xoves, 2 de xuño de 2011

Gripe

Levo cinco días encerrado no tobo.
O diagnóstico é gripe, ou algo parecido escribe con letra de insectos o médico noviño que me atendeu o Domingo; o día antes fora poñéndome malo á medida que pasaban as horas e ían asomando os síntomas, un após outro, coma as pragas de Exipto: tose, rouqueira, esbirros, lumbalxia...
O Domingo tras o almorzo vou a urxencias; o médico, ao mellor por coherencia con elas, empéñase en tomarme a tensión sen que tire a camisa e montamos un pequeno número na padiola mentres me axuda a soltarme daquela manga; saio da consulta cargado de receitas e desconcertado: por un lado, teño a tensión alta e cómpre que a controle; por outro, o médico asegura que nunha semana estarei perfectamente, pero só me dá tres días de baixa, que naturalmente acaban o Martes.
E sucede como coa camisa, que perdemos o tempo en lugar de gañalo: cando volvo pola alta, outro médico (tamén con nome de culebrón  pero cunhas horribles  uñas, todas roídas) prolóngame a baixa cinco días máis, de maneira que son eu quen acaba pedindo desculpas e dando explicacións telefónicas ao falar co xefe para anunciarlle que até a semana non me verán o pelo no instituto; sei que os silencios ao outro lado da liña protestan contra unha baixa sen substituto a estas alturas de curso, pero o xefe di cousas como que o importante é que me poña ben, e eu vólvolle dicir canto o lamento, principalmente polo bacharelato, e el dime outra vez que non me preocupe, e eu lamentaríame de novo pero colgamos e chamo a Cam para que me entregue no instituto o segundo parte de baixa, e vou á farmacia a comprar aínda máis medicamentos con sabor a laranxa, a anís e a menta, e un deses medidores electrónicos, porque a tensión segue alta e o médico das uñas roídas prohibiume as olivas e os embutidos, recomendoume moderar o consumo de sal, e mandoume que a mida dúas veces ao día para comprobar se definitivamente son hipertenso ou se é só un simple episodio.
Hoxe conservo algo de tose e a voz non é aínda o que debería, pero o peor segue a ser o isolamento, que hoxe romperei porfín para ir xantar á de miña mai. Acábanseme as lecturas e os víveres, principalmente os frescos, e mañá porfín virá a señorita Kaplan.

13 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Que noxo un médico coas uñas roídas!. Será de fiar a súa diagnose?.

A chegada da fin de semana e, con ela, a da señorita Kaplan farán mellorar os síntomas de xeito considerable. Dígoo eu, que non son médico; pero tampouco rillo as uñas!

Saúdos

Peke dixo...

Que a chegada da filla acelere a súa recuperación. :)

mfc dixo...

Aproveita... que tão cedo não ficas outra vez doente!!!

zeltia dixo...

unha putadiña pillar a gripe en maio, bueno, xuño, co sol aí fora, coa luz. É certo o que dí: que o que peor se leva e estar illado na casa... Espero que venres xa estea mellor para disfrutar da compañía da señorita >Kaplan<, a ela encantaralle coidalo, seguro, ainda que vosgtede non se deixe.

Gustoume como interpreta tan finamente a conversa telefónica!(tamen me gustou o comentario que me deixou no meu blog. eu tiven uns dias libres, pero xa estou de volta na coruña)

e moito le vostede, como lle envexo.

X dixo...

Se nos tivese avisado teriamos feito algo para lle ir entretendo a semana, agora xa non será necesario, coa Srta. Kaplan con vostede a recuperación será inmediata e o luns os futuros bachareis volverán a telo diante durante 50 minutos. Feliz finde!

Anónimo dixo...

ter gripe é un coñazo pero en maio/xuño todavía e mais coñazo, compadézote.

tén razón X, terías que telo contado antes para que te entretivéramos un pouquiño.

espero que neste finde xa mellores completamente.

biquiños sanadores e recuperadores,
Aldabra

Concha López Fernández dixo...

As enfermidades en solitario non se levan moi ben. Menos mal que pronto terá compaña.

O malo de todo, e máis das baixas é que quen está ao outro lado da liña non entende que o corpo muda da saúde á enfermidade sen avisar. Se imos ao cole estando mal, somos heroes tontos. Se non imos porque nos dan unha baixa, somos tontos vagos.

Recupérese pronto. Por vostede. O resto pode agardar...

Raposo dixo...

Pois nada, a mellorarse!

Xan dixo...

Esperemos que non lle contaxie a gripe a señorita Kaplan.
Desexo que se recupere e que poida tomar as olivas e os embutidos.

paideleo dixo...

Pois a tomalo con muita paciencia e a millorar que a saúde é o primeiriño.

zeltia dixo...

...que? mellor?
:-)

e se non... moito cine!
unha aperta sanadora.

susana moo dixo...

espero que xa esteas ben. Poida que a túa enfermidade fora unha chamada urxente do teu corpo para ficar deitado e ler arreo. Envídioche! ( casi)

Un saudo

Sun Iou Miou dixo...

Cóideme iso do sal, Kaplan. Ao principio custa, pero despois o padal acostúmase.