mércores, 29 de outubro de 2008

Naufragamos

Se algo ten de bon facer anos e gardar cousas antigas no disco duro é que cando se recibe unha mensaxe de móbil que di temos que falar, chámote pola noite, e logo á noite a voz ao outro lado converte a chamada nun panexírico da túa hospitalidade, dos gustos comúns, do pracer da túa conversa, un rapidamente comprende que o que lle escoa do auricular é en realidade unha despedida.
Se ademais a segunda parte da comunicación está inzada de promesas mutuas de volvernos ver, de quedarmos pronto para xantar naquela antiga taberna que aínda adornan murais de Lugrís, de seguirmos mantendo viva a amizade (no sucesivo sen sexo), agora que Ártabro coñeceu unha persoa e algo especial está a nacer en Brigantia, e eu lle agradezo que pensase que o mellor era dicirme o que había e non desaparecer sen explicacións, daquela, non nos enganemos, é que xa non lle volverei ver máis o pelo.

Ningún comentario: