De volta da Comarca, o pasado Domingo, viñen facendo contas: había dous anos que non fora por alí (logo Haddock comezou co divorcio), e case ano e medio que non durmía fóra de Ithaca.
Sei que me vou volvendo preguizán cos anos e que esa é foi única razón para non ter ido antes, moito máis que o receo de atoparme coa antiga señora de Haddock en plena Alameda, ou que o piso alugado polo meu amigo me retrotraese aos pisos de estudantes. Pois ben, nin unha cousa nin a outra: o piso mostraba certa semellanza co que aluguei cando viñen para Ithaca pero cos mobles de serie, anticuados e horrorosos; os azulexos do baño, co debuxo de gotas de auga intensamente azuis a escorrer, presentaban sen embargo unha vantaxe única para os duros de intestino: coma as folerpas da neve ou os capiteis románicos, ningunha gota se repetía, como Haddock me anunciou e eu mesmo puiden comprobar na mañá do Domingo, mentres esperaba que a vida volvese á casa e alguén aparecese polo salón.
A primeira foi a señorita Haddock, que se puxo cos deberes na mesa de xardín do comedor mentres eu asistía a un asasinato en Ystad; só moito máis tarde, cando a nena acabara os deberes e tomara o colacao e lía sentada ao meu lado, apareceron Haddock e a nova señora Haddock: como en min, o licorca fixera neles estragos que o vento mareiro de Cobres, fronte á illa de San Simón esfumiada na choiva, se encargou de apagar.
Volvendo para Ithaca ao serán, mentres comprobaba que as temidas raigañas non existían, que seguía a ter a mobilidade intacta e botaba contas, volvín pensar que sempre que Haddock e eu nos vemos, dá igual que pasasen sete meses ou sete anos, é como se pasasen unhas poucas horas, un par de días: non hai estrañamento, non hai dificultade de contar algo, non hai silencios incómodos nin muros nin por onde empezarei ou non sei como dicirche.
Supoño que a amizade consiste niso: en seguir unha conversación empezada unha vez, hai moito tempo.
4 comentarios:
Si, eu tamén creo que a amizade consiste niso.
Ditoso vostede. Un amigo é un tesouro.
Hai pouco lin esa mesma frase no blog dun blogueiro ao que sen coñecer (ou por iso) aprecio moito, tras un reencontro cunha amiga que non vía desde había... trinta anos! E tamén non vivían tan lonxe así un do outro, coma no seu caso.
Ai, que pouca consistencia a do tempo ou cantísima a da amizade...
Desde que llo lin aquí estou usando o artiluxio ese de descargas de pelis pero cando as vou ver no multimedia conectado ao televisor moitas pelis quedan paradas de repente e non van. Sabe vostede dalgún truco para baixalas e que non dean problemas? Grazas e saúdos.
X
Publicar un comentario