domingo, 27 de marzo de 2011

Testamento

Onte tocaba visita ao tío H., o irmán da miña mai, e aló nos fomos: en lugar do queixo, o pastel e o xerriño de mel levábamos un prato de filloas, un cartón de tabaco e dous puros da boda de Carlos e Vero, clientes do meu cuñado, que está a deixar de fumar.
Sentamos con meu tío naquela sala en que o tempo se detén e, dando un pinchacarneiro, salta para atrás mentres os dous irmáns falan dos pais e dos avós, daquela noiva que el tivo e dos amigos do bacharelato, todos mortos ao parecer; meu tío, coa barba longa e grisalla ao Walt Whitman que non convence nada a miña mai, declara que está preparado, que un día destes foi ao notario facer testamento, que hai un traxe no armario e cartos na caixa de aforros para o enterro, e que quere ser enterrado xunto aos seus pais.
Non quere nin cura, nin esquelas nin flores, pero si un gaiteiro que lle toque no cemiterio a Alborada de Veiga e mailo Himno; para daquela a miña mai xa esqueceu a non coidada barba pondaliana e o aspecto de bardo do meu tío, e cando voltamos vén rosmando no coche que seu irmán definitivamente perdeu a cabeciña.

mércores, 23 de marzo de 2011

Liz Taylor (1932-2011)


Poderemos discutir se era a máis fermosa (e a súa beleza, á vista está, mesmo doe) ou só unha das máis fermosas; posiblemente diremos tamén que foi un dos temperamentos máis difíciles do cine, cos seus oito casamentos e as súas adiccións; lembrarémola xunto a Burton no papel couché, entre decorados exipcios ou na angustiosa sala de estar en que se odiaron para o público; talvez nos conmoverá recoñecer na mociña de Lassie e na deslumbrante gata sobre o tellado a anciá en cadeira de rodas que loitou por que a SIDA non fose invisible; dirán algúns que acabou converténdose nunha caricatura dela mesma, e lembrarán quizás con emoción o tempo en que ela soa enchía a pantalla co seu talle imposible de vespa e os seus ollos cor violeta.
Din os informativos que hoxe morreu Liz Taylor.

martes, 22 de marzo de 2011

Recomezando


Hai xustamente unha semana, ao querer entrar en Ithaca atopei que toda a miña conta fora inhabilitada: sen previo aviso e sen outra explicación que un máis que difuso incumprimento das condicións de uso. Oito días despois, a conta segue inhabilitada, e se á sorpresa sucedeu o encabuxamento, tras deste veu a resignación e o aggiornamento.
Sigo convencido de non ter incumprido ningunha das normas, e de que a decisión da todopoderosa Google clausurando o traballo de máis de seis anos no meu blog foi arbitraria, absurda, desmesurada e irrespectuosa coa propiedade dos meus textos. Con Ithaca desapareceron outros blogs: un que pronto pensaba abrir, con só as miñas fotos, e a Caixa B, o almacén de imaxes, textos en espera, recursos da rede, enlaces e artigos que me interesaban.
A sorte quixo que puidese salvar a maior parte do blog de Robinson grazas a que, por curiosidade, o exportara hai unhas semanas; aínda así, perdéronse na deblacle os enlaces e grande parte das imaxes que ilustraban os posts pero afortunadamente salvei do desastre os textos, os vídeos e os vosos comentarios, meus amigos.
Como despois dun incendio ou dun naufraxio, pensei que facer: tentoume abandonar, efectivamente, pero non atopei razón verdadeira; gústame demasiado isto como para deixalo, e esa sensación de darse por vencido á primeira vai pouco comigo; ademais, proíame esa desaparición á flamenga, sen despedidas nin explicacións, como de bandido.
Reabro hoxe, oito días despois, como Reincidente, cun formato provisional e outro enderezo, pero no mesmo sitio, mal que me pese: procurei por aí outros formatos e plataformas de bitáculas, e en ningún atopei o xeito que atopo na madrastra Blogger, ao mellor porque, como disque declarou unha vez a Raíña de Inglaterra, son xa demasiado vello para cambiar de cabalo.
Grazas a todos por seguir contando comigo.

martes, 15 de marzo de 2011

Homeless


Sigo conmocionado: coa conta unilateral e inexplicablemente deshabilitada, agora son un homeless.

luns, 14 de marzo de 2011

Reincidente

Copio do dicionario: "reincidir v.i. Incorrer de novo nunha falta, erro ou delicto".

