Nos últimos días foron poucas as conversas en que alguén non me comentou que quitaran a ditosiña estatua, como se fose un ben moi prezado ou como se con ela se fose unha parte de nós que se resistía a marcharse.
Era unha estatua horrible dun home horrible, digna dun tempo tamén horrible que non damos borrado de nós, coma unha tinta negra e indeleble.
Para mostra, dous botóns: miña irmá xura e perxura que, cando íamos de cativos pasarmos os veráns a Brigantia, ela e as amigas xogaban ás casiñas á volta do adefesio, e que até lle pasaban por entre as pernas como se formasen unha porta, cousa toda esta que eu non lembro pero que, de ser certa, demostraría o valor da miña irmá e o moito que perdeu a Lexión por non aceptar mulleres, e é que a estatua era como para saír correndo.
O outro botón é de bragueta e débollo a Polis, ese gran entusiasta das historias inguinais, hai polo dúas décadas, nunha noite de farra brigantina: como o brutal modelo da estatua mutilada non só perdera no Rif un ollo e o brazo esquerdo senón tamén un testículo, Polis non sabía cal pero non importa, Celia Gámez, que foi recoñecida amante do xeneral moitos anos, coquetamente se refería a el como o meu perfumador.
Como soubo isto Polis nunca o cheguei a saber, ou se mo dixo xa non o lembro, pero a historia deu moito xogo aquela e outras noites.
Agora, ao mirar na foto que os xornais publicaron o vulto sinistro e fantasmal colgando dun guindastre, sorprende que un tipo que entrou na historia ao berro de Viva la Muerte! puidese ter un monumento nun país civilizado. Pero xa nos coñecemos.
7 comentarios:
"O vulto sinistro e fantasmal colgado dun guindastre" NON É O VULTO QUE EU PENSO, CLARO...porque vostede non sabe se o vulto era no lado dereito ou no sinistro (no caso deste home sinistro era o que tiña e o que lle faltaba) (o ollo, quero dicir)
Es increíble que aun sigan nuestras calles manchadas con toda esa simbología fascistas
Creo que lo del perfumador no voy a superarlo en la vida, Kaplan.
Dígame que le he entendido mal :)
No sólo por lo que simboliza es esa estatua horrible. A la vista también hacía daño.
E agora, digo eu, onde van cagar as pombas?
A min tamén me vai traumatizar algo o do perfumador. Sobre todo dende que vin a imaxe linkada...
Os estandartes da momenklatura franquista ( estatuas, escudos) seguen dando que falar 35 anos logo da morte do asasino Franco na súa cama. Desafortunadamente isto é un indicativo do aparello político que nos lego co seu herdeiro Juan Carlos e o seu sequito de mandantes e un sistema político que ampara os privilexios dos de sempre e dunha clase política que segue cos seus privilexios, mentres se alarga a xubilación ata os 67 anos, os deputados que boten dúas lexislaturas, apertando os botóns que lles indica o apuntador, coma se dun adestrador de baloncesto tratarase, teñen dereito a cobrar a pensión máxima.
Publicar un comentario