mércores, 14 de outubro de 2009

Síntomas

Teño toda a sintomatoloxía dun resfriado: molestias na gorxa, a voz tocada, algo de moqueo, esbirros, aparvamento, cansazo, querencia pola cama, e unha certa dor de cabeza, así remota, coma un eco.
Fun traballar hoxe, e irei traballar mañá, cunha boa provisión de paracetamol no corpo e de panos de papel no peto, e o receo de ser mirado con temor e desconfianza por alumnos e colegas, principalmente os que comparten comigo o exiguo reduto do departamento.
Naturalmente, nin se me ocorrerá aparecer estes días pola casa da miña tía G.: sei que para ela non hai esbirrar contra o brazo no canto de poñer a man (como me di a señorita Kaplan que lle ensinaron a facer na escola), nin que a gripe común causa máis mortes, nin que o que teño é un simple resfriado e non un sabedeus.
Di a miña mai que a tía recuperou para o presente historias das gripes do pasado. Como cando o meu avó facía a mili polo 1918 e non daba durmido sentindo tusir nas outras camas do dormitorio común aos que pola mañá estarían mortos ou comidos pola febre.

4 comentarios:

paideleo dixo...

Nada, a superalo. Na casa tampouco estamos mui católicos tanto o pai como a nai de Leo así que teremos que aguantar. O da gripe A creo que está sobreestimado ( como darlle o Nobel a Obama tan pronto. Ten razón túa mai ).

Sun Iou Miou dixo...

Polo si ou polo non, procure que non lle escape un espirro descontrolado na sala de profes, non vaia morrer, pero non da gripá, senón dos efectos secundarios: lapidación.

Ánimos e fungue o nariz a fondo.

Mr Tichborne dixo...

Espirre desimuladamente na man e ande chocando os cinco e palmeando costas a todo o mundo. Non caia só, morra matando!!

E se non ten esa gripe letalísima, pois póñase bo e mellórese!

mariajesusparadela dixo...

Pois, nada, coideseme. Que lle van pagar o mesmo e, canto antes pase, mellor.