Sen premeditación nin aleivosía, con moita nocturnidade, reincidín; volvín bater na mesma pedra: de novo alguén do traballo que un día destes se irá de aquí, de novo unha muller casada, por moito que unha vez hai séculos esa muller e eu, daquela case dous adolescentes, soñásemos xuntos cousas maravillosas, como na canción de Serrat.
E a causa de todo é o que me encabuxa máis: esa estupidez do home só que teima no destino, como se o tempo se puidese pregar e encartar á vontade ou como se, simplemente, non pasase.

luns, 7 de marzo de 2011

Subas

Hoxe, armado de civismo e parsimonia, empecei o día facendo prácticas: tentei manter os 110 pola autovía, sen adiantar e sen inmutarme cando pasaban á miña esquerda eses chiflados cos seus tolos cacharros nin cando até me adiantaban as cisternas do leite; ía xa pensando que me estaba a converter na miña propia avoa cando o risco de non chegar ao traballo me disparou a alarma e a adrenalina, e o coche pasou a 135.
Está claro que desde a semana próxima terei que saír dez minutos antes ou as multas acabarán comigo.
Pola mañá, os xornais pregoaban na rede aos catro ventos que o euríbor, ese foruncho, contraatacaba subindo nas últimas vinte e catro horas tanto como en todo o que levamos de ano, e o que lle resta.
A terceira, na frente: ao voltar para a casa, tan contentiño que eu ía coas vacacións recén estreadas, paguei a gasolina a 1'30 € (e iso que era no centro comercial e fixera eu case todo o labor).
Pola tarde a psicose era tal que pensei meterme na cama cun libro, ben embrullado en mantas e cobertores, para aforrar en calefacción mentres fóra o día ía poñendo cara de can. En lugar diso, adormecín na butaca do salón coma outras tardes, pero esta vez coa tele apagada, soñando tan só cos ñus que corren velozmente polo Serengeti perseguidos por grandes felinos africanos.

venres, 4 de marzo de 2011

Autofobia

Non sigo GH, xa o digo antes de empezar, pero isto non foi sempre así: confeso que fun un afervoado seguidor da primeira edición, cando estábamos embarazados da señorita Kaplan (que sen embargo non se viu exposta porque súa mai non daba resistido máis de cinco minutos diante da tele). 
As seguintes temporadas xa non as seguín: encargáronse diso os horarios e necesidades da nena, por unha parte, e por outra o progresivo aumento da estupidez e a vulgaridade per capita do concurso.
A indiferenza era total cando en Decembro pasado se produciu a fulminante eliminación da CNN+ e case no mesmo instante comezou a deambular polo meu salón o grupiño de vagos buscavidas e berróns do GH; daquela, e case en estado de shock, pillei o mando e eliminei a sintonía. Era un acto de rebeldía, pero tamén de hixiene, que completei (xa postos) borrando tamén da memoria Tele5, Intereconomía e outras canles inicuas e absurdas.
Aínda así, hai unhas semanas chegoume o runrún de que unha concursante galega do GH botara a lingua a pacer falando con desprezo xustamente diso, da nosa (e da súa) propia lingua.
Hoxe Teddy  fíxome chegar o enlace a un vídeo que, cando menos, dá que pensar. Que unha tipa que sae en GH esbardalle por televisión sobre os seus complexos e fobias non é un problema senón unha estupidez; que as súas opinións sexan representativas da mentalidade e a autoconciencia dun país, o noso, non é ningunha estupidez e si un gravísimo problema colectivo.

luns, 28 de febreiro de 2011

Cunqueiro

A xulgar polos post que lle levo dedicado (e os que non), non cabe dúbida de que o Inverno de hai  trinta anos foi demoledor.
Desta volta, o que lembramos é que mañá se cumpren tres décadas desde que ficaron orfos Sinbad, Merlín, o Sochantre, o incerto don Hamlet e toda a lexión de feirantes, menciñeiros e buscadores de tesouros que vai de Felipe de Amancia a Hermelina da Ponte, pois hai tres décadas, meus señores, morreu o pai noso da fantasía: Cunqueiro, contador de historias e poeta, que lembramos cun dos máis fermosos e melancólicos poemas de Herba aquí ou acolá, o que ten por título Aquela que pousa o fuso e maila roca.   


