xoves, 2 de outubro de 2008

Orbitando

Con varios días de retraso (por iso do comezo do curso e tal), hei de explicar hoxe aquí que pasei o fin de semana como di o tango: solo, fané y descangayado. Certa cousa como orgullo impedíame telefonar á procura de amoras verdes, o que tería sido inútil ademais, porque os Polis andaban por comendo fabes, e Teddy esgotaba xunto a Deni as vacacións.
Dous días estiven aquí encerrado, orbitando, sen falar con ninguén e sen ver xente en tres dimensións, dopándome con ciencia ficción como para sentir que competía con Titov, con Poliakov e con Avdeyev, e que o tobo se transformaba unhas veces na MIR e outras na Nostromo, claro que sen Ripley e sen mascota.
No serán do Domingo, depois de ter visto naves a arder alén de Orión e raios C brillaren na escuridade perto da Porta Tannhäuser, cando o tedio era tan evidente que comprendín que estaba a facer corpo coa butaca e que bastaba coa cervexa para explicar as notables perdas de gravidade, daquela soou o bendito móbil.
Era Ártabro. Que se o invito para o Sampailán.

Ningún comentario: