Hai unha película en que unha familia descobre repentinamente que está arruinada e non pode nin ir de vacacións; aínda así, para non dar que falar ao vecindario, enchen o coche coa equipaxe, despídense de todos e marchan, pero pola noite voltan á casa dispostos a pasaren dúas semanas encerrados para logo reapareceren como de volta dunha estadía nalgunha illa, inesquecible e exótica.
Acordeime onte desta historia ao falar con Polis, e tanto flipei co que ouvía que pouco faltou para me esquecer de que tiña a nena na bañeira e unha lasaña dentro do forno.
O que sabía das vacacións de Polis era que os dous marchaban a Oriente, a unha ruta aínda non definitiva que unhas veces incluía Vietnam ou Cambodia e outras non, pero Beijing, Xangai e a Gran Muralla foron irrenunciables durante meses: perdín a conta das veces que tentaron convencerme de os acompañar poñendo no asador os guerreiros de terracota de Xi'an ou a inmensidade de Tian'anmen, comprei a guía de Grecia no mesmo día e lugar en que eles compraban unha de China, e cando quedei con Polis a primeiros de Agosto para collerlle a chave e aceitarlle a encomenda de regar as plantas e subirlle o correo, esa tradición estival, o único que os separaba da China era pagar os billetes e o papeleo dos visados.
Se houbo ou non algo máis que as recomendacións da embaixada e o sobresalto permanente dos medios de comunicación é algo que me explicará Polis o Martes cando tomemos unha cervexa, probablemente coas pernas sobre a mesa de wengué do salón onde o gingko biloba bonsai se transformou nunha diminuta e sinistra árbore do enforcado, e tan morta coma a propia mesa.
De momento sigo atónito ao saber que non só non chegaron a Oriente nin lles cumpriron os visados nin a guía nin comprar divisas, senón que pasaron sen gripe nin dragóns, tan ricamente, tres maravillosas semanas de vacacións de Agosto...
...en Foz!
3 comentarios:
E que ben fixeron!
Estupendo cambio :)
Xa estou desexando que chegue o martes para saber máis detalles.
É un pracer saber que a nena non se afogou, a lasaña non se queimou e Foz ten tantos atractivos como Pekín e compañía. Se quere, entre todos, podemos reivindicar a fermosura de Foz.
Per¿quen lle vai devolver o verdor ó bonsai?
Publicar un comentario