mércores, 15 de outubro de 2008

Meme €xcéntrico

Segundo o prometido, é este o momento de desvelar os cinco desexos imposibles, as cinco extravaganzas do millonario que nunca serei, hai que asumilo, e que non serán máis do que carne de soños, por moito que nos doa.
Pero se por algún imponderable o destino se revirase e a sorte me fose favorable...

1) ...teñan a certeza de que tras liquidar a hipoteca deste tobo (non é cuestión de acumular impagos posuíndo unha das fortunas do planeta), compraría ao contado unha illa no corazón do Exeo; unha illa cun cabo, e no cabo un faro en desuso, pintado de branco e anil, perfectamente confortable, para eu pasar longas tempadas lendo e escribindo rente ao mar, e espantando a melancolía á forza de sirtaki e ouzo.

2) ...asegúrolles que me axenciarei un planeta, un satélite ou un asteroide (isto si que non sei se se pode comprar, aínda que probablemente, porque se a fe move montañas que non han de mover os cartos). Tendo comprobado que nunca unha asociación de astrónomos acomplexados mo vai degradar de categoría, daríalle o meu nome ao planeta e continuaría, telescopio na man, nomeando o mar de Paideleo, o volcán Sun-Iou, a cordilleira da Gradicela, o cráter Queue Bleue, o monte Rambaut, e sucesivamente.

3) ...non dubiden que terei varios tobos polo mundo adiante, sempre dispostos para calquera ocasión imprevista e intempestiva; tomen nota, por se veñen de visita, da suite con vistas no Plaza, do estudio en Via Margutta, do palacete rodeado de laranxeiras en Alexandría, da dacha de Crimea.

4) ...dean por feito que doarei o necesario para que as autoridades recompren os terreos indecentemente cedidos á especulación; con iso afastaremos definitivamente a ameaza que hoxe paira sobre o fermoso Parque e o seu entorno. Logo veremos que se pode facer coa pirámide.

5) ...non pensen que non me cansarei axiña de todo isto: darame unha neura un día e venderei illa, tobos e planeta, e toda canta cacharrada e moblaxe arrumarían, daquela entregarei o gaño ás oenegués de costume e, cando todo se calme e os que non me coñecen me teñan esquecido, volverei vivir modesta e tranquilamente, como é debido.
E esta talvez será a máis grande extravaganza de todas.

5 comentarios:

paideleo dixo...

Graciñas por nomear todo un mar co meu seudónimo. Curioso.
A última extravagancia non creo que foses capaz de cumprila; supoño que un se acostuma á boa vida.
Un saúdo.

Sun Iou Miou dixo...

É vostede un amor, Kaplan, que nin sendo inmensamente rica poderia comprar. Entón... para que quero os cartos?
E agradézolle a intención, pero mais que a un volcán, debeulle poñer o meu nome a un iceberg, deses aos que nin o aquecemento mundial afecta.
Os seus soños, abofé, son ben lindos. Se me toca a Primitiva, non sei, igual despois de me ferrar o tiro o nome herdeiro universal.

D.Rambaut dixo...

Non lle vou vender nada diso. ¡Chinche!

:-(

Daniel.


pd: Xenial meu, ainsssss.....Xa case que sinto o ar da "miña montaña"

Peke dixo...

O da cordilleira é atinadísimo, non o sabe vostede ben.
Fermosos soños Kaplan, pero non sei se sería capaz de realizar o último.

Perry dixo...

Me hubiera gustado hacer el meme este desde lo alto de una torre de diamantes en mi portátil de oro y marfil, desde mi isla vecina de la tuya. Saludos brillantes.