sábado, 11 de agosto de 2007

Semana

Vivo nun deserto, e non só pola calor: os amigos aparecen brevemente no horizonte como oasis coa forma de mensaxes de móbil, tórridas ceas de despedida, visitas repentinas ou citas en lugares inesperados.
Martes tomei o chá con Tere Holmes na casa dos seus pais no canto de xantar con ela; estando comigo a nena prefiro non faltar ás comidas. Falamos das respectivas mudanzas mentres na televisión poñen a novela á que está enganchado todo cristo menos eu; non tocamos certos temas, pero dime que ten reservado un barriliño de cervexa para cando a inauguración do tobo, algo que non sucederá, pero que non lle digo.
De regreso, vexo a Ti rodeada de familia nas Cortiñas de San Romao; segunda vez que nos vemos en meses, os que levo afastado do endogámico grupo polo que non inaugurarei con festexos: temo como o lume que algunha me pote no sofá ou que Estridente me taconee subida na mesa do comedor e con perigo de ser degolada polas aspas do ventilador do teito. Por suposto, nada disto comento con Ti, que tras a crónica de obras e reformas aínda me arranca a promesa irmos comer o cocido con Tere Holmes no de sempre.
Mércores foi Teddy quen chamou para un dejà vu de café escaso.
Xoves, inesperadamente, Ambece chama para dicir que fai o Camiño de Compostela ao mar, que ao día seguinte chega a Fisterra, que estará uns días en Atenas antes de regresar ao Sul, e que non regresará sen que nos vexamos.

3 comentarios:

Mrs.Doyle dixo...

Pois si que é unha semana activa, si.

X dixo...

Non haberá festexos?
:-(

Anonymous dixo...

Pos esta amigha que son eu xa te está botando de menos. A ver cando me ves ver, ou cando me convidas. Son Nona, que este cerello non me deixa asinar.