sábado, 4 de agosto de 2007

Encantador

Por fin fun cear na casa de Encantador, un estupendo ático con vistas á Catedral e teitos en mansarda: como as casas de París, comentou devotamente Polis mentres curioseábamos polas estantes ateigadas e o ventilador teimaba en baixar a temperatura que nos debuxaba bonitos círculos na camisa.
Polis pasara a recollerme no batmóbil, o que lle agradecín por non cargar coa torta de amorodos polas ardentes rúas de Ithaca, aínda que logo deu igual, porque deixamos o coche nun subterráneo a varias millas do obxectivo.
Mentres Encantador viña e non viña do ximnasio, Polis fixo de anfitrión: abríu coa súa chave, gardamos o pastel na neveira e, lata en man, pasamos revista ás coleccións de cómics, vinilos, bolas de neve, coches de folla de lata, monicreques pendurados nos cantos do salón e na barra da cortina, os madelman en formación (dos auténticos, remacharía despois Encantador, que os compra na rede por un ollo da cara) e todo aquel paraíso de infancias conxeladas e bastante pó en que o mazinger parecía reinar.
Durante a cea falamos do prezo das casas; Encantador, que traballa nunha caixa de aforros, aseguroume que os xuros aínda subirán este ano e, entre prato e prato, tentou venderme unha hipoteca. Pero do que máis se falou foi de vacacións, esas que os dous collen agora e pasarán nunha casiña alugada perto do mar, e tamén desoutras que Encantador (tras nos ameazar varias veces con ir pola caixa das fotos) pasou por medio mundo nos últimos 35 anos e que nos foi referindo co acento épico dun Stanley ou un Marcopolo de hoxendía: daquela Berlín era unha cidade ocupada, pasamos a Tánxer na furgona duns contrabandistas, vimos porno en Montpellier cando aquí todo estaba prohibido, e nese plan.

Pasaba da media noite cando marchei; Polis baixou comigo a sacar o batmóbil do aparcadoiro e ofreceu levarme á casa; rexeitei: a noite estaba tan fermosa e estrelecida que ir en coche sería pecado.

3 comentarios:

X dixo...

Encantador resulta tan "prototípico", en fin, supoño que todos somos algo prototípicos.

Polo menos aproveitaría para tirar unhas instantáneas desde unha posición tan privilexiada, ou non?

La queue bleue dixo...

Uns mais que outros, X. E sempre é máis fácil quanto mais prototípico se é (bueno, depende tb do prototipo de que se trate! :D).

peke dixo...

Lembro o do mazinger. Uff!