martes, 4 de maio de 2010

Boni


Déixenme que llela presente: esta cadela con cariña de lástima vive connosco desde hai agora unha semana, transformándonos nunha manada un pouco patética (unha nena itinerante, dous peixes de cores e un servidor, a quen correspondeu ser o macho alfa) e poñendo patas arriba a vida no tobo.
Aí onde a ven, con ese ollar que parte a alma a un cosaco, non podo dar un paso sen que me veña atrás (agora mentres escribo aquí téñoa aos pés sobre a alfombra, latexante e durmida), e tanta dependencia convértese ás noites nun ruidoso problema que me ten os nervios coma cordas de guitarra; de deixala dentro da casa nin falar, polo menos mentres non controle os esfínteres, o que está a ser un noxento problema que me ten revoltos os dentros.
É certo que ter can mellora as relacións sociais, e que, paseando a cadela, nunha semana levo falado con máis descoñecidos que en todo un ano, pero aínda non acabo de verlle o beneficio a ter que escoitar pacientemente a vida de todo quisque mentres as nosas mascotas se ulen nun xardín.
A señorita Kaplan adora, literalmente, a Boni: acariña nela temerosamente, rífalle con mimo, levántalle as orellas, ofrécelle comida, ráñalle con coidado na barriga. A cadela vai superando o medo; a veterinaria non o puido dicir mellor: a maioría dos cans teñen o pánico nos ollos cando chegan pero esta pobriña desexaría, simplemente, desaparecer.

12 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Qué fermosura, sr. Kaplan: non se vai arrepentir nadiña.
Agora ela anda a buscar o xefe da manada e, a non ser que teña querencias marinas e se namore dun peixe, vaille tocar a vostede. Non é doado ser deus, pero vostede xa o sabe, que xa fixo sentir así a srta. Kaplan.
Cada vez que alguén fala dos seus cans, paréceme que é parte da miña manada.

Ra dixo...

Se convierten en algo imprescindible que siempre está ahí... sólo se llega a entender cuando te pasa.

Es preciosa, Sr.K. Lo de controlar el esfínter lo aprenden rápido, paciencia :)

Chousa da Alcandra dixo...

Teña moito tino de agora en diante: din que os amos acaban semellándose aos seus cans. E vostede, como macho alfa, non o vexo eu con esa mirada.

Saúdos para vostede e un ladrido para Boni (que un tamén sabe idiomas)

Zeltia dixo...

Que cadeliña tan bonita! e que precisada de cariño se ve!

non desesperes home, verás canto a vas querer!
ó principio terás que educala, aprenderlle a pedir para saír fora...
Iso sí, contra de que che veñan falar os outros donos de cans... non teño antídoto!
moito boto de menos a que tiven eu 13 anos comigo -realmente era do meu fillo, pero... -

Sun Iou Miou dixo...

Ui, a cadeliña vai collendo posicións. Xa está enriba do banco. Párelle os pés a tempo, señor Kaplan: con catro neste momento, podo dicir que teño experiencia (que de nada me serve). Canto ao dos esfínteres, é duro. Eu acostumo a deixalos durmir comigo nesa etapa e á mínima que espertan (sexa a hora que sexa) levántome coma un resorte e lévoos polo ar ao sitio, neste caso o eido; vostede ha telo máis cru vivindo nun piso.

Ánimo, que paga a pena. :)

peke dixo...

É preciosa. Kaplan, preciosa. Supoño que lle poñería periódicos nun sitio para que vaia alí facer as súas necesidades. Polo menos ao principio é un bo método para que non lle lixe toda a casa.
En canto á dependencia, pouco a pouco irá descubrindo o mundo e sentíndose máis segura. Pero necesita tempo e vostede, moita paciencia. Paga a pena.

xenevra dixo...

Tendo en conta que mellora as relacións sociais, que ten encantada a señorita Kaplan e que, polo de agora, os veciños non se queixaron, o único problema que lle vexo é o gasto en cordas de guitarra. se cadran chegan ao afinado perfecto e as noites pasan ser dondos como os ollos da cadeliña.

Xan dixo...

Segundo cóntanos a cadeliña non ofrece máis que vantaxes. Ao escoitar a crónica social paseando a cadela evita vostede perder o tempo coa televisión . Por certo a cadela é preciosa aínda con esa cara triste.
Un saúdo

mariajesusparadela dixo...

Ninguén se atreveu a dicirlle que terá moitísimo carácter. Pero, moitísimo, que o saiba.

susana moo dixo...

Pois espera que teña o celo e xa mirarás cantos descoñecidos coñeces.

(éche ben bonitiña!)

X dixo...

Benvida señorita Boni, pode estar segura de que deu co mellor tobo posible, deséxolle unha boa estadía.

Sun Iou Miou dixo...

Agora que alguén falou por aí do celo, recoméndolle unha ligadura de trompas (para a Boni, non para vostede!). Non se vai librar dos admiradores, non a priva de ningún pracer e vostede quédame descansadísimo. Garántollo. A non ser que queira traer mais criazón ao mundo, pero pénseo ben.