mércores, 9 de setembro de 2009

Estou con Garzón

...porque durante 70 anos no meu país a maior impunidade gardou as vidas, os bens e a memoria dos militares e civís que subverteron un sistema político lexitimamente establecido, e esa impunidade mantívose até case o día de hoxe coma un veo de silencio e olvido.

...porque nunca se investigaron os xuízos sumarísimos e os procesos sen garantías en que civís e militares leais foron condenados a morte ou a outras penas de cárcere por motivos exclusivamente políticos e ideolóxicos.

...porque tampouco se procesou nin imputou nin investigou nunca os presuntos participantes en paseos, torturas e outras actividades delictivas toleradas e organizadas para estender o terror e consolidar o novo rexime.

...porque aínda hoxe sucede que os tribunais preservan os nomes dos verdugos e encubridores, e nunca houbo un interese real por parte das autoridades de abrir as fosas e recuperar os corpos das vítimas represaliadas, por moito que sexa coñecida a ubicación de tales restos.

...porque máis de tres décadas despois da morte do ditador e os seus secuaces non hai cidade, vila ou aldea de España que non mostre sen pudor nas rúas, igrexas e edificios públicos os nomes, a ideoloxía e os símbolos dun rexime sanguinario, ilegal e feo como poucos.

...porque cando por fin o noso Goberno saca adiante unha Lei de Memoria Histórica, esta resulta ser raquítica e mesquiña, sen orzamento, e vai á deriva entre as competencias e intereses de comunidades autónomas, concellos, xulgados, familias, partidos políticos, sindicatos e naturalmente da igrexa católica.

...porque agora, tras décadas de impunidade e infamia, o primeiro que pasa por un xulgado en relación cos crimes de Franco é precisamente Garzón, o único xuíz que encausou a ditadura.

... e por último porque non deixo de pensar se no meu país as cousas non se estarán a facer outra vez ao revés, se os honestos defensores da legalidade serán de novo considerados delincuentes, e os lobos e verdugos rectos homes de ben.

6 comentarios:

paideleo dixo...

Sempre están os poderosos atentos a apagar calquera iniciativa que os faga mover dos seus postos.
Un saúdo setembreiro.

mariajesusparadela dixo...

Eu estou con Garzón e con vostede

Ra dixo...

Le tengo un miedo atroz a eso de que vuelvan todas las modas. Sin duda unas son más ponibles que otras.

Brindo por ustedes dos, caballero.

La queue bleue dixo...

Chapeau.

tere holmes dixo...

Esta é a dirección da tenda onde tes que comprarme os abanos, se podes. Dous abanos de home un claro e outro escuro. Grazas.
Como non leves gravata mañá che estrangulo co meu cinto.
Deixa a maleta feita e che vas desde o banquete cunhas copas de máis que che permitirán durmir ata salamanca.
Era o teu mellor amigo!!!

Sun Iou Miou dixo...

Estamos, estamos, señor Kaplan, que isto, paseniño paseniño, como sen que nos queiramos dar de conta, vai recuando e non recúa só: hai quen empurra.