venres, 31 de outubro de 2008

Meme dos praceres

Pídeme Noe Pastor que enumere seis entre as cousas que me fan sentir mellor. Como se supón que é algo que debe transmitir pracer, e as obrigas en xeral non son pracenteiras, por unha vez non pasarei a testemuña a ningún dos meus blogueiros de cabeceira (pero saiban que é por esta vez, que para outra serán nominados). E comezamos, sendo algúns do meus sumos praceres...

1. Que a señorita Kaplan durma aquí, na súa (outra) casa. Levala no colo para a cama, mesmo co que xa vai pesando, mesmo sendo produto do seu meco, segue a ser algo ao que nunca me dou negado.

2. Sentarme na butaca despois de xantar, a manta sobre as pernas estiradas, a tele posta: que pracer adormecer e acordar despois no medio do Serengeti, coas cebras e os ñus a correren na estampida! Asumámolo: trátase dun pracer outonizo, seguro que si, pero que pracer.

3. Deitarme moi moi tarde por quedar a ver unha película interesante ou o capítulo dunha serie que sigo; dáme igual se ao día seguinte traballo e teño a cabeza pesada: compensou largamente.

4. Reler un post ao día seguinte de escribilo, poño por caso, e ver non xa só que está como debe estar, senón que nos comentarios aqueles para os que escribo opinan o mesmo. Isto, meus queridos, non hai cartos que o paguen nin vaidade que se resista.

5. Ver como na aula, mentres facemos un comentario de texto no medio da aridez máis completa, ao alumno máis insospeitado, talvez ao máis gris, ao máis problemático, repetinamente lle muda a cara ao descubrir por si mesmo o significado dunha metáfora que lle abre o significado do texto enteiro. Por cousas así, que pasan unha vez ou dúas cada pontificado, sigo pensando que aínda vale a pena.

6. Poñerme a esbardallar con Haddock ou con Polis, tomando unhas cervexas e picando algo por aí, sen nos preocuparmos o máis mínimo que a xente nos mire ou se aparte ou nos escoite arranxar o mundo ou condenármonos para toda a eternidade, amén.

7 comentarios:

La queue bleue dixo...

Boh! Para um meme gostoso que hai, vás e nom nominas ninguém!
(E sim, som muitos anos, som.)

X dixo...

Encántanme as súas pelis interesantes.
Uffff
acumúlanseme os memes :D

Sun Iou Miou dixo...

Pois para min un dos maiores praceres é que non me mandases enumerar as cousas que me dan pracer. E por outra parte alégrome de que sintas pracer con esas cousas tan descomplicadas (fora da 5, claro, que é para nota).

D.Rambaut dixo...

Súmome ó "¿falso rebento de bambú que seduz?

Daniel ^^

Noemí Pastor dixo...

Hola, sí, es un placer morbosillo tener la cabeza embotada porque la noche anterior te lo has pasado bien. Biquiños.

Peke dixo...

Gústanme os seu praceres, pero iso de trasnoitar cando ao día seguinte cómpre traballar hai tempo que non me compensa. A determinada hora xa estou pensando na cama.

Perry dixo...

Me j... que nunca me propongas para responder a tus memes. A ver si algùn día