martes, 30 de xuño de 2009

Diáspora

May vai pasar medio Xullo acompañando a súa amiga Pía en non sei que cursiño de astronomía; percorrerán despois o Languedoc e a Cerdanya, e acabará o resto das vacacións na casa de súa mai, viúva hai pouco.
Haddock propoñíame Andalucía, unhas vacacións familiares con el, a súa noiva, a súa filla e a miña filla, pero algo coma o instinto dos raposos vellos fíxome dicirlle a Haddock, amablemente, que non, horrorizado perante a certeza de pasar as vacacións convertido en canguro.
A idea de viaxar por Asia, con Polis e Encantador facendo permanentemente o número de Hernández e Fernández por Bombai e Bangkok, fíxome perder o sono un par de noites, as anteriores a dicirlle a Polis, amablemente, que non.
Partindo de que estes últimos catro anos sen vacacións foran socialmente demoledores deixei os sondeos para demoscopia e, como contei aquí, unha boa tarde volvín para a casa cun Mp3, unha tarxeta de memoria e un billete de avión para unha fuga en solitario.
Así estaban as cousas cando Teddy entrou en escena. Efectivamente, é certo que me tiña dito que lle gustaría que fixésemos unha viaxe, con Deni ou sen Deni, con praia ou sen praia, e tamén o é que sempre pensei que, se dous ás veces son multitude para tres aínda non se inventou a palabra, así que lle dixen que si, que un Vrao destes, e desentendinme tanto que até lle contei nun email cheo de lamentos de fin de curso que comprara un billete de avión e que me ía, só, por aí.
Varias chamadas perdidas e varias mensaxes de móbil despois, Teddy telefona e pon por diante que Deni non virá porque non ten vacacións, e que por contra el pode librar así e así e cambiar con este a quenda para librar tal día, e aínda que me perdo nos seus cálculos e estupidamente digo que igual non hai billetes, a el non lle valen argumentos: Teddy está tan decidido a vir que faría falta un cataclismo para impedirllo.
Ou unha mentira enorme que non estou disposto a argallar porque en realidade estou contento de non ir só, pero, e sobretodo, de que veña Teddy comigo.

1 comentario:

Sun Iou Miou dixo...

Atopar compañeiro de viaxe ao gusto dun non é fácil. Aproveite.