martes, 18 de maio de 2010

Crónicas de Boni

Cando a Boni veu vivir a este tobo eu supuxen que ser o macho alfa, o titular da hipoteca, o que trae o sustento e o primeiro en chegar terían algunha importancia á hora de organizar a vida aquí dentro. Nin moito menos.
Primeiro foi a señorita Kaplan a que caeu nas redes da cadela: a estas alturas, a nena segue a comportarse como diante do becerro de ouro, e eu xa estou a preguntarme algunha vez se tal adoración non será un sucedáneo da educación relixiosa que nunca lle demos.
Meus pais caeron no engado da Boni ao primeiro axotar da cauda fanada; agora, non só me cómpre ir xantar coa cadela cada día á casa deles senón que as comidas acaban nunha guerra civil: home, por un pouco de guiso... pero se son dous macarróns que quedaron de onte... a ver se lle gustan os calamares... Ás veces penso se aqueles dous amables anciáns que están a cebar na Boni non estarán suplantando os meus verdadeiros pais tras roubárenlles os corpos, como tantas veces no cine.
Como explicar daquela que unha muller que nunca quixo na casa máis animais que os que se podían comer limpe agora con verdadeira alegría e até con devoción as pociñas que vai deixando a cadela pola casa.
De min podo dicir que en tres semanas levo limpado máis merda da Boni que da señorita Kaplan nos dez anos que vai facer: desde hai uns días as cousas melloraron, é evidente, e salvo certos lamentables despistes a cadela vai facendo o que debe na rúa; o gran problema é que non a dou afastado de min, e acabei cedendo á chantaxe dos seus ganidos, choros e ladridos até converter a miña vida nun show no que actúo en exclusiva para a miña cadela ao longo do día: se coa Boni me deito e coa Boni me ergo, tamén a Boni está presente cando me visto e cando vou ao wc, cando actualizo este blog e cando poño a lavadora, cando vexo a tele e cando me ducho.
Como a Boni continúe a ladrar, como fai cada mañá cando vou para o traballo, acabarei por pedir permiso para levala comigo ao instituto. Iso ou solicitar unha excedencia.

7 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

E, voulle dar unha nova: teñen un xenio condenado e non cansan nunca.
E voulle dar outra; dentro de nada, non podería vivir sen ela.

Sun Iou Miou dixo...

E eu doulle outro: cédalle ao que queira, pero aos ladridos non. Pódese volver contra vostede (polo cariño que lle colla ou que xa lle colleu) vivindo nun piso. Déixea ladrar agora un pouco ou mais tarde será tarde mesmo.

E deixe que os avós a mimem, home! :)

bueno dixo...

Boni parece ser uma cadela adorável. Os animais sao tao inteligentes, que nao precisam falar para conseguirem o que querem de nós! Um grande abraco (na Boni também)

Zeltia dixo...

cóntalo todo ben gracioso e tan descriptivo que me parece estar vendo a túa nai preguntándose se lle gustarán os calamares!
no canto de que a cadela ande atrás de tí o día enteiro, xa non sei se me da máis envidia ou máis alivio de non tela!
:-)
algo que si me da para pensar é clicar sobre os enlaces que pos, jajaja, nunca se sabe que pode unha atopar!

xenevra dixo...

O da excedencia soa xenial, con ou sen cadela. Claro que cos tempos que corren non sei se será o máis atinado. levala ás aulas de 3º ESO pode ser un risco, pero deixala na sala de profesores será xa toda unha ousadía!! Certamente, non hai como chegar no momento axeitado. E está claro que a Boni así o fixo.

Ra dixo...

Se le ve en su salsa ;D

paideleo dixo...

Os animais son unha marabilla pero escravizan bastante.
Que desfrutedes coa mutua compaña.