Onte veu polo tobo Polis, a deixarme sen provisións de patacas fritas e cervexa, a dicirme que teño que volver á dieta porque me estou a poñer coma un pote (como se un non tivese roupa que llo recorde cada día), e a ver no meu sofá e de patas na mesa a que, segundo el mesmo me di, é con moito a súa peli favorita: Sexo en Nova York, the movie. Non era a primeira vez que a vía, nin moito menos: foina ver ao cine dúas veces, con Encantador e sen Encantador; e desde que a comprou en dvd xa non a saca da máquina: así ve partes soltas, inconexas, e sempre descubre algo novo, di Polis mentres as catro mozas corren 5ª Avenida adiante do hard ao pen-drive. Logo entretense na inspección dos títulos e na louvanza da cantidade e calidade do almacenado na cova do tesouro; tamén el cre que ao paraíso lle resta pouco, o que, vindo dun avogado, é para ser tido en conta.
Había meses, practicamente desde Semana Santa, que non nos víamos; por iso eu non sabía do esmagador problema que afoga a Polis, unha vez que as dores que o atormentaban desapareceron como viñeran: B., a asistenta que herdou de súa mai e que hai catro décadas lle limpa a casa e lle pasa o ferro ás impecables camisas, a que lle limpaba os mocos e outras cousas de pequeno, a que lle segue a facer filloas de sangue cada matanza, cumpre 65 anos o mes que vén e non quere nin ouvir falar de retardar a xubilación. Naturalmente, meter a estas alturas unha estraña na casa, e escollela antes, e ensinarlle que debe facer e como, é algo que supera a Polis e lle pon os pelos de punta; a candidata ideal está na película, baixo a férula de Carrie, e el, sinalándoma co cigarro que vai acender, di que sería capaz de roubala sen remorsos: sabe facer as cousas da casa, programar e é estilosa e espelida sen excesos; a única chata que lle vemos é que non ten pinta ningunha de darse xeito coas filloas de sangue.
Seguimos ás catro por unha selva de divorcios, matrimonios, rupturas e reconciliacións, hai que darlle ao pause a cada pouco para que Polis se acorde de que ten a billa do bidé avariada e que se agora verás que riquiños os cadelos da Charlotte e que se agora mira que fai a Samantha co sushi; eu mírolle a Polis de esguello o escintilar de Nova York nas gafas, e, rezando para que non me rebente o final da peli, volvo darlle ao play. unha vez tras outra.
Cando deu marchado era xa moi tarde.
2 comentarios:
Non é calquera que fai fillozas (variante Carrouchas) de sangue, non. Comprendo o drama. (^_^)
A única solución que lle queda ó seu amigo é adoptar á muller que o leva cuidando toda a vida. Eu non sei por qué se poden adoptar fillos e non nais. O fin o único que engadiría era unha bronca de cando en vez, pero non tería que pagar salario (como moito, o que se lle da ás nais: un agarimo, un regaliño o día da nai e en navidades e, pouco máis). A vostede ¿qué lle parece?
Publicar un comentario