sábado, 3 de abril de 2010

Tentación

Desde que a semana pasada o coche me deixou tirado dúas veces, a sombra dun novo infarto da bomba da gasolina ou calquera outro colapso do motor sobrevóame cada vez que dou volta á chave.
Non é que sete sexan moitos anos para un coche, supoño, nin que non poida cos case cento cincuenta mil quilómetros; sucede como coa xente, que vai arrastrando amósegas, eivas e cicatrices até que un mal día algo repentino a deixa fóra de combate, e aí veñen os lamentos e aquí vén a tentación.
Comprar ou non comprar un coche novo, eis o dilema. Animarme agora, sen esperar a que o futingo me falle de novo, ou agardar a que feneza, fielmente, en acto de servizo?
Antes da avaría, a min gustábame cortar especulacións afirmando que esta pota aínda me tiña que durar cinco ou dez anos máis, que furrulaba ben e nunca me deixara tirado; agora as cousas mudaron (dúas avarías no mesmo órgano, dúas, e en cinco días), e na familia e entre os amigos xa hai quen presiona con que é o momento perfecto para comprar coche, coa subvención e antes da suba de impostos prevista para Xullo.
E mentres eu, hamletizado pero non tanto, me deixo tentar entrando e saíndo dos portais das grandes marcas, agregando complementos, pintando e despintando cores, escollendo tapizarías, comparando prezos e prestacións, cada vez que fago contas sinto no peto coma un proído disuasorio.

5 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Pois eu animaríao a que mude de coche antes de Xullo.
(Pero o bolsillo elle seu)

peke dixo...

Eu tamén o animaría. O C4 de Citroën funciona que dá xenio. Pero o peto é seu, como ben di mariajesus.

Sun Iou Miou dixo...

Así me gusta. Axuda vostede a levantar a economía nacional. :)

xenevra dixo...

E parecía que o noso maior dilema ía ser aquel de "ser ou non ser" e van e veñen os vendedores estes cos seus disfraces de magos malabaristas, facendo as nosas contas cos seus contos e...
fastidióusenos o ser ou non ser. Co fácil que o tiñamos!!!

Perry dixo...

Anímate a comprar coche: te beneficias tú, la economía nacional, la industria auomovilística y si financias hasta la pobre banca, que anda apabullada. Yo voto por los orientales ¿que tal Toyota?