luns, 14 de setembro de 2009

Cousas mellores

Estou convencido de que poucas cousas hai mellores que visitar unha exposición de Matisse na mañá dun Domingo de Setembro, pero algunha hai.
Como, por exemplo, tender tres resacas ao sol na praza de Anaya despois de acordarmos en tres tristes camas monopraza dun piso de estudantes con pelos na bañeira, que Encantador negou con vehemencia seren do seu sobriño antes de ninguén dicir nada, con evidentes cercos negros en cociña e baños, e non direi máis por non causar unha estampida.
E é que cando acordei a dor de cabeza estaba alí, Rambo controlábame desde o póster da parede, e eu xuro que non sentía as pernas, meu Deus, as pernas.
Os Polis discutían en calzóns na cociña o planing e o timing; comprobei que non había tampouco alí aspirinas nin outra cousa que comer, apoiei a proposta de Encantador de quedarmos a xantar en Salamanca e deixar a Matisse para a seguinte exposición, así fose no fin do mundo, e corrín a vestirme antes de que os dardos envenenados de Polis se me cravasen no lombo.
Almorzamos (tarde, silenciosa e carisimamente) café e churros na praza Mayor; reneguei de min por ter deixado a cámara en Ithaca, fixemos as contas, lembrando ao paso o Haddock e os nomes dos outros locais en que estivéramos até ao amencer; camiñando polo centro, fomos comprobar que o batmóbil estaba indemne e procuramos un lugar tranquilo para xantar; para daquela Polis xa falaba coma a xente e non só non mordía senón que até nos aderezou a comida con dúas ou tres cousas divertidas.
Non hai como ter o estómago cheo para mirar o mundo aos ollos.

4 comentarios:

Sun Iou Miou dixo...

Haberá máis oportunidades de ver a Matisse, sen dúbida, e máis resacas para perderen a oportunidade de velo, pero sempre quedarán os pelos anónimos na bañeira.

Ra dixo...

Ay, yo tenía el Nu bleu IV de Matisse coronando mi vida -y cada uno de mis colchones añejos- de estudiante :)

Sabia sentencia final.

Mua

mariajesusparadela dixo...

O final, foi estupendo...eu xa sabía.

peke dixo...

Pelos na bañeira!