Despois da agonía e morte (pode que tan só se trate dunha hibernación, o tempo dirá) do bonsai, tan traumática, documéntome sobre a apaixonante vida das phalaenopsis, capaces de fotosintetizar coas raíces, nada menos.
O que máis me chama a atención é o cartonciño con recomendacións que acompaña a planta con icones sobre rega, temperatura, luz, e unha frase en catro idiomas que reproduzo en francés: Pour la décoration, ne peut être consommé.
Ao lelo, lembro outras advertencias dos electrodomésticos da casa: Verifique que não tenham entrado para a Máquina de Secar Roupa animais ou outros elementos não aptos para a secagem, di a etiqueta pegada no frontal da secadora; e o lavalouza indica rotundamente que a auga que puidese restar nos cacharros tras lavalos non debe ser bebida nin empregada para cociñar.
A ver: será daquela que entre nós habitan criaturas estrañas, coma os ladróns de corpos ou así, que ignoran que está mal meter as mascotas na secadora coas toallas por máis sedosa que lles saia a pelaxe, que por se agacharen disimulan apetitos inverosímiles, que inxeren con esforzo riojas e pepsis cando o que lles pide o corpo é un bon vaso de auga morna e azulada con partículas en suspensión, que acaso devoran repugnantes follas de leituga, eses tomates raf, mentres os ficus, os potos e as phalaenopsis lles levan os ollos de pura gula?
4 comentarios:
Pois, non ten nada de raro poñer ese letreiro, porque eu, cando era nena (no século pasado), en carnavales levaba unha arbore cheíña de chourizos (estropeáranse aquel ano, por falta de fume), e cheguei a casa sen ningún...Se lle levara posto o arteliño, xa entendían que os chourizo eran para decoración, ¿non si?
(Veña probar os deste ano, antes de que se boten a perder)
:-))
Daniel
A mellor desas que coñezo é a recomendación dunha motoserra: "Non suxeitar entre as pernas" ?!
Claro que tamén había a dos paquetes de cacahuetes que din: "Atención! Pode conter trazas de cacahuetes!"
Entre as traducións de máquina e as sabias recomendacións para bestas pardas, o dos manuais de instrucións é un mundo apaixonante. Había que facer un libro sobre iso.
En los manuales de los bazares chinos tienes una mina :)
Publicar un comentario