sábado, 2 de outubro de 2010

De espellos e reloxios

Un par de semanas despois de entraren na residencia, as tías están en pleno proceso de aclimatación ao novo medio, no que hai de todo como en botica, din referíndose aos outros residentes, pero onde sobresae sen dúbida a comida, que é excelente.
Por contra, a liquidación do vello piso vai tan lenta que Outubro empezou sen entregaren as chaves á caseira; o outro día voltamos, receei que por máis roupa pero non: fomos polos edredóns para as camas delas, e polos catro cadros con que decorarán a antecámara do dormitorio na residencia, alí onde reciben as visitas á volta dunha mesa camilla.
O vello piso tornouse alleo e xa non é acolledor (cheiran os canos en desuso, as plantas esmorecen sen rega, o pó nos mobles e os cercos  nas paredes delatan as cousas que faltan), e as tías móvense polos cuartos como se nunca tivesen vivido alí, fóra sentimentalismos.
Acabou a fase das devolucións e entramos na dos agasallos, disque: cando acabaron de escoller os cadros de paisaxes ben bucólicas, cando xa edredóns e coxíns agardaban no coche, cando xa pensaba que nos íamos, as tías empeñáronse en que me querían dar algo, un recordo de cada unha, e sinalaron para eu levar o suntuoso espello de bronce da sala e o reloxio de sobremesa.
Nin souben que dicir: dubidei máis por non saber onde poñelos (non por feos, que non son, aínda que no meu tobo non hai nada tan barroco e tan brillante) que polo que aceptarlles o agasallo tiña en si de herdo ou pagamento.
Teimaron as tías, meu pai insistiu, e finalmente aí están, puras alegorías de contos orientais ou non, como o botín dun saqueo, dun naufraxio, dunha poxa, dunha heranza, tamén eles aclimatándose ao novo entorno e agardando destino, porque nin sequera estou seguro de que vaia ficar con eles, misturalos coas miñas cousas.
Nada como os espellos e os reloxios para representaren o paso do tempo, pero a min estes danme un puntiño de pena cando os miro.

9 comentarios:

Sun Iou Miou dixo...

Tamén lle digo: máis carga simbólica non podía haber. Non deixa de ser curioso que elas non quixesen levar nin o espello nin o reloxo para a residencia. Vostede víreos contra a parede, mentres decide.

Bolboreteira dixo...

dacordo con Sun lou Miou..moita carga simbólica teñen eses agasallos das tías.Eu tampouco sabería que facer con algo así.
Saudiños

Mararía dixo...

Non sei qué pasa nas vivendas, que cando quedan baleiras xa son como alleas e se deterioran rápidamente. Paréceme que as tías comezan unha nova etapa nas suas vidas.

Raposo dixo...

Espellos e reloxos son obxectos que canto mais vellos somos mais os respectamos e tememos. Quizais por eso as veces queremos desprendernos deles.

Anonymous dixo...

Es cierto que dan un poco de yuyu, pero prueba a parar el reloj y a tapar el espejo para que el tiempo se detenga. Me alegro que no me los hubieran regalado a mi.
Perry

susana moo dixo...

Cuánta ternura nesta historia. Me gustan as túas tias, alí recollendo sen añoranzas, tirando pa diante, asumindo e aceptando e ¡disfrutando da comida!
E tamén agasallando ao sobriño, que ben que o merece, ou?

E si, pasa, jodido espello, jodito reloxo, tic tac tic tac.
Peeeeero...
¿sabías que os deuses do olimpo nos envidiaban porque os nosos momentos son únicos e irrepetibles?

zeltia dixo...

espello e reló...
tes razón tí, son dous obxetos que refrexan o paso do tempo,
de dúas maneiras ben diferentes.
e que chos regalaran túas tias cando están "desfacendo" a casa, para se "retiraren" [da vida que levaron "toda a vida"]
aínda lle engade máis simbolismo, máis carga.

Oes, a min teríame ocasionado uns días críticos de revolver polos meus adentros, de perderme nos labirintos do absurdo; de emborracharme de melancolía, para despois, probablemente aceptalos cun pequeno nó no estómago, que me volvería de cando en vez, de súpeto, sin saber por qué.

gustoume moito este posteo.

Aldabra dixo...

pois penso que non deben darche pena porque elas déronche eses agasallos con moito agarimo, así fora a pena e que volva a ledicia.

elas están contentas e ben coidadas, é o importante.

biquiños,

Paulo Ramos dixo...

Bem, não é o facto de habitar o espelho e abrir o rabo em leque horário que faz o pavão mais bonito, o pavão é bonito e ponto.

Abraços amigos,

PAR