mércores, 21 de abril de 2010

Salvación

Está cientificamente demostrado: canto máis tarde entro máis risco hai de que non chegue ao traballo á hora; se entro cedo non pasa nada, dez minutos antes de tocar o timbre xa estou eu na sala de profesores co xornal aberto e o ánimo disposto.
Pero se entro a media mañá, como sucede un par de veces por semana, é posible que me poña a ler na cama até minutos despois do último minuto, que almorce diante do ordenador para comentar blogues e reenviar mensaxes chorras aos amigos, que me dea por procesar a roupa limpa, por baleirar o lavalouza, e até pode suceder que me converta en obxectivo de estrañas visitas. Así foi hoxe cando estaba para saír e, moi xusto de tempo, chamaron á porta.
Ao abrir había no felpudo unha muller de cellas esculpidas e enormes aros nas orellas que me puxo diante dos ollos un folleto con figuras de colorín mentres me preguntaba con acento de telenovela se non me preocupaba a salvación da miña alma.
Debinlle dicir que se preocupase pola súa propia salvación porque a miña non lle importaba nada, pero fun cobarde e rosmeille que o único que me preocupaba daquela era chegar ao traballo; tirei a seguir da porta e a fume de carozo baixei polas escaleiras como se o demo me seguise os pasos.

6 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Veña, sr. Kaplan, recoñézao, preocúpaalle moitísimo a salvación da súa alma. E tamén a do seu corpo. Porque, quén ten cú ten medo e vostede sabe que non pode chegar tarde.

Sun Iou Miou dixo...

Eu a eses téñolles a mesma resposta preparada que aos vendedores de felicidade material a prazos: nongrazasnonmeinteresamoiamable.

xenevra dixo...

Eu, sen dúbida, chegaría tarde ao traballo. Un grave problema de personalidade curiosa e de impuntual arrepentida pero non reconvertida.
E agora deixoume coa dúbida de como faría esa muller para salvar almas... ais!!!

Perry dixo...

Y es que el demo te seguía los pasos

Xan dixo...

Pero porque se empeña a xente en "salvar" aos demais,. non sería máis lóxico que atendesen á súa propia "salvación".

paideleo dixo...

Chegar tarde por arrombar a casa ten perdón, pero chegar tarde por escuitar a unha salvadora de almas...iso non tería perdón de Deus.