Volveuse cara a min e dixo: Teu é o tempo,
estrea días, tesouros busca, voa! A nave
miña vaite agardar.
E fun polo mndo adiante. Quen quere rosas,
ouro, pan trigo, mocidade, raiolas de sol?
           A nave estaba agardando na ribeira,
           de seguro. E a vella pousara na area
           o fuso e maila roca.
Tras o verán e o estío, o outono chegou.
A carón da nave voaban follas secas. A vella
díxome: Xa se me cansaban as mans de non fiar.
Eu dera todo agás unha rosa que soubera
meter en min, no peito de meu, no corazón.
Quixen mercar máis tempo. Isto é a vida?
dixen amosando a derradeira rosa.
          Na soidade do mundo, só
          un vaso ficaba: a caveira da vella tecedora,
         que, agora aprendín, tecía cinza.
Díxenme adeus a min mesmo, e na nave
entrei. Requiem aeterna!... Chameilles irmás
ás areas e as cunchas baldeiras e rotas do areal.
Isto é a vida? Isto é un ano, un século, unha idade.

mércores, 23 de febreiro de 2011

23-F

Hoxe no café non fomos menos e fixemos memoria daquel Luns de hai 30 anos, cando o país estivo á beira do abismo e finalmente optou por achantar coa vergoña que a tele nos botou ás caras, vacinándonos cunha sobredose do que en realidade sempre viñera sendo España durante dous séculos: cuartelazos, militares sobreactuados, políticos mediatinta, constitucións sen substancia e ecos testiculares e salvapatrias.
Como en case todos os acontecementos históricos que me tocou vivir, tamén aquel me pillou nunha aula: non como profesor senón como alumno; en 2º de BUP e con 15 anos, as fotos daquela póñenme diante un mociño fraco, con ollar serio, reacio ás gafas apesar da miopía, cunha leve sombra  escura sobre o labio e o pelo un pouco longo pero aínda sen melena.
Hoxe no café uns e outros van contando onde estaban e que fixeron tal día hai tres décadas: dous eran xa profesores e Erg facía as prácticas de maxisterio; E., fóra de contas desde había unha semana, daba a luz no Materno, hoxe recén pechado, o fillo máis vello; Cam facía primeiro de Filoloxía, Chicles no Pelo primeiro de BUP, e M., con cinco anos, supón que pillaría unha perrencha monumental porque ese día non puido ver os debuxos animados antes de ir para a cama.
Daquela noite interminable lembro que a noticia de que a Garda Civil buscaba terroristas no Congreso nola deu a miña mai cando chegou do traballo, que ceamos coa radio posta e constantes carreiras miñas á televisión, que ao día seguinte tiña non sei que exame que logo no faríamos, e que acabei indo para a cama cos apuntamentos e un transistor esperando a ver se o Rei falaba dunha vez ou que, e que, cando acordei pola mañá para ir ao instituto, sobre a miña roupa había unha nota de meu pai que, máis ou menos, dicía: "Non fales hoxe de política fóra da casa".

venres, 18 de febreiro de 2011

Unha cea romántica (entre outras cousas)

Eis un novo vídeo que descubrín nos estómagos do disco duro externo, e que tiven que rescatar de Youtube tras o expolio. Pode que o título non lle acaia demasiado ben a un anuncio de hipotecas americano de hai poucos anos que, polo demais, termina cunha frase que hoxe, e á vista do que leva chovido, explica moitas cousas:  Non xulgues demasiado pronto. Nós non o facemos.

martes, 15 de febreiro de 2011

Inculturación

Ando a ler o sorprendente e por veces altamente recomendable Menú de enganos de Manuel Núñez Singala, un conxunto de relatos breves organizado á maneira da carta de pratos dun restaurante. Para facermos boca, quero copiar  o primeiro deles, "Inculturación", da sección  Para picar.
 Non sen malicia, ilústroo con esta foto de varias meniñas fortemente inculturadas nas manifestacións do ano pasado en Compostela.

Alí parados os tres na espera do verde dun semáforo aparentaban unha posición acomodada: ela ía vestida de domingo, con tacóns, unhas mechas discretas no cabelo e unha estola de pel; el, acabado de afeitar, de traxe azul escuro e gravata a listas, co xornal fresco baixo o brazo. A nena, catro anos, con marcados trazos orientais, levaba un traxe de galega moi "riquiño". De fondo escoitábase a banda municipal tocando "Negra Sombra".
Ela, asegurando o ganchete do seu marido, díxolle:
-Así que la niña te sea un poco más mayor, quiero que vaya aprender chino.
-¿Y luego para qué? -preguntoulle el.
-¿Para qué va ser?, para no privarla de su cultura.

sábado, 12 de febreiro de 2011

Miscelánea

1. Mitreo: Coa señorita Kaplan visitei o outro día a parte visitable do templo de Mitra, fronte á Catedral católica, e alí, xunto a moedas enferruxadas, moas e unha ara votiva, tiven a oportunidade de coñecer os dous lugueses máis vellos que aínda admiten visitas, e que non son desde logo, nin moito menos, as tías O. e G., coitadiñas.
Ao saírmos á mañá radiante, a nena afirmou que quería ser incinerada por non pasar dentro de mil anos a vergoña de estar estomballada nun museo á vista de todos.

