, de sexo hetero e do corpo feminino.
Antes de irmos para o hotel paseamos lentamente polo Hipódromo entre lusco e fusco; demoramos fotografando o Obelisco, a columna Serpentina e a maltratada Columna de Bronce. Corre a xente para os buses, hai nenos xogando á pelota, algún tipo até nos ofrece aneis de ouro para comprar.
Repentinamente, a zona baléirase; no travía ateigado, Teddy acórdase despois de que hoxe haberá partido: o España-Alemaña.


sábado, 17 de xullo de 2010

3º día: Topkapi

Mércores estaba prevista a visita ao palacio Topkapi, a moi aparatosa residencia dos antigos sultáns otomanos, a ben pouca distancia de Santa Sofía e no miolo histórico e artístico da cidade, Sultanahmeh, no que tamén están o Museo Arqueolóxico, Santa Irene, a Mesquita Azul e o fermoso parque de Gülhane.
Apañamos o tranvía en Aksaray, a nosa paraxe de referencia, e desembarcamos xunto a Gülhane para darnos un baño de masas en canto atravesamos a Porta dos Saúdos da Paz: hai bichas interminables nas billeteiras, atoamentos nos escánneres da entrada, grupos guiados en movemento, españois a berros entre as hortensias, xaponeses descansando nas beiras do xardín, e un forte cheiro a humanidade dentro do Pavillón da Capa Sagrada que ceiba a multitude que apenas pode admirar as espadas e os tecidos expostos: vai tanta calor dentro que as pequenas xanelas de enriba están condensadas; son cuartos sagrados e por iso non están permitidas as fotos, pero os gardas berran cos visitantes para que avancen como se os pastoreasen.
Nese mesmo patio está a linda biblioteca Enderun, vacía de visitantes e de libros, en que podemos tirar fotos con calma do interior e da fermosísima fonte que hai diante.
Alí, á sombra, facemos balance: as cociñas están fechadas por restauro e as bichas para visitar o Harén asustan; como devecemos de fame, pasamos ao cuarto patio, onde hai un restaurante aparentemente caro pero con bufé na terraza, para xantarmos (kebab, dolmadakia, salada, sandía) á sombra dos parasois e baixo uns cedros dos que Teddy fica namorado ipso facto.
Para a tarde, Topkapi ofreceu a mellor parte da visita, moito menos masificada sen os grupos guiados que desapareceran maxicamente ao mediodía: os Pavillóns de Bagdad, o de Revan e o da Circuncisión, cos seus miradores, cúpulas e azulexos, e o Diván.
Cambiamos a visita ao Harén por un té de mazá na terraza, e non nos arrepentimos: temos as retinas rebordantes de obxectos artísticos e os pés esmagados de pasear pavillóns e patios otomanos.





venres, 16 de xullo de 2010

2º día: Tour

Que non hai nada máis pesado que escoitar a crónica dunha viaxe e ver as fotos das vacacións alleas é cousa sabida, pero que lle queren: un tampouco foi a Estambul para agachalo baixo sete chaves, coma un segredo vergoñento.
Así que váianse preparando, se queren, porque lles contarei brevemente como o segundo día aceptamos pagar 60 € para que nos levasen en autobús coma ovellas até Santa Sofía, até unha colina con vistas e até un restaurante praieiro para guiris en Tarabia onde repuxemos forzas cunha boa pitanza. Como compartimos mesa con catro mozas catalás coa selectividade recén aprobada que viaxaban soas; como nalgunha delas, como nunha bola de cristal, me pareceu ver a que será a señorita Kaplan dentro de sete anos; con elas, literalmente, intercambiamos palabras, e para a lembranza quedará a inesperada espectación delas ao verme lañar a dourada á grella que nos serviron.
Como fermentamos a comida nun catamarán polas augas do Bósforo, á vista das pontes, as mesquitas e as decadentes mansións de que fala Pamuk, e como o tour rematou no Gran Bazar, onde porfín recuperamos o control do noso tempo, non sen que antes Teddy e eu nos xurásemos reciprocamente que non nos pillaban noutra igual.