A presidencia da comunidade caeu a dous andares do meu, discutimos derramas e redución de cotas pola baixada do fuel, como nenos boíños deixamos que o administrador nos levase da man polo labirinto das contas, e até houbo quen grallou alto e forte porque a da limpeza non nos limpa.
Eu, que nunca dou calado, chilrei dúas ou tres veces, pero só cando a nova directiva estivo elixida, por se acaso.
Desde o meu poleiro ao final da sala víase ben a desbandada: se na do ano pasado se acabaron as cadeiras e algúns quedaron de pé xunto á porta, na deste ano sobraban sitios apesar de asistiren, como se fosen ao teatro, varias parellas de brillantes alianzas e poucos anos. A crise ao parecer non causou estragos: de momento non só non se puxeron vivendas á venda nin hai recibos impagados, senón que até me crucei no ascensor con embarazadas diferentes da que xunto a min trinaba por unha arañeira do portal que, segundo ela, leva alí desde a Primavera.
O desencanto e a rutina instaláronse tanto entre nós que xa non parecemos encantados de nos termos coñecido. Pronto só irán (ou iremos) ás reunións uns poucos; aínda máis á medida que os nacementos vaian mudando a fisiognomía da comunidade.
E aí empezará a normalidade.
4 comentarios:
Gustoume moito iso de que protestou algo cando xa sabía quén era a nova directiva...se lle tocara a vostede, calaba de seguro ¿non sí?
Todo un estratega :D
X
Odio las reuniones de vecinos, pero puede que el señor Kaplan fuese un excelente presidente.
Aquí mi voto¡
Eu quérolle ben, Kaplan, non vou votar por vostede. A min como vivo en casa unifamiliar independente e soíña, nin os cans me discuten a presidencia.
O das embarazadas non será polo da moción para aplica aos non-natos os beneficios dos natos?
Publicar un comentario