2. HULA: Desde que o inauguraron, hai poucas semanas, os que por unha ou outra razón xa estiveran nel poñían á proba a creatividade e a habilidade no uso de adxectivos, metáforas e comparacións hiperbólicas para describir os vestíbulos, corredores, aparcamentos e demais vísceras xigantescas do monstro hospitalario adormecido nunha das colinas que rodean a cidade.
Era cuestión de tempo inaugurármolo nós, e á tía O., que tiña case todas as papeletas, cóubolle a honra de estrealo, nesta ocasión porque os pulmóns non lle funcionaban ben; todos (e principalmente ela) confiamos en que lle darán a alta en poucos días.

3. Teatro: Acabou  a Mostra de Teatro Clásico: atrás quedan O avaro, O soño dunha noite de San Xoán, Ricardo III, Volpone e esa sublime estupidez da clausura que foi a Salomé ambientada nunha churrascaría polo CDG; pregúntome se Wilde non se estará a remexer aínda na súa tumba, pero do que estou seguro é de que o Bautista ben merecía a degolación a xulgar pola súa interpretación. Salvo esta excepción, o nivel das obras venceu a miña preguiza sempiterna e reconcilioume en parte co teatro.

xoves, 10 de febreiro de 2011

Calmo, mentiras e discos de ópera

De Delfos, da casa de Calmo, trouxen este Domingo dúas novas entregas de ópera e a estraña sensación de que estas citas dominicais de charla e codillo empezan a caer na penumbra: quedou moi claro no seu día que non ía haber nin explicacións nin pretextos nin promesas de nada, e menos aínda do de sempre.
Xantamos no das outras veces o suculento coxote asado que costuma ser o prólogo; logo voltamos para a casa sentindo a Primavera axexar nas arboriñas da contorna, e empeza o rosario de evasivas e mentiras até a vida ser de novo a que vivimos por separado.
Estou aínda atando os zapatos cando Calmo aparece ao meu lado cos discos das dúas óperas que esta vez me escolleu para que traia. Un deles aínda está na caixa, pero o outro, Norma, vérteme desde o estudio pola casa enteira a voz da Callas que, se ben non é tecnicamente o que se di unha voz perfecta, como diría Calmo, si ten o que debe ter para ser única. Sexa polo que for, desde Domingo cada vez que paso diante da máquina premo o botón e recomeza a Casta diva.
Non podo parar.

mércores, 2 de febreiro de 2011

luns, 31 de xaneiro de 2011

XXL

Esculcando polas carpetas do disco duro externo, ese enorme hangar ateigado de cousas non sempre identificadas, atopei varios vídeos curiosos que irei subindo aquí para seren vistos, e así ao paso me deixan espazo libre no almacén.
Este anuncio,  pura blaxploitation a medio camiño entre Bricomanía e a reciclaxe máis apañada, non deixa de ser simpático. 

sábado, 29 de xaneiro de 2011

Sucedeu unha noite

Segundo as últimas noticias, ao parecer antonte só fomos á folga tres persoas no meu instituto.
Nin Erg nin Cam, nin moito menos Chicles no Pelo, que polo menos non viñeron onte con xustificacións nin pretextos de mal perdedor; quen si demandou a extremaunción foi E. no corredor de arriba, que veu coa conciencia avariada para dicir algo tan bobo como que estivera dándolle voltas e ao final, cando foi para a cama despois da película, decidiu que non folgaba e agora estaba arrepentida.
O día para min foi moito máis caseiro que outra cousa: coa neveira ateigada de víveres como para resistir un asedio e sen necesidade de saír, acordei tarde porque me deitara moi tarde, almorcei cos xornais en liña e volvín para a cama a ler; puxen en orde a casa mentres no forno se asaban dúas patas esquerdas de atrás de (obviamente) dous coelliños diferentes que serviron de prólogo a unha tarde estomballada e sen cores: fóra, porque orballaba no día morriñento; dentro, porque a pasei en abeiros e vehículos inverosímiles xunto a Clark Gable e Claudette Colbert por unha América amable e en branco e negro.
Á hora da cea chamou Polis para recordarme non só que está vivo tras a enchente de fumées e robalizas senón que ademais cumpre 46 tacos a semana que vén e está disposto a celebralo; dime que está medio de baixa, recén operado dun absceso de pus e, sen que ninguén mentase sogas en casas de enforcados nin nada semellante, pasamos a metade dos 56 minutos telefónicos falando das nosas popas respectivas, e o resto xurándolle que o Mércores ás dez da noite estarei sen falta chantado no seu felpudo.

