luns, 17 de novembro de 2008

Resaca

Hai días que non teño nada que facer polas tardes.
Man sobre man, póñome a pensar en que podo pasar o tempo sen que na frase aparezan palabras como corrixir, lavadora, rocho ou limpar.
E hai outros días, coma este, en que tería que estar en tres sitios ao mesmo tempo: un cursiño pesadísimo ao que vou con Cam hai como unha eternidade, unha aula de inglés á que falto demasiado, e por último unha reunión do claustro.
Ao saír do traballo vou xantar á casa dos meus pais cos pés fríos e mal corpo: o sol enfermo que me cega, amortallado por unha néboa alta, por contra non me dá quentado os ombros, e a miña mai en canto me bota o ollo enriba alvíscame os restos da resaca.
Entre macarróns, ecos de sociedade locais e máis artillaría para a dor de cabeza, establezo as prioridades: unicamente irei con Cam ao cursiño anestesiante, non máis, e pedirei alí un xustificante para inglés e outro para o claustro.
No café, finxindo que escoito a documentada análise que fai a miña mai da actualidade despois que meu pai fuxiu a ver a tele, sinto que a vontade me naufraga en sono e náuseas; e cando saio á rúa, en vez de ir onde debo, boto a andar para a casa a me poñer de córpore insepulto xurándome dúas cousas: primeira, que meterme unha tarde na cama non vai supoñer o fin da civilización occidental como a coñecemos; segunda, que nunca máis probarei o patxarán.

11 comentarios:

paideleo dixo...

Vaia foto !. E eu pensaba que pobres porquiños que matan en Arbo !.
Acostuman matalos en lúa minguante anque non sei exactamente polo que. Supoño que terei que indagalo.
Un saúdo e cuidadiño con esas bebidas empalagosas; canto máis dóces, piores son.

D.Rambaut dixo...

e o rocho por qué non?...Tanto medo da?....

Daniel

pd: só a vostede se lle ocurre tomar ZOCO.... :-P, Pásese a "Urtevi", no rocho sempre o temos fresco ;-))

Kaplan dixo...

señor rambaut: creo que tamén tomamos dese :-/

mariajesusparadela dixo...

Paideleo: mátese en minguante porque din que se mantén mellor a carne.
Ay, o pacharán, qué riquísimo é. O que non saiban os vascos...

X dixo...

Aínda pagaría algo por velo escoitando á súa nai coa resaca.
E, con quen?

peke dixo...

Non che me dá ningunha mágoa. Mentres bebía non pensaba na resaca. Cóidesenos, ande. ;)

X dixo...

Confúndome ou Robinson en Ithaca está de aniversario?????

Sun Iou Miou dixo...

Xa vin que, en efecto, a civilización occidental non finou. Mágoa. Para a próxima, métase dous días na cama seguidos a ver se así...
(^_^)

ziryab dixo...

He tenido que hacer un pequeño esfuerzo para leer su bitácora. Pero me parece tan tierno que seguiré cada día sus pequeñas aventura rumbo a la hermosa Ítaca.

D.Rambaut dixo...

O:O

Borrachuzas¡¡¡¡¡ Así que vostede foi o "muso" do autor da "Lenda de Santo Bebedor"

ufff.

Daniel

Perry dixo...

Esa foto, esa foto... :/