martes, 8 de setembro de 2009

May

Como aquelas damas de Proust, Sábado apareceu May para tomar as augas no balneario, aquí en Ithaca, que son sulfurosas e ao parecer excelentes para moitas avarías máis das que ten May.
Esta May, que viviu un curso en Ithaca hai polo menos tres lustros, quería ver como mudara a cidade en todos estes anos, pero o asunto termal pola mañá e pola tarde esta calor serodia e pegañenta que toca agora, complicaron a visita até facer imposible ningún paseo pola Muralla ou por Mouse Park.
Non direi, porque non mola nada, que cambiamos tales grellas polo aire acondicionado doutras termas moito máis modernas e menos romanas, onde a señorita Kaplan merendou salchichas escoitándonos pasar lista de amigos e actualizar biografías, estados civís, destinos, desatinos e até traicións das que xa non moven muíño.
Si direi, porque foi tan certo como inesperado, que fixemos unha linda e pequena travesía fluvial polos caneiros o Domingo á tarde: o sol incendiaba as pólas de ameneiros, bidueiros e carballos, as augas fulguraban ao paso do catamarán, e a señorita Kaplan, correndo desatada de proa a popa, acababa coas baterías da cámara retratando aquelas beiras que parecían selváticas.




3 comentarios:

Sun Iou Miou dixo...

Tamén aí fixo calor, meu? Eu onte pensei que chegara a fin do mundo mesmo, polo menos a do meu mundo. Aínda ben, logo veu a noite e comprobei que non morrera desta aínda. Hoxe dáme a min que vai ser para peor.

Ai, até dan ganas de mergullar nesas augas escuras, para que a devoren a unha as pirañas.

Perry dixo...

Aquí ha sido el mismo infierno estos días; a esta hora llegamos al punto de ignición.

mariajesusparadela dixo...

Ai, señor Kaplan, ¡qué lle vou contar de Ourense!
(diga que teño unhas paredes de pedra das de antes, que me teñen en conserva...)