martes, 25 de xaneiro de 2011

Deprimente

Os xornais dicían que onte era o día máis deprimente do ano, e para demostralo reproducían a fórmula matemática dun científico de Cardiff que incorporaba factores climatolóxicos, económicos e persoais, como as tentativas frustradas de cambio, os bos propósitos fallidos, os malos hábitos non abandonados.
Así pois, non debe estrañar que a ministra escollese tal día para anunciar esa estraña decisión de converter as nosas caixas de aforros en bancos que algún día serán vendidos; deprime que sexan sempre os socialistas os que fagan o caldo gordo á dereitona, como co ensino concertado, a privatización das empresas públicas, as reconversións navais e industriais, e agora todo o sarillo da xubilación e as medidas de axuste cos parados; cen anos de loita obreira para conseguirmos os descansos, dicía meu avó en tempos de FG, e veñen precisamente os socialistas e permiten abrir en Domingo.
O día máis deprimente pasou pero o resto continúa: da folga convocada para Xoves os meus colegas ou non ouviron nada ou non pensan secundala, e a min non me quedan máis argumentos que o da disciplina sindical que me nace do carné de afiliado e o noxo a decepción perante o que vexo arredor.
Deprimente é escoitar na radio a ZP mentres almorzo, case tanto xa como escoitar a seguir o martelo que salvo meteoro ou algo nos gobernará en poucos meses; deprimentes son o prezo da gasolina, a Lei Sinde, a desunión dos sindicatos precisamente agora, as invitacións institucionais a visitar a Pirámide da Cultura; deprimentes as horas de publicidade propia na TVE, a nova visita do papa e que os antigos presidentes e ministros se forren legalmente tras deixaren o cargo facendo o paripé en consellos de administración e asesoramentos de empresas privadas.
Onte os xornais falaron do día máis deprimente do ano; hoxe aquí nós falamos do ano máis deprimente do día.
Xa saben: ese gris marengo tirando a negro.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

Zodíaco


Que foi daquel tempo en que se daba por suposto que nada hai máis inmutable que os astros?
Cando aínda a moitos nos dura o encabuxamento pola degradación de Plutón a planetoide, agora sabemos que as constelacións do zodíaco son trece e non doce, e que a entrada no nomenclátor oficial de Ofiúco ou Asclepio fai que boa parte dos que éramos de Escorpión sexamos en realidade de Balanza ou, como di algún xornal, fiquemos sen personalidade nin destino.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Misa

Quen di que non aumentarían os fieis cada Domingo se houbese un pouco máis de humor na liturxia, algunha improvisación e un chisco de sorpresa na misa? Recén chegado á miña bandexa de correo.

