venres, 17 de agosto de 2007

Atenas

De Atenas veño cunha botella de viño (regalo de Ambece), un chavín para a chave da casa nova (regalo de Ilu) e 50 euros menos, os que me custou invitalas a xantar nun italiano moi ben decorado pero de comida máis ben regular, con longos intervalos entre prato e prato que nós enchemos con retallos das nosas vidas, presentes e pasadas.
Todo era igual que sempre: empecei a darme de conta onde os camiños se bifurcan e o coche, en vez de seguir para Delfos como agora costuma, seguiu para Atenas ventando carballeiras vellas e castiñeiros en flor.
Por non mudar nada, Ambece chegou media hora tarde, empoleirada nos tradicionais tacóns de dous metros, e empezamos o reconto de dous anos sen vérmonos; logo chegou Ilu, exactamente ao contrario: alpargatas planas e blusa pulcramente abotonada até arriba.
Dixémonos uns a outros que non cambiáramos, ou que cambiáramos para mellor, que estábamos igual, tal vez máis delgados; por suposto, tamén falamos de casas, de vendas, de mudanzas, de hipotecas, o tema de conversación nacional. Asomaron por alí os excónxuxes (véxote moi ben, pero con moitas enrugas tendo en conta o que te coidas, conta Ambece que lle dixo o seu ex marido ao recoller os nenos), os vellos colegas do instituto (inventario de xubilacións, rupturas, partes de saúde, rotinas), os nosos fillos (como o fillo de Ilu pasou fame aprendendo inglés cunha familia americana que só comía porcarías, ou como o fillo máis vello de Ambece, de 11 anos, aprendeu no campamento a facerse peras: ao pobre, como é pequeno, parece que só lle sae unha gota, pero contaba que os outros botaban isto ou aquilo, e había un que era o campión e blablablá, e Ilu e eu ficamos tan pampos que non sabemos se rir ou cambiar de tema á vista do relato).
Sae por fin o sol entre as nubes cando tomamos café na terraza de Santa Eufemia, case ao pé da torre da Catedral; un par de gaivotas preguizosas revoan sobre nós á media tarde; lembro que hei de volver para a casa, onde a miña filla espera cos seus avós.
Camiñando como tantas veces antes pola rúa do Paseo, teño que facer un esforzo para non baixar en dirección ao Couto, onde xa non vivo hai dous anos.

7 comentarios:

X dixo...

Como pasa o tempo!
non?

Anonymous dixo...

vaticino que o 30 de agosto serás unha asasinA...doutro energúmeno asasino

Kaplan dixo...

eink?
ánónimo: pode facer o favor de botar a patiña por baixo da porta a ver se son quen de entender a premonición?
agradécese

Kaplan dixo...

señora x: si, o tempo pasa que é un primor!

La queue bleue dixo...

Atenas?!
:D
Carambita, carambola. Fai-me graça e fai-me pensar o aparvada que som por nom ter sido consciente até agora (q n o terás dito vezes, digo eu!)e depois pois também che me dá umha pouca inveja. ;)

peke dixo...

O seu post fíxome lembrar outros tempos.

Anonymous dixo...

Gaivotas en Ourense??!