sábado, 26 de maio de 2007

Reflexión

Para cumprir coa miña promesa de visitar a Nican antes de fin de curso, collo duas horas no traballo e tiro cara ao norte por unha estrada en que medraron muíños como xigantes, e en que enormes máquinas furan nas entrañas dos montes para acurtar uns poucos minutos o traxecto ao mar. Envergoñada, a montaña antano belísima recíbeme tapando as chagas na brétema espesa que me acompañará todo o día, mesmo cando ao serán retorne por outras estradas e por outras montañas diferentes.
Até que chego non comprendo que volver ao lugar do inicio, tras sete anos fóra, supón volver a unha cidade medrada que me é allea até non dar apenas recoñecido as casas en que vivín ou o edificio en que neses anos comentei centos de textos literarios e analicei miles de cláusulas e cualifiquei a decenas e decenas de alumnos.
Do que sabe deles fálame B. mentres xantamos e Nican dirixe a campaña via móbil desde a mesa en que fumegan os pratos: do que casou na terra da cervexa, do que publicou un libro de poemas (ese que teño na miña mesa de noite), do que fai performances e videoarte, da que abriu unha pousada rural non lonxe de onde estamos, dos que van nas listas dos principais partidos estas eleccións, da que está toliña de todo e chama de cando en vez para preguntar por nós, do que agora ocupa a nosa praza no instituto...
Falamos dos nosos: a última vez que nos vimos, o fillo máis vello de B. e C. tiña a idade da miña filla hoxe, e a miña filla aínda tomaba peito e ollaba asombrada para as rúas daquela Atenas en que acabábamos de instalarnos. Logo aínda virían o fillo máis novo deles, o devir político de Nican, o meu divorcio e o traslado, e os sete anos convértense nunhas poucas palabras vestidas de certa melancolía.
Mentres deglutimos postres gorentosos e hipercalóricos, B. cóntame unha historia de heranzas e partillas que leva directamente a unha casa de pedra á que nos levará Nican despois no seu coche, unha casa que ao parecer non se dá terminado nunca e que percorremos inteira, do garaxe á penumbra do faio, dos dormitórios pintados pero aínda sen tarima á cociña con aceiros e portas decapadas.

Ás 6 emprendo o regreso: mentres o coche corría na estrada mollada, a brétema húmida ía fechando de novo, púdica e dignamente, o camiño atrás.

2 comentarios:

gatina dixo...

Encántanme os reencontros: novedades, anéctodas, recordos, risas, apertas, sorpresas, bágoas... un feixe de sensacions en pouco tempo. E daste da conta de que a pesar do tempo, case todo segue coma sempre.

Peke dixo...

Atenas estaba no seu sitio, non? :)