martes, 18 de xaneiro de 2011

Antitabaco

Aos habituais temas dos nosos cafés de media mañá (crise, xubilación, alumnos) sumouse o do tabaco, cuxo cheiro por certo desapareceu dos nosos abrigos; a fumar fóra do bar saen a media conversa algúns dos fumadores indomables pero substitúenos os que terminaron o cigarro e que xa teñen sobre a mesa o café á espera; á porta do local hai xente a fumar en dous grupos heteroxéneos nos que sen embargo non se misturan profesores e alumnos, que por afinidade ou oposición orbitan cinceiros diferentes.
Entre os que non fumamos, día a día vai nacendo o aburrimento de escoitar conspiracións absurdas e argumentos imbéciles contra a lei; mesmo eu, que acabei hai pouco o libro de Beevor sobre a guerra civil, non me dou librado ás veces da paranoia.
Un día destes o de Historia, que é fumador e sabe de revolucións e pronunciamentos, dixo que a anterior lei antitabaco,  a do 2005,  foi como a Transición, superficial e compracente, un meter só a puntiña, un quero e non podo, pero que esta é unha lei autoritaria e abusiva.
Hoxe empezamos lembrando aqueles tempos non tan lonxanos en que se fumaba no ascensor, no autobús, no Carrefour, e até nas aulas, onde nunca faltaba un cinceiro na mesa do profesor (aqueles profesores nosos que botaban un pito mentres resolvíamos problemas e ecuacións), cando algo se desencadeou no interior de Chicles no Pelo, que a pouco máis me escalda co café, tal a contundencia con que afirmou que este Goberno noso teima tanto en meterse nas nosas vidas e nas nosas camas que até nos controla como, cando e onde fumar, e iso que ela nunca foi fumadora. Houbo manifestacións de apoio en todo o hemiciclo, e aí o de Física propuxo que, se non teñen pelotas a prohibiren o tabaco, que nos deixen vivir en paz, o que suscitou novas mostras de adhesión.
Cam e eu, encartados nun recanto da mesa como nun ghetto, rillábamos cadanseu cruasán pequeniño lamentando que todo aquel caudal de enerxía non se encamiñase a mellores fins. 
Vaia país sería o noso daquela.

venres, 14 de xaneiro de 2011

Hoxe

 
   Imaxe: Gustavo Aimar
Toca ir buscar a señorita Kaplan.
Despois de tantos días todo aquí espera por ela. Principalmente eu: se tivese que esperar un só día ou dous máis, até mañá ou pasado por exemplo, creo que tolearía sen remedio.

martes, 11 de xaneiro de 2011

Trafegos

Veu Teddy e marchou Teddy; veu Haddock e marchou Haddock; viñeron os Reis e marchou o Nadal con todo o que agora estorba. 
É o tempo de recollermos ornamentos e desarmar (aínda, a día 11) o nacemento cos montes de musgo á volta do presepio, e de estudarmos as instrucións do microscopio porque non damos visto moito máis que aquela pata de mosca que nos vén de mostra.
Mentres, no portaequipaxes do coche sigo cargando coa vella cociña de xoguete da señorita Kaplan, coma un Apalpador desquiciado á procura dunha nena a quen lla dar.

xoves, 6 de xaneiro de 2011

Última listaxe

Prometo solemnemente que esta é a última listaxe, que non vai haber máis balances despois deste das lecturas do último semestre do ano pasado, que a partir de agora e no que respecta a este blogue o 2010 será  esquecido e arquivado para sempre baixo sete chaves.
O primeiro dos libros empeceino in situ, precisamente: Estambul. Ciudad y recuerdos, de Orhan Pamuk. A el seguiron La leona blanca, de Henning Mankell; O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro (de quen por certo Settecento me espera na mesa de noite); En tierras bajas, de Herta Müller; Klaus Nowak, limpiador de alcantarillas, de Pedro Mañas Romero; Akhenatón, de Naguib Mahfuz; Salitre, de Jaureguízar; Los gritos del pasado, de Camilla Läckberg; En castellano no hay problema, de Carlos Callón;  Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño; Xela volveuse vampira!!!, de Fina Casalderrei e Noemí López; e  La guerra civil española, de Antony Beevor, que non pasará desta semana.
Palabra.

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Balbino

O Balbino, aquel rapaz de aldea, aquel ninguén que era ademais pobre, cumpriu hoxe 50 anos. Parabéns.

martes, 4 de xaneiro de 2011

Populares


Seguimos metidos en fariña de rankings, balances e inventarios conmemorativos do tránsito de ano; nesta ocasión, a inesperada listaxe dos post máis populares deste blogue ab urbe condita; non deixan de sorprender algúns dos pratos que figuran neste menú, pero alá Blogger cos seus xoguetes.
  1. Post (o do fin das primeiras vacacións de Nadal sen ter que marchar a ningures).
  2. Meme dos 1001 post (no que se celebraban cun meme os mil post de Ithaca).
  3. Acuario (o de como a señorita Kaplan conseguiu que lle comprase un acuario).
  4. Vade retro (o da visita do Papa).
  5. Premio (o do que nos concedeu Paideleo).
  6. Romy (o dos 70 anos de Romy Schneider).
  7. Botín (o da limpeza do rocho e o que alí foi atopado).
  8. Historia (o do que teñen en común os alumnos británicos cos meus).
  9. Inventario de lecturas (o das lecturas do semestre pasado).
  10. Eu xa o fixen. E ti? (o da galeguización dos propios nomes).